Boca do Río, Carnota: IV Enarborar o bosque, o 7 de xuño

Debido aos fortes ventos na praia de Boca do Río, e por motivos de seguridade, trasládase o evento e a carpa ao entorno do Polideportivo de Pedrafigueira.

Este ano terá lugar o IV Enarborar o bosque que, como sabedes, organizamos o colectivo artístico Arteu e Factoría Delideas. Trátase dunha convocatoria artística para defender o noso medio natural, durante unha xornada, o 7 de xuño na praia da Boca do río en Carnota.
Este ano a loita será contra o lume nos nosos bosques, que cada ano destrúen a nosa paisaxe.
Cada artista leva os seus materiais para crear ao aire libre e o seu xantar, nunha xornada na que tamén haberá música e poesía. A convocatoria está aberta ademáis ao público xeral, todas e todos son benvidos, rapazada e adultos.
Gustaríanos contar contigo. Podes ver información sobre este e os eventos anteriores no noso blogue tamén o evento que temos creado no Facebook.

Xosé Antonio López Teixeira gaña o Premio de Investigación de Historia Medieval de Galiza e Portugal 2013

Desde Fervenzas Literarias:
“A Casa da Cultura do concello de Porto do Son acolleu o acto do fallo do Premio de Investigación de Historia Medieval de Galiza e Portugal 2013, que organizan conxuntamente a editorial Toxosoutos e os Concellos de Carnota, Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son dende o ano 2001.
O xurado do premio, formado por Henrique Monteagudo, Clodio González Pérez, Xerardo Agrafoxo, Ana Isabel Boullón, Pedro García Vidal e Olga Novo, decidiu por maioría entregar o premio á obra presentada baixo o lema Códice Calixtino, de Xosé Antonio López Teixeira. A obra gañadora deita unha ollada na historia de Galicia baseada nos documentos e afastada da visión habitual da historiografía española asentada por Menéndez Pidal. Salientan o coñecemento e a crítica da bibliografía existente e mais a exposición argumentada e documentada dunha tese que refuta o lugar común de considerar a Xelmírez como o principal axente político do sei tempo, para outorgarlle este papel a Pedro Froilaz, o conde de Traba, como cabezaleiro dunha clase aristocrática que tivo un maior protagonismo no desenvolvemento do reino de Galicia do que é adoito outorgarlle. (…)”

Mallou, Carnota: obradoiro de relato histórico de Francisco X. Fernández Naval

Desde o proxecto Castro de Mallou:
“O escritor Francisco X. Fernández Naval, un dos grandes recreadores literarios da Costa da Morte e gran coñecedor da historia, a cultura e a mitoloxía de Carnota, ofrece un Obradoiro de Relato Histórico. A súa novela A Noite Branca (Premio Irmandade do Libro 2013) é unha das últimas achegas á literatura de corte histórico desde Galicia. Este será un obradoiro singular, xa que os participantes deberán escribir un relato histórico ambientado no Castro de Mallou, imaxinando entre todos a vida, a mitoloxía e o castro como un lugar vivo, habitado ou pensado polas xentes.
Pero ademáis, o Obradoiro terá unha estrutura singular, xa que os participantes combinarán as sesións de discusión e traballo literaria con Francisco X. Fernández Naval cunha xornada de voluntariado no castro, explorando todos os seus detalles, coñecendo de primeira man o traballo dos arqueólogos e contando co seu asesoramento técnico para calquera dúbida en relación á recreación histórica da Idade do Ferro na costa galega.
Cos relatos entregados, o proxecto editará un libro -en papel e electrónico- deseñado e impreso por cortesía dos alumnos e profesores do CIFP Compostela.
DATOS TÉCNICOS: 
Lugar de celebración:
Local social de Mallou e Castro de Mallou
Idade mínima para participar:
15 anos
Datas: 
19 de xullo, venres, ás 19 horas.
27 e 28 de xullo, ás 11 horas, no Local Social de Mallou.
O día 20 de xullo, sábado, será a xornada de voluntariado no Castro de Mallou, iniciándose ás 10 h. (traede gorra, luvas e calzado deportivo).
Duración das sesións:
2 horas (agás a xornadas de voluntariado).
Prezo:
15 €. Por este prezo, os asistentes ao obradoiro reciben o xantar do día 20 de xullo canda o resto do equipo e tres exemplares do libro editado. O pagamento do curso realizarase o primeiro día de sesións.
Como inscribirse:
A través deste formulario no web do Concello de Carnota.”