O Día de Rosalía pasa a celebrarse o 23 de febreiro

Desde a Fundación Rosalía (foto da Fundación):
“A Fundación Rosalía de Castro convocou esta mañá a diversas entidades culturais e educativas relacionadas co Día de Rosalía para acordaren que as celebracións deste aniversario pasen a ter lugar desde este 2022 o día 23 de febreiro e non o 24 como acontecía ata agora, logo do recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira que corrixiu a data de nacemento da autora.
Acudiron á convocatoria da Fundación Rosalía na Casa-Museo representantes de entidades relacionadas co Día de Rosalía, como o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega; Dores Silveira, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega [de forma virtual] ou Olimpio Xiráldez e Erea Estévez Campos, da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Tamén participaron representantes institucionais, como Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Lorena Couso, concelleira de Cultura de Padrón; ou Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago [de forma virtual]. Asemade, asistiu á xuntanza Sagrario Abelleira, investigadora que realizou o achado documental que demostra, entre outros feitos relevantes, que Rosalía de Castro naceu o día 23 de febreiro.
A Deputación da Coruña, cuxo deputado de Cultura, Xurxo Couto, non puido asistir por cuestións de axenda, manifestou o seu apoio á decisión tomada.
O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional. “

O Concello de Padrón falla o VII Certame poético Rosalía de Castro, que obtén Rafa Vilar

Desde o Concello de Padrón:
“O Concello de Padrón fallou o VII Certame poético Rosalía de Castro a favor de Rafael Xesús Vilar González pola súa obra O sal dos días. O xurado valorou a estrutura, a coherencia temática, o simbolismo do territorio. “É un poemario lingüístico moi coidado. Ten vocación de conxunto”, destacan na acta de resolución .
O xurado estaba integrado polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, como presidente, Lorena Couso, concelleira de Cultura; Anxo Angueira Viturro, profesor do departamento de filoloxía galega e latina da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro; Manuel Lorenzo Baleirón, mestre no IES Macías o Namorado de Padrón; María Xesús Senín Fernández, profesora de lingua e literatura galega no IES Camilo José Cela de Padrón; Xosé Luís Axeitos Agrelo, filólogo, escritor, investigador e membro da Real Academia Galega; e María López Sández, filóloga, ensaísta, profesora de Educación Secundaria e profesora asociada na Facultade de Ciencias de Educación da Universidade de Santiago de Compostela.
“Este premio significa moito para a noso municipio pola relevancia da figura de Rosalía de Castro na historia de Padrón, sendo un dos nosos símbolos de identidade máis senlleiros. É unha honra poder descubrir, a través deste certame, novos escritores que coa súa expresión conseguen explorar emocións e sentimentos da man da beleza”, afondou Lorena Couso, concelleira de Cultura do Concello de Padrón. “A todas as persoas que participaron neste certame dámoslle as grazas e trasladamos a nosa noraboa ao premiado”, engadiu.”

Padrón: Abride a Fiestra 2019

Sábado 13
19:00 h. Visita teatralizada con Os Quinquilláns.
20:00 h. Recital poético multilingüe co Colectivo de Poetas en Bruxelas e un grupo representativo da poesía galega actual. Participarán os/as escritores/as Taha Adnan, Frank de Crits, Geert van Istendael, Serge Meurant, Silvia Vainberg, Bart Wonck, Ramón Neto, Xavier Queipo, Chus Pato e Yolanda Castaño.
21:00 h. Concerto de Cristina Pato, con Roberto Comesaña.

Domingo 14
Con feira de produtos rosalianos de todo a xornada e ludoteca para nenas e nenos.
11:00 h. Visita guiada pola horta da Casa, por Carlos Dacal.
11:30 h. Visita guiada pola Casa, por Pedro Feijoo.
12:00 h. Paco Nogueiras, concerto familiar (Brinca vai!).
12:00 h. Conferencia de Xosé Luís Méndez Ferrín sobre “Rosalía, A Matanza e Rodríguez del Padrón”
12:30 h. Visita guiada pola Casa, con Pepe Barro.
13:00 h. Mini-concerto de Secho no Piano de Rosalía.
13:00 h. Conferencia de Carlos Castelao sobre “As fotografías de Rosalía”.
13:30 h. Regueifa con Lupe Blanco e Kike Estévez.
14:00 h. Performance poética de Andrea Sanjurjo e Fabián Niño.
14:10 h. Concerto de Secho.
16:00 h. Proxección do filme Contou Rosalía.
17:00 h. Visita guiada pola Casa, por Francisco Rodríguez.
17:30 h. Paco Nogueiras, concerto familiar (Radio Bule Bule).
18:30 h. Visita guiada pola Casa, con Olga Novo recitando.
18:50 h. Mini-concerto de Ugia Pedreira e Cristina Pato no Piano de Rosalía.
19:00 h. Visita guiada para nenos/as con Manuel Lorenzo Baleirón.
19:15 h. Performance musical de Ugia Pedreira, acompañada por Cristina Pato.
20:00 h. Presentación do proxecto ‘Amigos/as da Casa de Rosalía’, por Anxo Angueira.
20:20 h. Presentación do libro do Premio Escolar de Poesía.
20:40 h. Entrega da Rosa de Galicia á familia de Villar Granjel + Coral de Padrón.
21:00 h. Concerto de Davide Salvado.

Apoian:
– Deputación da Coruña.
– Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
– Concello de Padrón.
Patrocinan:
– Galicia Calidade.
– Adega Paco eLola.
– St. Petroni. O vermú de Galicia.”

Oriana Méndez gaña o Premio Rosalía de Castro

A viguesa Oriana Méndez vén de gañar o Premio Rosalía de Castro de Poesía que convoca o Concello de Padrón, e co que colabora a Fundación Rosalía. Fíxoo coa obra titulada O corazón pronúnciase extenso, baixo o lema “Unha esperanza antiga”.

Padrón: presentación de O Catastro de Ensenada na xurisdición de Padrón, de Xosé Carlos Beiró Piñeiro