O Xardín das Pedras que Falan homenaxea tres novas poetas

Desde Nós Diario:
“O Xardín das Pedras que Falan, sito no xardín de Fonseca, en Santiago, conta dende hoxe cos versos de tres novas poetas: Olga Novo, Laura Pugno e Moon Chung Hee. As pedras cos seus textos foron descubertas esta sexta feira a mediodía, nun acto presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que felicitou ás elixidas sinalando que “pasan a formar parte permanente, para sempre, da vida de Santiago”.
Olga Novo di nestes versos que “a última vangarda é o amor”. Para Laura Pugno “aflora a palabra como un pedazo de óso, un pensamento entre a mente e a herba”. E Moon Chung Hee, a única ausente, escribiu: “son eu o único xeito de atoparme. Baixo o ceo cheo da pregunta”. Estas tres novas pedras suman quince, das 42 previstas no proxecto.
No acto tamén estaban presentes o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da USC e un dos impulsores do proxecto xunto ao escritor Suso de Toro, así como os edís Branca Novoneyra e Jorge Duarte, de Compostela Aberta.
O “Xardín das pedras que falan” xorde en 2018 grazas á colaboración entre o Concello e a USC, que fan realidade un proxecto concibido polo escritor Suso de Toro. Tratábase de crear unha espiral con diferentes pedras, nas que se gravan liñas ou versos inéditos asinados por escritores e escritoras de diferentes países e diferentes linguas. (…)”

Compostela: Escola de Escritoræs. Obradoiro Movendo os marcos. Nós, escribimos, con Andrea Nunes Brións

O Obradoiro Movendo os marcos. Nós, escribimos, con Andrea Nunes Brións, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG, co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

Este obradoiro está concibido como un espazo de creación e reflexión ao redor da literatura e da propia escrita fóra dos marcos hexemónicos establecidos.
Desde unha reflexión feminista ao redor dos textos, falaremos de privilexios, interseccionalidade e da responsabilidade que leva consigo o lugar da escrita e a súa recepción.
Ampliaremos as nosas olladas e  moveremos os marcos para que poidamos elixir os camiños que, como escritoras, queremos transitar.

– A cargo de Andrea Nunes Brións e cunha sesión especial de Ana Romaní.
– Terá 8 sesións de 3 horas cada unha.
– Hai un total de 20 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, farase mediante o envío dun correo electrónico a oficina@aelg.org.
– O obradoiro desenvolverase na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega (Rúa das Casas Reais, 8), en Santiago de Compostela.

Calendario
– Días: sábados 22 e 29 de abril; 6, 13, 20 e 27 de maio; e 3 e 10 de xuño de 2023.
– Horarios: de 11:00 a 14:00 h.

Información sobre protección de datos
Información sobre protección de datos A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.