A Consellaría acepta a proposta histórica da CIG-Ensino de incluír o día de Rosalía nas conmemoracións escolares

Desde CIG-Ensino:
“(…) A Consellaría amosou a súa dispoñibilidade a aceptar a incorporación do 24 de febreiro como día de Rosalía. É sabido que esta data está asentada na sociedade grazas ao activismo cultural e social que despois de moitos anos conseguiu que se celebre en multitude de centros educativos. A CIG-Ensino fixo súa esta proposta desde hai anos. O Secretario Xeral afirma que considera positiva a nosa proposta e que así o trasladará á Consellaría.”

A AGADIC lanza as axudas á creación 2021 e impulsa unha bolsa de dramaturxia co CDG

Desde Erregueté:
“Esta semana, coincidindo cos actos de celebración do Día Mundial do Teatro, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, e os seus órganos depentes, AGADIC e Centro Dramático Galego (CDG), abriu o prazo para que as compañías de artes escénicas soliciten as axudas á creación deste ano, así como unha convocatoria para a recepción de proxectos de escrita dramática coa fin de desenvolver unha dramaturxia que será coproducida polo teatro público.
A convocatoria vai dirixida ás compañías que se dedican de xeito profesional á produción de actividade escénica e desenvolven a meirande parte do seu traballo en Galicia. As bases continúan a clasificación de apartados aplicada en 2020 e distinguen catro modalidades de subvención.
Así, a Modalidade 1 inclúe os espectáculos de empresas de nova creación e a dotación máxima é de 70.000 euros, dos que cada compañía beneficiaria recibirá ata 18.000 euros. Na Modalidade 2, para a creación escénica no ámbito do teatro, o novo circo e a maxia, a dotación máxima é de 430.000 euros, con ata 60.000 euros por empresa beneficiaria.
Pola súa banda, á danza e artes do movemento, integradas na Modalidade 3, destínanse ata 100.000 euros, con 37.500 euros máximos por adxudicatario. En todos estes casos, a estrea do espectáculo obxecto de subvención debe producirse entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2022.
As axudas inclúen unha Modalidade 4 para a actividade escénica de carácter trianual, cunha dotación máxima de 200.000 euros, dirixida a subvencionar ata dous proxectos escénicos para desenvolver durante o período 2021-2023, con ata 100.000 euros para cada un deles. Estes proxectos deben conter cando menos unha produción con data de estrea entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2023, así como un plan de xira de 70 funcións que considere tanto o mercado galego coma o exterior.
Para a fixación da contía que recibirá cada proxecto teranse en conta o plan económico-financeiro presentado, a contía solicitada e a puntuación obtida nos criterios de valoración. A achega ten un límite do 90% do orzamento na Modalidade 1, do 75%, nas Modalidades 2 e 3 e do 80%, na Modalidade 4. Neste sentido, atenderase a aspectos como a empresa, a capacidade de produción e de distribución, e as características da produción. Tamén se valorarán criterios como o interese cultural e artístico, as estratexias de difusión e promoción, a repercusión na creación e fomento de públicos, a viabilidade técnica e económica, e a memoria de dirección.
O obxectivo desta liña de apoio é favorecer a produción escénica en todas as súas disciplinas artísticas e incrementar o público, así como consolidar as industrias culturais competitivas que xeren retorno e buscar a excelencia nos produtos culturais galegos.
Bases axudas á creación escénica

Bolsa de dramaturxia e creación
Con este procedemento preténdese darlle impulso á promoción da dramaturxia galega contemporánea, mediante a convocatoria a todo o sector para que presente proxectos de escrita dramática, co compromiso de formalizar, coa entidade/profesional seleccionada pola comisión técnica profesional que se constituirá para este efecto, os correspondentes contratos de creación dramatúrxica do proxecto seleccionado.
A esta primeira convocatoria, dotada con 4.000 euros, seguiralle unha segunda, dotada con 12.000 euros, para levar a cabo este ano, en réxime de coprodución co CDG, un espectáculo teatral a partir da dramaturxia elaborada polo presente procedemento.
Poderán presentar os seus proxectos as persoas, físicas ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade en Galicia. Quedan excluídas as asociacións e as restantes entidades sen fins de lucro.
Xunto coa solicitude, deberá achegarse, no prazo de 20 días naturais, unha memoria explicativa do proxecto que conteña unha sinopse/proposta do texto (máximo 10.000 caracteres, espazos incluídos), a traxectoria das persoas ou do colectivo que participe na escrita e unha carta de motivación.
Bases bolsa de dramaturxia e creación

Conmemórase o 60 aniversario das Memorias dun neno labrego

Desde Nós Diario:
“O día 5 de xaneiro de 1961 publicábase a primeira edición dun libro que faría historia nas nosas letras. Nas súas páxinas despregábanse as palabras de Balbino, que narraba, en primeira persoa, remedando a escrita nun caderno, as vivencias cotiás da infancia na aldea. Esta elemental premisa é abondo para identificar de que falamos –Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, por se fica alguén no despiste-, pois tal é o impacto que pasaría cos anos a converterse na novela galega máis popular da segunda metade do século XX.
En conmemoración do 60 aniversario da obra, un lustro após o falecemento do autor, tivo lugar en Compostela no auditorio que leva o seu nome (no Gaiás) un acto, que tivo lugar, puxo de relevo a importancia desta obra emblemática. A el asistiron o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; o da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o da Editorial Galaxia, Antón Vidal e mais o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.
Era a editora Follas Novas a que sacaba esta primeira edición, a quinta da súa curta andaina, da man do propio Neira Vilas e da súa compañeira, Anisia Miranda. Sacaba unha tirada de 2.000 volumes que tivo boa acollida, vendida tamén nunha pequena porcentaxe na Galiza, mais que non chegou a esgotarse.
Un dato curioso tendo en conta a difusión que posteriormente tería, reeditada por Ediciós do Castro -logo dun intento frustrado por constituílo como o primeiro título da editora Rúa Nova- con ilustracións de Isaac Díaz Pardo, en 1968 nunha tirada de 1.000 exemplares que xa se esgotou, e que a partir da quinta edición pasan a imprimirse 5.000 ou, máis adiante, até 10.000.
As amplas vendas da primeira metade da década dos 70 anticipan así a forte demanda dun libro que se vendía “como roscas”, segundo lle contaba Manuel María ao autor nunha carta en 1971. No proemio de Alonso Montero cualifícaa de “obra máis lida da literatura galega”.
A día de hoxe cóntanse 35 edicións cun total de 700.000 exemplares, aos que se suman traducións a idiomas como o alemán, o sueco, o romanés, o ucraíno, o búlgaro, o esperanto, o checo, o maia ou o ruso, así como a publicación en braille, que o converten no libro escrito en galego máis traducido e editado. Seis décadas após a publicación, segue revalidando o seu posto entre as dez obras máis vendidas en 2020 por Galaxia.
Memorias dun neno labrego retrataba a dura realidade da Galiza rural dos anos 40, enfrontando temas como a desigualdade ou a emigración. A obra de Neira Vilas tivo precisamente neste último tema un dos piares fundamentais. Así se manifesta desde a ficción até os artigos xornalísticos, ademais de nas dúas obras que compuxeron a triloxía que abriu Memorias: Aqueles anos do Moncho e Cartas a Lelo.
Unha preocupación que bebe, en parte, da súa propia experiencia vital. Nado en Gres (Vila de Cruces) en 1928, de familia labrega, criouse na aldea e traballou a terra até os 16 anos, cando entrou como contable nun serradoiro. Aos 20 anos emigrou a Bos Aires. En 1961 trasladouse a Cuba e non sería até 1992 que volveu a Vila de Cruces.
As Memorias dun neno labrego beben, xa que logo, como o propio autor manifestou en vida, da súa biografía, que coincidía coa de tantas outras crianzas da época. “Sentía a necesidade íntima de sacar de min aquelas vivencias. Vía que na literatura galega non se trataba o tema ou facíase de esguello, por autores que non triparan lama nun sabían coller unha legoña”, admitía entrevistado por Nora Longhini en 2008, como recolle o volume de Galaxia Neira Vilas. Os anos da Arxentina (1949-1961).
A conmemoración completouse coa presentación do documental Un legado de futuro, un novo contido audiovisual que achega datos relevantes sobre o autor, a súa época e a súa obra. Aliás, houbo unha especial lembranza das numerosas adaptacións e iniciativas sociais, editoriais, teatrais, audiovisuais, musicais e pictóricas que configuran e completan o universo Balbino e que dan conta dun patrimonio que continúa vivo na actualidade.
Dolores Vilavedra denominaba Memorias dun neno labrego como “primeiro bestseller da literatura galega”, condición á que contribuíu o feito de ter acompañado a introdución da lingua galega no ensino. Con todo, non se considera de maneira consensuada unha peza de Literatura Infantil e Xuvenil, malia unha certa orientación dalgunhas edicións a este público ou a súa propia dedicatoria -“a todos os nenos que falan galego”-, senón que tende a identificarse como literatura de fronteira e mesmo asociada ao bildungsroman (novela iniciática). Sen entrarmos en tecnicismos, trátase dun relato que poden gozar crianzas e persoas adultas, que logrou manter as vendas de maneira regular durante moitos anos, polo que podería considerarse, segundo propón Iolanda Galanes, como longseller.”