O
xoves 1 de marzo, ás 19:30 horas, no salón de actos da Aula UNED de Ferrol (Rúa María, 52-54), e dentro do ciclo de conferencias As miñas lecturas favoritas, Darío Xohán Cabana falará sobre Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, Queixumes dos pinos, de Eduardo Pondal e Se o vello Sinbad volvese ás illas, de Álvaro Cunqueiro.
Arquivos da etiqueta: Darío Xohán Cabana
Daniel Salgado: Cunqueiro para ben e para mal
Reportaxe
de Daniel Salgado sobre Álvaro Cunqueiro en El País:
“(…) “A narrativa de Cunqueiro revalorizouse, sobre todo, nos noventa, grazas ao labor teórico de Xoán González-Millán”, considera a profesora Dolores Vilavedra, que recentemente publicou un mapa da cuestión, A narrativa galega na fin de século (Galaxia, 2010). E engade: “Esa revalorización tardou en producirse en parte por prexuízos ideolóxicos, en parte porque non había ferramentas teóricas para enxergar unha obra así, deuse unha incapacidade hermenéutica”. O paradigma dividíase, na atoutiñante prosa de posguerra, entre o existencialismo rebelde de Blanco Amor -non conceptualizado dese xeito- e o relato de fonte popular e tendencia fantástica de Ánxel Fole. Cunqueiro non cadraba en ningures. “O seu programa está fóra do tempo, tampouco ten relación coa literatura española”, explica Vilavedra, para quen o achegamento ao escritor dende a dicotomía realismo / fantástico “encorsetou a súa obra”.
Na súa gran triloxía en galego, esa que vai de Merlín e familia, pasa por As crónicas do sochantre e desemboca en Se o vello Sinbad volvese ás illas, non existe o eixo temporal, a mestura indiscriminada de tradicións culturais avanza estratexias melting pot, un pouso melancólico percorre todo o seu espiñazo e nas ansias por ser outras vidas e explorar outros mundos sedimenta o edificio narrativo. “O Sinbad é un libro para montar a vida nel, é para namorarse e é unha cabronada para un escritor”, sentencia Darío Xohán Cabana, aínda sinceramente abraiado, moitos anos logo do seu contacto cos repertorios do mindoniense, “pola capacidade de evocación da súa linguaxe”.
Mais o propio Cabana, que asegura volver unha vez e outra aos poemas de Herba aquí ou acolá, é consciente dos riscos de Cunqueiro. “A súa narrativa ten unha influencia enorme na literatura posterior”, di, “pero posúe uns xeitos que, se te achegas demasiado a el, podes acabar sendo unha caricatura”. O perigo do manierismo, do que tamén alerta a crítica Dolores Vilavedra e no que sitúa o menos produtivo da herdanza cunqueiriá. Non dubida en poñer exemplos: “O Xentiario (Galaxia, 2009) de Carlos Reigosa ten unha vontade de homenaxe explícita aos libros de semblanzas, pero se cadra aí se atope o menos interesante”. Pero tampouco detecta alternativas a esa liña, pegadas sutís, asimilacións fértiles: “Non as vexo”. (…)”.
No mesmo medio, pódense ver artigos de Quico Cadaval, Suso de Toro, Daniel Salgado e Iago Martínez.
Durango: participación galega na Feira do Libro e do Disco Vasco
“O Culturgal,
tras pechar a porta do Pazo de Cultura de Pontevedra, meteu na súa maleta unha escolma das propostas culturais que representan ao sector das industrias culturais galegas e viaxou cara a Durango Azoka, a Feira do Libro e do Disco Vasco. Como cultura convidada, Galicia respondeu ao convite de Gerediaga cunha mostra multisectorial que abranguen desde o audiovisual, á literatura, a música e o teatro. Para facelo, conta co apoio económico ofrecido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Este é o programa da presenza galega:
Domingo 4 de decembro:
– 12:00 h. Acto inaugural. Galicia somos todos. Con Antón Reixa.
– 18:30 h. Euskaraz eta galegoz. Os escritores vascos Harkaitz Cano, Leire Bilbao e Urtzi Urrutikoetxea ofrecerán un recital de poesía, no que lerán os seus poemas escritos en euskera e de seguido traducidos ao galego.
Luns 5 de decembro:
– 13:00 h. En
Galego e Euskara, sobre Galicia e Euskal Herria. O escritor galego Darío Xohán Cabana e o euskaldún Pako Aristi, conversarán sobre o oficio de escribir e a situación da literatura en ambas as dúas linguas. Acompáñaos nos labores de moderador o doutor e escritor galego, residente en Euskadi, Xosé Estévez.
Martes 6 de decembro:
– 17:00 h. Sesión de animación con escritores vascos e galegos. Baixo o patrocinio de Gálix os escritores galegos Concha Blanco, Pere Tobaruela e Ledicia Costas, xunto cos escritores vascos Pako Aristi, Castillo Suárez e Felipe Juaristi realizarán unha sesión de animación de contos.
Martes 6 de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 h. e mércores 7 de decembro de 11:00 a 16:00 horas:
– Caixiña de Mistos: Un misterio para Tintimán en Durango. Por Mr. Misto Films e Santiago Jaureguizar.
Mércores 7 de decembro:
– 12:30 h. A
Asociación Escritores en Lingua Galega (AELG), cos seus homólogos vascos de EIE, participarán nunha mesa redonda sobre os 28 anos de historia de Galeusca e o seu futuro próximo. Xosé Estévez representará á AELG e Fito Rodríguez á EIE. Galeusca é un encontro anual de escritores e escritoras que reúne a representantes das literaturas galega, vasca e catalá e que organiza de forma rotativa cada unha das asociacións de escritores. No 2008 constituíuse a Federación Galeusca para establecer relacións produtivas e estables entre os creadores das tres culturas.
– 17:30 h. A empresa galega Imaxin|software e a vasca Elhuyar Fundazioa de Usurbil (Gipuzkoa) presentan o multimedia educativo ZooLoco ou Zoo Zoroa, que realizaron conxuntamente. Tras a presentación, realizarase un taller lúdico.
– 18:00 h. Mesa redonda na que Artur Trillo, representante de Talía Teatro, debaterá cun creador vasco sobre o teatro e as “linguas minorizadas”.
Xoves 8 de decembro:
– Vídeos musicais galegos, curtametraxes e o documental Digna Rabia, que mostra a historia das mulleres galegas na época franquista. Durante todo o día.
– 16:00 h. A importancia do son, por Sinsalaudio.
– 20:00 h. Concerto Acrobatak, con Ugia Pedreira, Fred Martins e Mikel Urdangarin.”
Queremos agradecer especialmente a Xosé Estévez o envío de fotos e información sobre a repercusión dos actos en diversos medios: AZOKA DURANGO 2011.
Fernando Díaz-Castroverde gaña o Premio de narrativa breve Repsol con Microbios e outros paquidermos
“Fernando
Díaz-Castroverde gaña o Premio de narrativa breve Repsol coa obra Microbios e outros paquidermos, dotado con 9.000 euros e a publicación da obra na Editorial Galaxia. Fina Casalderrey, membro do xurado, definiu a obra gañadora como “un libro harmonioso, relacionado cos aforismos”, destacando “o uso da a contundencia do breve, utilizando a retranca, ou absurdo, a transgresión e a crítica mordaz”. Son microrrelatos intelixentes que levan á reflexión, conseguindo un ritmo áxil que convida a facer paradas para o lector. “É un libro para pensar”, concluíu. Trinta e nove foron as obras orixinais e inéditas que, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120, se presentaron a este premio que chega á súa quinta edición. O xurado, formado por prestixiosas personalidades das letras galegas, estivo composto por cinco membros: Dolores Vilavedra, Darío Xohán Cabana, Carlos Lema, Xabier López e Fina Casalderrey. A entrega do Premio terá lugar antes do final do ano, nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña.” Vía Galaxia. Entrevista en La Voz de Galicia, e reseñas en Xornal, La Opinión, Fervenzas Literarias e El País (Galicia).
Lugo: recital poético na inauguración da exposición Alexandre Bóveda. Da vida e o compromiso
O
venres 1 de xullo, a partir das 19:30 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, inaugúrase a exposición Alexandre Bóveda. Da vida e o compromiso. 1903-1936, aberta entre o 1 e o domingo 31 de xullo (co seguinte horario: de luns a venres: de 11 a 14 e 17 a 20 h. e sábados: de 10 a 14 h., domingos e festivos, pechado). Como parte da inauguración terá lugar un recital poético a cargo de Carme Blanco, Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana, Marica Campo e Isidro Novo.
Lugo: presentación do número 26 da revista oral O pazo das musas
O
xoves 30 de xuño, a partir das 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, preséntase o número 26 de O pazo das musas, revista oral de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), nun acto coordinado por Antonio Reigosa, co seguinte sumario:
– Portada musical. Na Fraga de Merlín, por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
– Álvaro Cunqueiro. Louvanza, por Darío Xohán Cabana (10 minutos).
– Poesía de Álvaro Cunqueiro. Díxenlle á rula (Herba aquí ou acolá). Noivado IV (Poema do si e non), por Carlos Vázquez (5 minutos).
– Música. Porta de Oriente, por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
– Memoria do Mondoñedo de Álvaro Cunqueiro. O cruceiro do claustro da catedral de Mondoñedo, por Fernando Arribas Arias (10 minutos).
– Historias de Álvaro Cunqueiro. Historias de Os outros feirantes, por Ana Carreira (8 minutos).
– Música. O que Deus mandou (Afonso X, O Sabio), por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
– Álvaro Cunqueiro, gastrónomo. Cunqueiro: o home que sabía o que sabía, por Isidro Novo (5 minutos).
– Poesía de Álvaro Cunqueiro. A dama que ía no branco cabalo e Agora trobo o vento e maila lúa fría (Dona do corpo delgado), por Carlos Vázquez (5 minutos).
– Música. Alalá do Cebreiro, por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
– Historias de Álvaro Cunqueiro. Historias de Os outros feirantes, por Ana Carreira (8 minutos).
– Teatro de Álvaro Cunqueiro. Vexo vexo… que ves?, por Paloma Lugilde e Rubén Pérez Pombo (10 minutos).
– Música. Polos teus ollos quen pasou, amiga (Álvaro Cunqueiro: Cantiga nova que se chama riveira), por Pilocha. Músicos: Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich (3 minutos).
– Opinión. Intervención do público. Entrega de diplomas aos amigos/as da revista (5 minutos).
– Epílogo. Por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo (3 minutos).
– Contraportada musical. No niño novo do vento (Álvaro Cunqueiro: Cantiga nova que se chama riveira), por Pilocha. Músicos: Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich (3 minutos).
Crónica posterior en El Progreso.
Lugo: faladoiro O popular na obra de Álvaro Cunqueiro
O
xoves 2 de xuño, ás 19:30 horas, na Aula Sociocultural Novacaixagalicia (Praza de Santa María, s/n.) de Lugo, terá lugar un faladoiro sobre O popular na obra de Álvaro Cunqueiro, acto organizado polo Consello da Cultura Galega con motivo do Ano Cunqueiro, no que participan Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana, Antonio Reigosa e Armando Requeixo.
A Coruña: presentación de Os trobadores de Occitania, de Darío Xohán Cabana
O xoves 14 de abril, a partir das 20:00 h., na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11, na Coruña), e con entrada libre até completar capacidade, preséntase o libro Os trobadores de Occitania, de Darío Xohán Cabana. No acto intervirán, acompañando ao autor, Martiño Cabana Otero e Xosé Luís Méndez Ferrín.
Darío Xohán Cabana devólvelle a vida á poesía da Occitania
Ponteceso: conferencia de Darío Xohán Cabana no Outono Pondaliano
O
martes 30 de novembro, a partir das 16:00 h., na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, proseguen as actividades do Outono Pondaliano, coa conferencia de Darío Xohán Cabana sobre De Pondal a Novoneyra. O programa completo pódese consultar aquí.