Desde Galaxia:
“A Editorial Galaxia publicará a obra Khôra, de José Luis Baños de Cos, gañadora do I Premio Castelao de Textos Teatrais e ambientada na cidade de Vigo. Este novidoso certame, impulsado pola Deputación de Pontevedra para poñer en valor a figura do intelectual galego e seguir impulsando a cultura e lingua galegas, foi un completo éxito de participación cun total de 43 obras presentadas.
O xurado, presidido por Luis López Diéguez, presidente da Deputación e integrado por Ana Carreira Varela, actriz, dramaturga e narradora oral; María Cristina Domínguez Dapena, docente e directora teatral; Vanesa Martínez Sotelo, actriz e dramaturga galega; Francisco Javier Núñez Alonso, director do Centro Dramático Galego; e Antonio Pena Abal, docente e escritor, escolleu por unanimidade a obra Khôra como merecedora deste primeiro premio Castelao, dotado con 12.000 euros. “A temática social, que amosa problemas do noso tempo; a calidade na escrita reflectida a través dos diálogos e da caracterización das personaxes; e a axilidade da súa estrutura” foron os argumentos esgrimidos polo xurado para elixir a peza do dramaturgo José Luis Baños de Cos.
En palabras do propio autor da obra: “Khôra trata sobre un grupo de amigos que se reúne cada venres para poñerse ao día sobre o acontecido durante a semana. A través destes encontros, a obra amosa a realidade social na que viven: os problemas da vivenda, o significado do fogar, os cambios ideolóxicos, a transformación das cidades en lugares menos habitables e como a procura de utopías rematan en distopías xustificadas en nome do progreso. En definitiva, Khôra é unha reflexión sobre o ser humano contemporáneo e sobre como cambiaron as súas relacións persoais e o seu vínculo co espazo que habita.””









