Entrevista a Diana Varela Puñal en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Comecemos cunha idea forte. Que é para vostede a literatura?
– Diana Varela Puñal (DVP): No meu caso, escribir é a parte final dun proceso que pasa, primeiro pola observación e máis tarde pola reflexión, para ás veces cristalizar na escrita. Non é nada premeditado, nin moito menos que olle a realidade que me rodea para “aproveitala” como un recurso literario. Nin sequera me gusta demasiado tomar notas de sucesos, ou intres que me chaman a atención. Se verdadeiramente “me tocan”, permanecen en min palpitando para sempre. Nunca temín esquecer eses pequenos lampos, porque se os esquezo, supoño que non eran o suficientemente importantes como para ser a semente de algo, que sinta necesario escribir. Iso é como eu definiría a literatura. Aquilo que cando se le ou se escribe, un sinte que lle era necesario. A ollada de quen coa súa escrita é capaz de arroxar luz sobre a realidade, sen falta de describila. Pero a arte ten distintas “frecuencias” e cada quen conecta cunha distinta. De modo que, se ben isto é valido para min, pode non selo para outra persoa.
Distinto é falar de métodos de traballo. Eu, cando xa teño un libro en proceso, entón si apunto detalles, episodios, versos. Pero son dúas etapas diferentes. Digamos que o tempo de fermentación é algo que non manipulo, nin pretendo manipular racionalmente. A posterior elaboración do texto, non digamos a corrección, si a controlo con rigor.
Diría, por tanto, que definiría a literatura como o froito do pensamento abstracto, cando o vivido está tan interiorizado que xa nin a penas se pode rastrear a súa orixe, a anécdota da que xurdiu. Para posteriormente ser o resultado dun rigoroso, cabal e responsable exercicio de corrección. A sucesión de enxeños, información acumulada para xuntar páxinas, ou achados literarios, non son o que eu, por volver ó fío da pregunta formulada, cualificaría como literatura. Pero insisto en que son “frecuencias” e cada quen ten a súa propia coa que conecta. A poesía, a música, a pintura, a literatura que a min me fai tremer, é a que me transporta máis alá da realidade “vivencial” ou concreta, a que me arrastra ata augas profundas sen falta de artificios. (…)
– PG: Escribe principalmente poesía, mais ten textos narrativos e teatrais. Hai en cada eido unha autora distinta ou enfoca o proceso creativo da mesma forma?
– DVP: O método de traballo é completamente diferente en cada xénero. Cando escribo poesía non busco nada, nin pretendo recuperar tampouco nada. Tan só de repente sinto a necesidade de expresarme e fágoo, case sempre cuns cantos versos en aparencia inconexos e apresurados, escritos a man. Isto sucédeme con frecuencia cando xa case estou durmida, o que supoño tamén explica a presa coa que os escribo, chea de sono e ás atoutiñadas… Ó cabo do tempo volvo sobre eses textos manuscritos e vounos “pulindo”. Algo parecido fago coa novela e co teatro, case nunca parto dunha historia preconcibida. Comezo escribindo “retallos” e nun momento determinado noto como se van integrando, a base de traballo, de pensar moito neles, de moitísima corrección e de darlle o tempo necesario para que asenten.
– PG: Cal é o xerme de Diario sen datas dunha aborixe galega (Laiovento, 2019)?
– DVP: Son avogada e exerzo a miña profesión en galego, tanto na redacción de todo tipo de escritos, na interactuación co funcionariado, así como na celebración dos xuízos. Esta decisión que é, por outra banda, de elemental coherencia, tenme ocasionado algún que outro incidente. Comecei a traballar con apenas vintedous anos, antes de rematar a carreira, e a miña condición de muller nova e galego falante era unha auténtica bomba de reloxería nun sector historicamente conservador -cómpre dicir que con valiosas excepcións-, como é o da Administración de Xustiza. Nunha ocasión, cando cheguei á casa, cansa e abatida por non sei que cousa me pasara por este tema, comecei a facer unha listaxe con todas as anécdotas que me tiñan sucedido por falar, traballar e vivir en galego. Esa listaxe foi o xerme de Diario sen datas dunha aborixe galega, que en realidade xa comezara na miña adolescencia, cando chegamos desde Corme á Coruña.
A partir de aí, desde o colexio, o instituto, a facultade e na miña vida diaria -coido que non só polo idioma, senón tamén polo acento non neutral co que falo-, lembro incidentes relacionados con isto. Algún dos relatos ou temas funos dando a coñecer, ou cando menos tratándoos, no desaparecido xornal Galicia Hoxe, onde colaborei facendo primeiro unha pequena columna e logo a contraportada dos domingos. Pero incluso o concepto de “aborixe” era algo no que levaba traballando (e sigo) desde que fun consciente da miña condición de muller galega e galegofalante con acento non neutral. E diso, por sorte ou por desgraza para min, fun consciente sendo practicamente unha mociña. (…)”
Arquivos da etiqueta: Diario sen datas dunha aborixe galega
A Coruña: presentación de Diario sen datas dunha aborixe galega, de Diana Varela Puñal
O 10 de febreiro, ás 19:00 horas, no Forum Metropolitano da Coruña, Diana Varela Puñal presenta Diario sen datas dunha aborixe galega, publicado por Laiovento.
Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 5 de agosto
O 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Anna R. Figueiredo e Antía Yáñez participará na mesa redonda Letras que nacen dentro da programación da Feira do Libro da Coruña.
– 18:00 h. Daniel Ugarte asina O coala, na caseta da Libraría Nobel da Coruña.
– 19:00 h. Presentación de Un peixe no parqué, de Ramón Vilar Landeira, publicado por Xerais. Participan Fran Alonso e o autor. Ao remate sinatura de exemplares.
– 19:00 h. Francisco X. Fernández Naval asina Os contos da avoa Pepa, publicado por Kalandraka, na caseta de Santos Ochoa.
– 19:00 h. Héctor Cajaraville asina na caseta da Libraría Pedreira.
– 19:00 h. Manuel Monge asina Guía para non perderse en política, publicado por Laiovento, na caseta do Consorcio.
– 19:30 h. Raquel Senra asina Conto da travesía das musas na caseta de Hércules de Edicións.
– 19:45 h. Coloquio: A Torre de Hércules e o mar, con Antonio Sandoval e Teresa Ramiro. Modera Xosé Alfeirán.
– 19:45 h. Presentación de Hércules e o xigante. Unha torre de lenda, de Enrique López, publicado por Hércules de Edicións. Con Laura Rodríguez.
– 20:00 h. Diana Varela Puñal asina Diario sen datas dunha aborixe galega, publicado por Laiovento.
Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 3 e 4 de agosto
O 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:
Sábado 3
– 12:00 h. Presentación de Diario sen datas dunha aborixe galega, de Diana Varela Puñal, publicado por Laiovento.
– 13:00 h. Presentación de A invención dun Deus. Xesús de Nazaret. II. A configuración do mito. De Mesías a Deus, de Xulio López Valcárcel, publicado por Laiovento.
– 13:00 h. Cándido e os demais. Contacontos e música con Sara Lebedynski e Álex Fente, por Kalandraka.
– 18:00 h. Presentación de Sulagar o soño, de Montserrat Villar González, publicado por Lastura. Participan, xunto á autora, Chus Pato e Lidia López.
– 19:00 h. María Solar asina na caseta da Libraría Pedreira.
– 19:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, publicado por Guindastre Edicións.
– 19:30 h. Charo Baleirón asina Coñecendo a Antonio Fraguas. Roteiros literarios na caseta de Hércules de Edicións.
– 19:30 h. José Caruncho e Antonio López asinan A Cela. Vivir na aldea dos bolos, na caseta da Libraría Lume.
– 19:45 h. Presentación de Golpistas e verdugos de 1936, de Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho (eds.), publicado por Galaxia. Con Francisco Castro.
– 19:45 h. Presentación de Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, publicado por Kalandraka. Con Lurdes López e María Jesús Fernández.
– 20:30 h. Montse Fajardo asina Invisibles. Relatos do maltrato, na caseta do Consorcio.
– 20:30 h. Presentación de Unha historia da música en Galicia (1952-2018), de Fernando Fernández Rego, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estará Francisco Castro.
Domingo 4
– 12:00 h. Manuel Miragaia presenta O sentido do infinito, publicado por Urutau.
– 12:00 h. Noela Lonxe asina Pan de bruxa na caseta da Librería Couceiro.
– 18:00 h. Gabriel G. Esteves asina Matrioskas, na caseta da Libraría Nobel da Coruña.
– 18:00 h. Presentación de Guía para non perderse en política, de Manuel Monge, publicado por Laiovento.
– 19:00 h. Crearte. Coñece a Rosalía de Castro, con María Torres.
– 19:00 h. María Canosa asina na caseta de Sueños de Papel.
– 19:00 h. Manuel Esteban asina na caseta da Libraría Pedreira.
– 19:30 h. Andrea Maceiras (Conta nove estrelas) e Érica Esmorís (Quen salva un can) asinan na caseta de Moito Conto.
– 19:30 h. Xabier Quiroga asina na caseta da Libraría Lume.
– 19:30 h. Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo asinan Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, publicado pola Fundación Galiza Sempre, na caseta do Consorcio.
– 19:30 h. José Luís Casteleiro Santos e Miguel García Seoane asinan Galicia inmaterial. Galicia máxica na caseta de Hércules de Edicións.
– 20:30 h. Presentación de 200 gramos de patacas tristes, de Juan Carlos Mestre, publicado por Espiral Maior. Participan Miguel Anxo Fernán-Vello, Héctor Silveiro e Yolanda Castaño.
– 20:30 h. Xosé Manuel Beiras asina Nuredin o taxista e Amedine o pintor. Crónicas e figuracións dun transmundo colonial, publicado por Laiovento, na caseta do Consorcio.
– 20:30 h. Arantza Portabales asina Beleza vermella, publicado por Galaxia, na caseta de Moito Conto.
Carballo: actividades destacadas do 13 e 14 de xullo na Praza dos Libros 2019
Finaliza a edición de 2019 da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 11 ao 14 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para este fin de semana, destacamos os seguintes:
Sábado 13
– 11:00 h. Un paseo entre viñetas, obradoiro de iniciación á banda deseñada a cargo de Manel Cráneo. Prazas limitadas.
– 11:30 h. Presentación de Diario sen datas dunha aborixe galega, de Diana Varela Puñal, publicado por Laiovento. Presentada por Fernando Cabezas Quiles.
– 12:30 h. Concerto-presentación do libro-disco Cores, contos e Rock’N’Roll, de Pakolas, publicado por Kalandraka. Coa colaboración de Laura Romero.
– 19:30 h. Sinatura de libros a cargo de Alberto Varela Ferreiro (Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia, Xerais); Xan Fraga (Carballo na memoria, Phottic/Galaxia); e Isabel Villanueva (O galego mola, Hércules).
– 20:00 h. Sinatura de libros a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz e Laura Tova (Música no faiado, Xerais); Fernando Calvo Trincado (O vello dos chupetes, Círculo Rojo); e Xabier Maceiras (Antoloxía das Confidencias de Picadillo).
Domingo 14
– 11:00 h. Presentación de Nas cortinas do tempo, de José Antonio Andrade, publicado por Embora. Acompañado por Santiago Pazos e Xosé Manuel Varela.
– 12:00 h. Manuel Rivas presenta Contra todo isto e Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, publicados por Xerais. Participa, xunto ao autor, Xosé Ameixeiras.
– 13:00 h. Sesión vermú con Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado): Cría fama e bótate a correr.
– 18:30 h. Concerto-presentación do libro-disco As viaxes de Paio e Aurelio, de Oviravai, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Presentación de As ramonas, de Ana Cabaleiro, publicado por Galaxia. Participa xunto á autora Mercedes Queixas.
– 21:00 h. Presentación de Un peixe no parqué, de Ramón Vilar Landeira, publicado por Xerais. Participa Xurxo Chapela.