Desde a Deputación da Coruña (foto do xurado, autoría da propia Deputación da Coruña):
“O XXXVI Premio Torrente Ballester de narrativa xa ten gañadores. Súmanse ao palmarés do certame, convocado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña, as novelas Nailía, da ribasilense Loli Rodríguez, en lingua galega, e La soledad de los reptiles, do madrileño Antonio Bonet de Luna, en lingua castelá. Silbidos en las cumbres, do tudense Diego Alfonsín Rivero, resultou finalista en castelán. Os dous vencedores recibirán 15.000 euros e a Deputación publicará as dúas obras.
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu os dous xurados, nos que actuou como secretaria a xefa da sección de Educación e Cultura, Manuela Muñiz Souto. Formaron o comité avaliador en lingua galega os escritores César Lorenzo —gañador en galego en 2023—, Sica Romero, Marta Villar, Brais Lamela e María Rei Vilas; e en lingua castelá, Anna Blasco Rovira e Jesús M. Antón —gañadores en castelán en 2023—, María Sánchez, Xacobe Pato e Maria Salgado.
De Nailía, o xurado valorou “a boa narración da historia e a axilidade da lectura, nunha novela clásica na forma e na estrutura pero moi actual no punto de vista á hora de abordar o relato”. Tamén destacou “a representación de mulleres diversas e as imaxes poéticas que crea durante a narración con moi bo manexo dos diálogos”.
La soledad de los reptiles é, para o xurado, “unha obra orixinal e arriscada, que perdura na memoria do lector, cunha reflexión que afonda no sentimento de perda e o lugar que ocupamos na sociedade”. “Trátase”, engade a resolución, “dunha novela ben estruturada e equilibrada, na que o autor mostra gran capacidade para manter a tensión narrativa de comezo a fin con bo ritmo e personaxes ben traballados”.
Ao XXXVI Premio Torrente Ballester presentáronse 66 obras en galego e 104 en castelán.”
Arquivos da etiqueta: Diego Alfonsín Rivero
Vigo: Esmorga literaria 3
Henrique Dacosta gaña o XXV Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey
Desde o Diario de Arousa:
“O ferrolán Henrique Dacosta López gaño a XXV edición do prestixioso premio Manuel Lueiro Rey, que convoca o Concello do Grove. Baixo o título Illas a Sotavento e o lema “A mare usque ad mare” (de mar a mar), Dacosta presentouse ao certame, decidindo o xurado proclamar como gañadora esta obra. (…)
A deliberación tivo lugar o 9 de decembro. O xurado estivo composto por Manuel Bragado, Armando Requeixo, Ánxela Gracián, Mario Regueira e o gañador da edición anterior, Diego Alfonsín. A decisión tomouse por maioría do xurado. (…)”
Tabela dos libros. Setembro de 2018
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis, comeza a andaina da Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Diego Alfonsín, Premio Lueiro Rey de Novela Curta con Non o saben as estrelas
Desde Xerais:
“O escritor Diego Alfonsín Rivero (Tui, 1980) resultou vencedor este luns do Premio Lueiro Rey de Novela Curta que concede o Concello do Grove coa novela Non o saben as estrelas, unha obra que, a xuízo do xurado, destaca pola súa «orixinalidade do seu traballo, polo seu carácter innovador e a súa capacidade para envolver o lector na historia que narra, así como pola redacción e a súa trama». O galardón, dotado con tres mil euros, recoñece a primeira obra literaria en galego de Diego Alfonsín, profesor de Lingua e Literatura española no IES Guadarrama, en Madrid, que xa recibira o Premio de Novela Miguel de Unamuno 2015 pola súa obra Lenta demolición. O xurado do Premio Lueiro Rey de Novela estaba conformado por Manuel Quintáns Suárez como presidente, Ánxela Gracián, Mario Regueira, Lionel Rexes, Manuel Bragado e Armando Requeixo.
A novela gañadora, Non o saben as estrelas, de Diego Alfonsín, será publicada por Xerais na colección Narrativa en 2018.”