“Un percorrido virtual por Compostela a través de once escenarios nos que transcorren cinco obras de xénero negro. Esta é a proposta que presentaba o pasado 24 de outubro, Día Mundial da Biblioteca, a Consellaría de Cultura na Biblioteca Ánxel Casal. O proxecto, que está albergado no propio web da Biblioteca, toma pasaxes das obras Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa; Ambulancia, de Suso de Toro; Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras; O crime da rúa da Moeda Vella, de Román Raña; e Seis cordas e un corazón, de Roque Morteiro. A través de textos destas obras xeolocalizados en cadanseu espazo, e acompañados da opción de escoitalos na voz de actores de dobraxe habituais nas nosas pantallas, o proxecto propón achegarse á cidade do Apóstolo mediantes as letras, con versións en galego e en castelán.” Desde Cultura Galega.
Arquivos da etiqueta: Diego Ameixeiras
As axudas á tradución chegan a 74 proxectos
“O Diario Oficial publicou o venres 26 de outubro a listaxe de proxectos que se benefician das axudas para tradución da Consellaría de Cultura, que contaron nesta xeira cun total de 167.999 euros. A liña afecta tanto a versións en galego de obras foráneas (92.429 euros) como a traslación a outras linguas desde a nosa (75.565 euros). Á hora de publicar novas obras para o galego, destaca a contía acadada por Editorial Danu, que con 41.180 euros de axuda verterá para a nosa lingua obras clásicas como Utopía de Tomás Moro, A través do espello de Lewis Carroll, de Pessoa ou traballos de Dostoievski, Pushkin ou Joyce entre outros. Tamén aposta por Joyce a editorial Galaxia, que lanzará a versión na nosa lingua do celebérrimo Ulises, ademais de publicar Mr. Gwyn, novo título de Alessandro Baricco ou A cea, de Herman Koch. Desde Positivas veremos as Iluminacións de Rimbaud mentres Urco Editora achegará un bo feixe de traducións de Lovecraft entre os seus lanzamentos.
No campo da tradución desde o galego destaca a aposta de Rinoceronte editora, que con 24.676 euros levará ao castelán dez obras de autores como Eva Moreda, Diego Ameixeiras ou Fran Alonso entre outros, ademais de abordar traducións para alemán, italano, xaponés e catalán. Galaxia aposta tamén por autores actuais para a exportación, e incorpora obras de Riveiro Coello, Begoña Caamaño e Xulia Alonso no seu catálogo en castelán. Destaca como curiosidade na listaxe as versións en búlgaro que Small Stations Press propón da Poesía completa de Lois Pereiro e de Aire negro de Agustín Fernández Paz.” Desde Cultura Galega.
Manuscritos: Diego Ameixeiras
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
As manías d@s escritor@s de noso III
Desde o blogue Trafegando Ronseis:
“Hai un ano comezamos con esta interesante sección do blogue que nos axudaba a coñecer un pouco máis aos nosos escritores e escritoras. Recoñezo que pasou demasiado tempo, pero volvo a retomar agora o traballo tentando achegarvos novas entregas. Isto, claro, se eles e elas así o desexan. Déixovos aquí as ligazóns do ano pasado: I e II. Volvo dar as grazas a tod@s el@s, pola súa xenerosidade, e a Fran Alonso e a Ramón Nicolás pola axuda imprescindible que sempre están dispostos a ofrecerme. É Ramón Nicolás quen me proporcionou os datos sobre Álvaro Cunqueiro e Fran Alonso mandoume o texto que el publicou en novembro de 1990 no Diario 16 de Galicia sobre o mesmo tema: a información sobre Avilés de Taramancos provén del.
– Álvaro Cunqueiro: nunha autobiografía do 1935 afirma cando se lle pregunta polo seu xeito de traballo: “Ren poido decir. Como si a luz fixera un redondel branquísimo no escuro. Eu vou entrando nil e poñendo verbas, verbas. Cando xa me sinto eu todo naquela luz, van saíndo outras verbas diferentes, cáseque un mundo. Iste é o poema”.
– Séchu Sende: afirma non ser moi consciente de ter moitas manías. Asegura que lle gusta escribir despois de se duchar, co pelo aínda mollado, e prendéndose nel unha pinza de madeira (das da roupa).
– Carlos Negro: porfía asemade que a percepción que ten de si mesmo é a de non ser maniático. Iso si, escribe en roupa de casa –chándal, zapatillas- e sen música, pero cunha botella de auga sempre a man. E agradece a soidade e o silencio (non sempre conseguidos por ter un neno pequeno).
– Suso de Toro: sempre leva con el unha libretiña e bolígrafo ou estilográfica. Nela anota as ideas que vaian xurdindo… De esquecela, terá que procurar desesperadamente un anaco de papel para anotar a inspiración fuxidía.
– Diego Ameixeiras: traballa a calquera hora do día, pero prefire facelo a primeiras horas da mañá, sempre escoitando música, e cunha cita da novela de Jim Thompson na que recomenda non “soltar as palabras dunha vez” nin “divagar sobre estrelas que escintilan e se mergullan nun profundo océano opaco” (The killer inside me).
– Concha Blanco: sempre anda cunha libretiña ou cun simple papel dobrado no que poida escribir en caso de precisalo tanto nos bolsos coma na mesiña de noite amais dun lapis ou bolígrafos minis, co único obxectivo de cazar palabras, ideas, descricións, vivencias, soños… que sempre ten medo a perder ou esquecelos se non os recolle por escrito.
– Antón Dobao: asegura que máis que manías o seu son rarezas. Gústalle deixar que o tempo lle pase a un texto antes de retocalo para a súa publicación. Tampouco escribe varias obras á vez, prefire terminar o que está a escribir antes de comezar cun novo proxecto. Se é unha rareza, declárase tímido e non comenta nada sobre o que escribe antes de que saia do prelo.
– Celso Fernández Sanmartín: escribe de cabeza, andando, paseando, na horta, lendo, ou escoitando. Toma apuntamentos en papeliños e cando isto dá o seu froito, aparece a escritura máis consistente.
– Antón Avilés de Taramancos: escribía sempre na súa taberna típica, cun bo viño para quen alí se achegase, no tempo libro que lle deixaban as visitas, e pondo música para illarse das voces dos clientes. A súa obsesión era escribir moi abrigado para sentir calor, “quizais porque veño do trópico”, afirmaba.
– Ramón Loureiro: tamén declara non ter manías. Escribe sempre a man, con pluma estilográfica.”
A Semana Negra de Xixón premia a Diego Ameixeiras
“A Semana Negra de Xixón distinguiu onte a novela de Diego Ameixeiras Dime algo sucio co premio especial que todos os anos outorga o director da mesma, Paco Ignacio Taibo II. A novela, publicada en galego por Xerais e en castelán por Pulp Books, foi presentada o pasado domingo na programación dste festival especializado na literatura negra, criminal e de xénero.” Vía La Voz de Galicia.
Santiago: presentación do proxecto Lonxa das Letras
O xoves 14 de xullo, ás 11:00 horas, no Kiosko da Alameda de Santiago de Compostela, a Rede Galega de Kioskos presenta o proxecto Lonxa de Letras, no que corenta quioscos galegos achegarán aos seus clientes unha selección de libros na nosa lingua, polo de agora dos catálogos das editoriais Xerais e Galaxia. Ademais dos dispoñibles en cada quiosco, os clientes poderán mercar libros ou CD’s na web do proxecto, e recollelos nestes puntos de venda sen pagar gastos de envío. De cara ao futuro, a iniciativa prevé ampliar o seu catálogo a libros electrónicos e obras en castelán. A iniciativa, que quere favorecer ademais o emprego de persoas con discapacidades, permitirá un máis fácil acceso a produtos culturais na nosa lingua mesmo fóra de Galicia, xa que a rede de distribución do proxecto chega a quioscos de toda a Península. Na web lístanse os títulos dispoñibles no proxecto, que nace da Rede Galega de Quioscos, integrada no Grupo Galego de Economía Social. A Alameda de Santiago acolle mañá, a partir das 11 horas, a presentación da Lonxa, nun acto que contará coa presenza de Diego Ameixeiras e Francisco Castro. Crónica posterior en Galaxia, Galicia Hoxe, A Nosa Terra, Xornal de Galicia, Asociación Galega de Editores e El País.
Diego Ameixeiras gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia
‘Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, é o título da obra gañadora do Premio de Novela por Entregas que anualmente convoca La Voz de Galicia e que foi entregado na noite de onte na tradicional cea literaria nas instalacións do Museo Santiago Rey Fernández-Latorre. O escritor ourensán asegurou, nada máis recoller o premio, que gañalo “supón a posibilidade de chegar a un público amplísimo”. A historia gañadora ten como paisaxe a cidade de Ourense durante un verán, travestida en Oregón, pero coa xeografía e topónimos auténticos. Diego Ameixeiras gañou o premio cunha historia na que se cruzan varias vidas en situacións habituais nos informativos.’ (La Voz de Galicia).
Diego Ameixeiras prepara outra novela negra
Entrevista de Santiago Jaureguizar a Diego Ameixeiras en El Progreso.
Lugo: actividades do mércores 18 ao venres 20 na Feira do Libro
Continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior), aberta até o domingo 22 de maio, con horario de 11:30 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h. O programa completo pódese consultar aquí.
– O mércores 18, ás 20:00 horas, preséntase Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras, publicado en Xerais. No acto estará acompañado por Manuel Bragado.
– O xoves 19, ás 20:00 horas, preséntase o número 14 da revista Xistral, publicada polo Concello de Lugo. No acto haberá un recital dos autores dos poemas recollidos na publicación, coa coordinación do director da mesma Camilo Gómez Torres. Participan tamén Xosé Clemente López Orozco e Nuria Mundiña López.
– O venres 20, ás 20:00 horas, preséntase Abrapalabra!, de Carlos Coira (mago) e Antón Cortizas (poeta), publicado pola Editorial Galaxia.
Feira do Libro de Santiago: actividades do 30 de abril e 1 de maio
Comeza unha nova edición da Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), entre o sábado 30 de abril e o domingo 8 de maio. O seu horario é de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., salvo no fin de semana, en que terá un horario de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h.
As actividades do primeiro fin de semana son as seguintes:
Sábado 30 de abril:
– 12:45 h. Actuación da Banda de Música de Santiago de Compostela.
– 13:00 h. Inauguración oficial. Pregón inaugural a cargo de Diego Ameixeiras, gañador do Premio Irmandade do Libro ao mellor libro do ano 2010. No acto inaugural, colabora a Asociación do Traxe Galego.
– 18:00 h. Presentación do libro Golfiño e os invasores, de Fausto Isorna, publicado por El Patito Editorial. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares do seu libro.
– 19:00 h. Presentación do libro Svea Kött (carne sueca), de Domingo Tabuyo, publicado en Xerais. Intervirán: Francisco Caamaño, Ministro de Xustiza, Manuel Bragado e o autor.
– 20:00 h. O escritor Javier Alfayate, asinará exemplares do seu libro Aleta de Tiburón: Táctica de un operador en bolsa publicado pola Editorial Grupo de 28 Editores.
– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.
Domingo 1 de maio:
– 12:00 h. A pintora e ilustradora Isabel Pintado asinará exemplares dos libros para nenos Parece unha rosa, de Rosalía de Castro e Cantiga do mazarico, de Emilio Pita, publicados por Edicións Espiral Maior, na colección Lúa Lueira.
– 18:00 h. Obradoiro de baile para todo o público a cargo do grupo Pesdelán, participantes no libro–cd–dvd Na punta do pé publicado por Kalandraka Editora.
– 19:30 h. Presentación do libro A xanela escura, de Jorge Emilio Bóveda, da Colección Alcaián, de Urco Editora. Participarán no acto Denís Fernández Cabrera en representación da editorial e o autor da obra.
– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.