A Coruña: presentación de Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás

O venres 20 de xuño, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, preséntase o poemario Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás, publicado por Espiral Maior. No acto, xunto á autora, participan Eva Veiga e Miguel Anxo Fernán Vello.

Dores Tembrás: “Quixen darlle ao desexo a presenza que merece, por moi fulgor que sexa”

Entrevista de Montse Dopico a Dores Tembrás en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Cronoloxía da urxencia é un libro moi diferente a O pouso do fume, non si? Tamén pasou moito tempo entre un e outro.
– Dores Tembrás (DT): Pasaron anos, si. Son libros moi diferentes en moitos sentidos. En Cronoloxía da urxencia concéntrome moito no concepto de desexo, e ademais o traballo coa linguaxe foi levado ata o extremo. Quixen limpar o poema, acurralar a palabra e o silencio. Foi como un asedio. Un proceso esgotador. Quedei exhausta nese proceso de ir á esencia: versos curtos, poemas breves… Non sei se este é un proceso reversible, se vou seguir por este camiño ou non. Eu creo que o tema esixía este tratamento da palabra, da linguaxe. E, como dicía, non sei se vou quedar atrapada nese asedio, se vou darlle plena potestade ao silencio, visibilizado máis pola súa presenza que pola súa ausencia. (…)
– MD: De feito, basicamente o poemario é iso. A palabra e o silencio.
– DT: Cando me metín por este camiño neste poemario, padecín o asedio do silencio. Quedei co mínimo, tentando quitar, ata quedar sen poema. E así vislumbrei o padecemento dela, de Pizarnik. Foi, nese sentido, un poemario de obsesión, case enfermizo. Busquei unha nova relación coa linguaxe. Empecei, de feito, xusto despois de O pouso, que xa anunciaba a liña de desexo que recupero aquí. O pouso é de 2009 e botei moito tempo escribindo antes de mandalo ao premio do concello de Carral. Escribín moito, moi intensamente, os dous primeiros anos. Despois deixeino repousar e volvín a el, xa máis relaxada e tranquila. E este ano aínda o fechei, volvín axustalo antes de que o editasen. Teño a sorte de que o leron grandes amigos que me fixeron comentarios que tiven en conta. Entón, foi un proceso que tivo moito de aprendizaxe cos lectores.
– MD: Hai diálogo con varios autores e autoras no propio libro. Non só Pizarnik. Eva Veiga, Olalla Cociña
– DT: Eu necesitaba fíos, apoios… Houbo moita filosofía, moitas lecturas dos poetas do desexo. A min non me interesa a liña erótica, senón o que vén antes. A inmanencia, a pura potencia do desexo, desde Aristóteles ata Barthes. Unhas lecturas leváronme a outras. En Berger, por exemplo, eu vexo puro desexo. (…)”

Oriana Méndez gaña o XVII Certame de Poesía Concello de Carral

“Oriana Méndez, coa súa obra O que precede a caída é branco resultou gañadora do XVII Certame de Poesía Concello de Carral.
O xurado escolleu esta obra pola unidade de contido e forma, na qua se detecta que foi concibida como un todo, tendendo fíos entre a macroestrutura e os versos. O libro conta cunha linguaxe moi coidada e suxestiva prestando especial atención ao feche dos poemas. A autora crea un espazo lírico cheo de luz e establece numerosos xogos metaliterarios con diferentes escollas plásticas e artísticas. Así mesmo debemos destacar o traballo de tensión-distensión poética e o ritmo.
O xurado estivo formado por Dores Tembrás, Olga Patiño Nogueira e Eli Ríos, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 36 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 30 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2014. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”

Mondoñedo: recital poético-musical Mondoñedo é poesía

Desde Sermos Galiza:
“O Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP) e a Asociación As San Lucas, responsable da organización das Feiras e Festas das Quendas 2014, preparan para o vindeiro 1 de maio un recital poético-musical denominado Mondoñedo é poesía.
Alicia Fernández, Carlos Negro, David Otero, Dores Tembrás, Henrique Rabuñal, Iolanda Aldrei, Isidro Novo, José Juan Ferrero, María Xosé Lamas, Marica Campo, Mario Regueira, Baldomero Iglesias “Mero”, Olalla Cociña, Paco Rivas, Toño Núñez, Xabier Cordal, Xacobo Casal, Xaime Oroza e Xoán Xosé Fernández Abella recitarán no encontro “Mondoñedo é poesía” que contará tamén coa música de Miro Casabella e César Morán, que interpretará poemas de Manuel Leiras Pulpeiro.
Rúas e outros espazos da localidade faranse eco da nova poesía tomando relevo á tradición literaria de Mondoñedo, e evocarán a súa condición creativa vinculada a nomes de relevancia da historia poética galega como Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome ou Manuel Leiras Pulpeiro ademais da coñecida como Escola Poética do Seminario de Mondoñedo no que se inclúen nomes como Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño ou Xosé Díaz Castro. Para reforzar a idea de “concello literario”, as entidades organizadoras lembran que en Mondoñedo se convocan dous premios anuais, o Premio de Poesía Díaz Jácome e o Premio de Poesía Leiras Pulpeiro.
O programa iniciarase ás 13:00 cunha recepción institucional no concello para, despois do xantar, por volta das 18:00 horas comezar os recitais seguindo un itinerario por lugares singulares e de relevancia histórica e literaria como son o Cemiterio Vello, a Praza do Concello, a Praza da Catedral, a Fonte Vella, O Cristo e a Praza Jaime Cabot. A seguir, ás 19:30 será o Auditorio Pascual Veiga o que acolla o recital poético-musical coa intervención de poetas e músicos. O Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP) máis a Asociación As San Lucas queren que o 1 de maio Mondoñedo sexa a “capital galega da poesía”.”

Cuestionario Proust: Dores Tembrás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Dores Tembrás:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Entusiasmo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Bondade, honestidade e xenerosidade, por esa orde.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me queiran e me deixen querelos. Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– O perfeccionismo con tódalas consecuencias.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler ou facer proxectos cos meus nenos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Desfrutar dos meus, sen voráxines.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a miña familia.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritora.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo.
10.– A súa cor favorita?
– Negro.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Lilium. A que máis me emociona as mimosas.
12.– O paxaro que prefire?
– Peizoque.
13.– A súa devoción na prosa?
– J. Berger, J. Cortázar, Arqueles Vela, P. Roth, O. Pedrayo…
14.– E na poesía?
– A. Pizarnik, J. A. Valente, A. Porchia, San Juan de la Cruz, Lew Welch, L. Glück…
15.– Un libro?
Poesía Completa, A. Pizarnik.
16.– Un heroe de ficción?
– G. de G., John Berger.
17.– Unha heroína?
– María, de Pensa Nao, Anxo Angueira.
18.– A súa música favorita?
– Sigur Rós.
19.– Na pintura?
– Carl Larsson.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai.
21.– O seu nome favorito?
– Romeu/Duarte.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O egoísmo.
23.– O que máis odia?
– A soberbia ou a ruindade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A de calquera ditador.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A serenidade.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– De vella.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Un estado positivo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Vivir de forma apaixonada.”