Yolanda Castaño: “Noutras épocas supostamente as mulleres aspiraban a seren mantidas, agora é a nosa fobia máis radical”

Entrevista de Ana G. Liste a Yolanda Castaño en Praza:
“(…) – Praza (P): Nestes poemas d’A falsa autónoma hai uns ecos moi presentes da pandemia e do que supuxo para vostede como creadora e como traballadora da cultura.
– Yolanda Castaño (YC): Creo que non só para min, que este libro apela a calquera creador ou creadora, pero tamén a calquera traballadora da cultura no sentido máis amplo posible. Incluso estou recibindo bastantes comentarios de traballadoras autónomas doutros sectores. Penso que a clase traballadora se está polarizando moito entre traballadoras indefinidas estables e inestables. En xeral, creo que todas temos claro que a pandemia serviu bastante para sacar a relucir todas as vulnerabilidades do sector cultural e de certos traballos efectivamente inestables. Que non puidésemos traballar e, polo tanto, non puidésemos recibir ningún tipo de diñeiro rebelouse como unha situación moi vulnerable para moitas persoas e provocou moitas reflexións.
– P: Agora que volve sobre o libro para presentalo, como o sente? Porque parece que hai moito ímpeto nestes versos, e moita forza.
– YC: Hai moitas emocións neste libro, dende a rabia ata o desespero; pero tamén reflexións que xa viñan de atrás e seguen vixentes que, máis alá da vivencia subxectiva, aluden ao sistema económico no que seguimos afogadas, inmersas e cun horizonte pouco esperanzador. Preocúpame profundamente a deriva deste turbocapitalismo voraz, salvaxe e perverso. Creo que libro fala moito sobre este sistema económico e a experiencia do traballo tal e como se entende hoxe: a autoexplotación, a débeda… cuestións que seguen aí.
– P: E esa obriga de ser produtiva constantemente, que menciona no poema Norias de obediencia.
– YC: Na que estamos absolutamente todas e todos inmersos. É como unha maquinaria insaciable, e iso é o perigoso. E as implicacións emocionais, que creo que se están vendo na taxa de problemas de saúde mental que se están acusando, é un saldo que nos ten que preocupar profundamente. É moi difícil escapar do imperioso mandato da produtividade, sobre todo por esa cara perversa do sistema que che fai como vítima e parte ao mesmo tempo.
– P: A falsa autónoma ten unha relación estreita con Economía e poesía. Rimas internas, premio Ramón Piñeiro de ensaio en 2023, que publicou en Galaxia?
– YC: Claro, están bastante emparentados. Foron bastante paralelos e as reflexións que están aí me acompañaron durante moitos anos. Pareceume un exercicio interesante e estimulante esa transcodificación que trata de levar os contidos por unha banda ao código ensaístico e pola outra á linguaxe poética, por forza bastante distante entre elas e con características moi de seu cada unha delas, pero que poden dalgún xeito ser complementarias. (…)”

Yolanda Castaño desarma grandes mitos contemporáneos en A falsa autónoma

Entrevista de Ana Abelenda a Yolanda Castaño en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Na pandemia escribía quen podía, non quen quería escribir.
– Yolanda Castaño (YC): Nese sentido, é certo que a pandemia, fronte á imposibilidade de traballar fóra da casa, deume quietude, tempo e silencio contextual. Recibín consellos («trata de non pensar en pasado mañá») e conseguín refuxiarme na escrita. A escrita tamén é iso: consolo, bálsamo e ferramenta. Parecíame un luxo dilapidar ese tempo. Agarreime á escrita e escribín Materia na primavera e outono do 2020. Pero xa había outras emocións turrando por min. Estivera anos facendo unhas reflexións sobre as condicións materiais da escrita das que fun tomando notas. Escribín o ensaio Economía e Poesía. Rimas internas, pero estes contidos seguían aguilloándome. E vin interesante facer un traslado deses contidos do código ensaístico á poesía.
– LVG: Foi máis doado do que pintaba?
– YC: Ocorreu algo inesperado en min, que só medie un ano entre un libro e outro. No verán do 2021, nunha residencia en Mojácar, as ideas empezaron a brotar relacionadas con esas cuestións, moi fillas desa crise económica tan grave que pasei. Continuei ese manuscrito de A falsa autónoma nunha segunda residencia, en Finlandia, en xaneiro e febreiro do 2022, nun lugar de ensoño. Estiven máis produtiva que nunca! Pasaban os raposos, os cervos, caía a neve… Sentinme como se estivese nun centro de alto rendemento! Só catro horas de sono ao día. Saquei moito e estaba nun momento de forza creativa. Por outono do 2022, dei por rematado A falsa autónoma.
– LVG: O Premio Nacional por Materia chegou despois de rematar este poemario?
– YC: O Premio Nacional pilloume cos deberes feitos. Cun ensaio e un poemario novo rematados. Volvo a aqueles tempos difíciles nos que non sabía se ía saír.. Foi cumpridos os 40. Custou recuperarse. Nese tempo, un amigo poeta díxome: «As dificultades económicas, Yolanda, afectánnos máis emocionalmente do que estamos dispostos a admitir». É unha frase sinxela, pero foi como se me dese permiso a min mesma para sentir cousas que me estaba negando facéndome a forte.
– LVG: Nas mulleres esta presión é maior?
– YC: Si, non está ben visto que falen de cartos, deben ser modestas… Isto por unha banda, e pola outra, a presión de sermos fillas da terceira ola, ser mulleres empoderadas. (…)”

Yolanda Castaño: “Na poesía é complicado fomentar unha conciencia de gremio”

Entrevista a Yolanda Castaño no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Ata que punto unha autora é quen de amplificar ou revalorizar a súa oferta fronte ás daquelas que renuncian a ser compensadas polo propio? O debate queda aberto co ensaio Economía e Poesía. Hoxe falamos destes dous termos que case nunca se relacionan coa autora do libro, Yolanda Castaño: Escribir poesía é traballar? Vivir da poesía é prostituír a arte? Coñece a sociedade a porcentaxe que cobra un autor por un libro? Economía e poesía, rimas internas que, di a autora deste ensaio, é hora de tanguer con dignidade e harmonía. A entrevista pode verse aquí.”

Economía e poesía, entrevista a Yolanda Castaño

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“É posible vivir da escrita en Galicia? A esta e outras preguntas responde a poeta Yolanda Castaño en Economía e poesía. Rimas internas, o seu ensaio gañador do último premio Ramón Piñeiro. Con ela falamos. A entrevista pode escoitarse aquí.”

A Coruña: actividades do 2 de agosto na Feira do Libro 2024