Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Ledicia Costas, escritora: “A morte galega gaña terreo polo mundo!”
Entrevista de Belén Bouzas a Ledicia Costas en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Lectoras e lectores infantís que agora tamén poderán gozar dos minimortos en México, coa edición que acaba de tirar do prelo alí.
– Ledicia Costas (LC): Iso foi moi forte, a verdade. Cando me anunciaron desde Penguin Random House México que arrancaban xusto nos días previos á conmemoración desta data foi emocionante. Toda esta semana estiven en contacto coa prensa mexicana e foi moi estimulante porque, claro, alí celebran o Día dos Mortos dunha maneira moi especial… Non puideron escoller mellores datas.
Esta saída coincidiu ademais coa tradución de Kalandraka ao portugués de Escarlatina e Esmeraldina, que tamén saíu nestes días. Así que nada, aí estamos, a morte galega gañando terreo polo mundo! [risos].
– ND: O seu é fascinación polo alén.
– LC: Sempre me gustou o gótico, a literatura de pantasmas, de ultratumba, de vampiros… desde pequena. Bebín dese tipo de literatura. Os libros que me gustaban de adolescente eran dese pau, desde Un ollo de vidro…
Cada 31 de outubro miña irmá mais eu realizamos unha sesión de gastronomía e literatura. Facemos fotos macabras, tortas con temática destas datas… E onte [domingo] quixemos pór todos os libros que teño arredor da morte e non entraban na foto! É algo que me fixo moita graza, tomar conciencia de todos os libros que escribín arredor de ultratumba. É moi nutritivo ese mundo e, sobre todo, engancha o público infantil e xuvenil. Algo moi reconfortante. Creo que é porque se trata de escribir sobre o que está prohibido, sobre o tabú. Por iso pode resultar tan atraente, tan fascinante. Parece unha ironía pero a morte é unha parte moi importante da vida e se ninguén nos prepara para iso, cando sucede é absolutamente traumático. Xa o é, de natural… imaxina se non sabemos en que consiste.
– ND: E que nos pode adiantar sobre Golpes de luz (Xerais, 2021)?
– LC: Está a piques de saír, faltan 15 días e estou desexando que chegue ese momento. É outra novela para persoas adultas, logo da publicación de Infamia (Xerais, 2019).
É unha obra escrita a tres voces. Unha é a de Luz, que é unha muller de 80 anos; outra é a voz de Xulia, unha muller de 40; e a terceira é a de Sebas, que é un neno de 10 anos. Son tres xeracións. Avoa, nai e neto narran os mesmos feitos pero desde o seu particular punto de vista.
Crieime na zona de Lavadores (Vigo) xusto cando naceu o movemento veciñal “Madres contra la droga”, arredor de todo o tráfico de heroína nos anos 90. Vivía precisamente no barrio onde residiu moitos anos Carmen Avendaño. Nesa zona pasaron cousas bastante intensas arredor do tráfico de heroína e algunhas delas están neste libro. Iso marcou a miña infancia e creo que por iso escribín esta obra.
É unha novela que tamén aborda a temática dos coidados, a perda da memoria… Mais, e aínda que pareza mentira por todo o que acabo de comentar, é unha novela onde hai moitísimo humor. O humor ten unha presenza moi importante e os personaxes son moi esaxerados, rozan case o melodrama.”
Bases do 3º concurso O Garaxe Hermético de Banda Deseñada
Chapela: concerto-presentación de Cancións, de Xela Arias, por Desertores
Ana Cabaleiro vén follear connosco Deixádenos remar
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Finalista do Premio Xerais de Novela 2020, a novela de Ana Cabaleiro, Deixádenos remar, editada por Xerais, presenta un humilde barrio periférico alterado e turbado pola incursión dunha nova aparición de chalés de luxo e a chegada dos novos veciños dese microcosmos. A escritora e xornalista visita o Diario cultural para debullar as realidades que se derivan deste fío argumental e de todo o que rodea a novela. A entrevista pode escoitarse aquí.”
A Coruña: presentación de Deixádenos remar, de Ana Cabaleiro
O 28 de outubro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, preséntase a novela Deixádenos remar, de Ana Cabaleiro, publicada por Xerais. As persoas interesadas deben inscribirse mediante este formulario.
Pontevedra: encontro literario con Ana Cabaleiro, arredor de Deixádenos remar
Vilalba: acto de entrega do IV Premio Agustín Fernández Paz a Iria Misa
Tabela dos libros. Outubro de 2021
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Os Premios Xerais 2021 coñeceranse o 11 de decembro, onde compiten un total de 84 obras
“A situación provocada pola pandemia de COVID-19 levou a atrasar o ditame dos Premios Xerais 2021 ao mes de decembro. Os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de marzo de 2022.
Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 3 de decembro. Os premios coñeceranse o sábado 11 de decembro.
O xurado da XXXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 44 obras, está formado por: María López Suárez (filóloga, correctora e tradutora), Iria Veiga Ramos (médica psiquiatra e divulgadora científica), Francisco Novo (xornalista da TVG), Irene Pin (xornalista e creadora audiovisual), Rosalía Grandal Montero (profesora de ensino secundario) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 14 obras, está formado por: Antía Paz Cabezas (xornalista), Violeta Meléndrez Doval (bookstagramer), Damián Alonso Lorenzo (formador artístico) María Rúa Rodríguez (creadora de contidos e estudante), Nee Barros Fernández (dramaturgue, poeta e estudante) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 26 obras, está formado por: Bea Campos (actriz e contadora), Marta Fernández Carneiro (mestra e membro da asociación Espazo Lectura), Irene Pérez (estudante e bookstagramer), Iván R. (ilustrador), Daniel Portela (estudante de xornalismo e coordinador dun club de lectura xuvenil) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.”