Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
O Carballiño: presentación de O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón
Berta Dávila: “Os amores máis fondos son ambiguos sempre”
Entrevista de Ana Abelenda a Berta Dávila en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Os seres queridos é un trago breve que non sabes moi ben como te deixa. Cadaquén conclúe a novela como quere?
– Berta Dávila (BD): Si. Habitualmente as lecturas dos outros son sempre soberanas, non? O importante, no fondo, é que a novela signifique algo para alguén. É un libro escrito desde a vontade de espir o estilo, un libro nu que cada lector recolle no lugar onde o quere recoller.
– LVG: Ispe o estilo e o vínculo da nai co fillo; o escuro vínculo da muller cos seres queridos.
– BD: Cos seres queridos e cos non queridos. Este é un libro sobre a elección, sobre a escolla de non ser nai por segunda vez.
– LVG: A miña eu convencional ve difícil entender como unha «boa nai», comprendida como esa que non edulcora o vínculo co fillo, e á que lle custou ser nai, elixe non selo cando a vida a sorprende coas dúas raias no predictor.
– BD: O que ela constrúe co fillo é iso, un amor construído. Non é un amor instantáneo nin imantado, non é un amor vocacional. Todos os amores que son fondos son ambiguos sempre, porque teñen esa parte de luz e esa parte de sombra. Quen foi nai sabe o que significa selo. Para min isto é relevante: a elección dun afecto é tamén o afecto máis sincero.
– LVG: Mais na elección dese afecto intervén todo un sistema perverso. A primeira achega deslumbrante de Os seres queridos é esa estrañeza da nai cando nace o fillo. Cando el nace, a que ela era ata o momento desaparece de súpeto, pasa a ser «a nai».
– BD: A novela a onde pretende apuntar é a ese cambio identitario, a ese pasar a ser outra cousa distinta dun momento a outro. Parece unha cousa natural; de feito, todos os días as persoas teñen fillos!, pero hai sempre un punto de estrañeza…
– LVG: Dá pudor ou medo admitilo. Para vencer esa barreira, está a literatura?
– BD: A literatura ten un papel que xogar mostrando as partes raras da experiencia. Se eu quixese facer un discurso do que para min é a maternidade, non faría unha novela. O que quería aquí era contar unha pulsión, un punto de vista, un recanto. (…)”
Carballo: presentación de O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón
Finalistas dos Premios Xerais 2022
Carballo: actividades do 10 de xullo na Praza dos Libros 2022
Aguiño, Ribeira: presentación de O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón
Non penses nun elefante rosa. Antía Yañez
Desde Radiofusión:
“Antía Yañez pon a protagonista da novela, Aurora, contra o espello. Brais é un rapaz de dez anos, da moito xogo, porque non ten as imposicións sociais que temos as persoas adultas. Son veciños do mesmo edificio. O rapaz pensa que ela é unha persoa interesante. A ela non lle gustan os nenos. Faille preguntas moi indiscretas e impertinentes. Cun extraordinario sentido do humor e abordando a fondo o tema da saúde mental, Antía Yañez relátanos a historia dunha millennial autoesixente e perfeccionista que vive a súa vida coma unha voráxine que non é quen de controlar. A escritora participou nun episodio do podcast “Clube de leitura” de Radio Fene Radiofusión. Falaron con ela Rafael Catoira, Antonio Tizón e Henrique Sanfiz. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Manuel Iglesias Turnes: “Dóeme ver terra fértil, de alto valor agrícola, abandonada”
Entrevista de Patricia Blanco a Manuel Iglesias Turnes en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como van estes Os soños de Miguel?
– Manuel Iglesias Turnes (MIT): Ata que o libro non ten o visto bo dos lectores, eu teño dúbidas, un certo pudor, e con este igual me pasou máis. Vai ben, a editorial sacou unha edición ampla e xa saíu a maioría nestes catro meses. Non contaba con todo isto. Que escribas algo e acabe publicado en Xerais, das editoriais galegas máis potentes… De As rapazas de Xan van sete edicións, é moito máis do que podería agardar.
– LVG: Por que se lanzou a escribir?
– MIT: Veño do mundo da gandeiría, sempre traballei con gandeiros, primeiro dende unha asociación de criadores de frisoa [Afriga] e logo con actividade comercial tamén ligada ao sector [para a mellora xenética da variedade Holstein]. Non teño nada que ver coa escrita, non son filólogo nin xornalista, pero a perda dun ser querido levoume a un estado emocional descoñecido. Deume por escribir, case de forma compulsiva, e todo o demais veu dado. De repente vinme cunha historia montada, cuns personaxes que para min tiñan vida, que se movían, falaban… Fun o primeiro sorprendido. Publicar con 62 anos, por vez primeira, unha trama ata certo punto complexa, con moitas familias interactuando…
– LVG: E todo o que escribe pasa nunha aldea, a súa, onde naceu. Cabanas, na Baña.
– MIT: Iso si que o tiven claro. Lese por aí que retratas a túa aldea, retratas o mundo. O escenario nunca se esgota. Coñezo os espazos nos que viven os personaxes, é o meu método de escritura. (…)
– LVG: Cara onde ve ir o rural?
– MIT: A miña percepción agora é dende fóra, son un xubilado, pero creo que son tempos incertos. Galicia está entre as oito zonas de Europa máis importantes de produción láctea, pero é onde menos cobramos o leite. Semella que van moitos anos maltratados, mesmo que sobramos.
– LVG: Coa guerra fálase de produción propia, soberanía alimentaria…
– MIT: Fálase, pero é que se puxo tanto empeño en botar a xente do rural… Habilitáronse plans de abandono a cambio de pequenas pensións. Dóeme a alma ver terra fértil, en entornos coma Ponteceso, cun valor agrícola altísimo, abandonada. Mentres, corremos ao súper coa carteira na man para comprar unha leituga ou unha mazá que vén de non sei onde, a miles de quilómetros, co que iso supón xa de impacto para o medio. Non sei se aprenderemos algo, pero é tempo de reflexión. (…)”








