Presentación de Luns, de Eli Ríos, na Deputación da Coruña, anotación de Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Coincidiu a primeira presentación de Luns, primeira novela de Eli Ríos, gañadora do Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega 2016, co pasamento da escritora Xohana Torres, unha perda inmensa para a nosa literatura. Así o sinalou ao comezo do acto Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable de Cultura, organizadora deste certame, que por vez primeira foi convocado con esta modalidade como tamén foi primeira na que foi outorgado a unha narradora da nosa lingua.
Sanmartín comezou salientando de Luns, como xa fixera o xurado, a importancia da perspectiva de xénero e da técnica do fluír de conciencia, para engadir que “a renovación da linguaxe” e “a utilización do humor e dunha fina ironía como outros alicerces desta novela de lectura trepidante”. “Todo aparece fragmentado, a protagonista debe enfrontarse soa coa cotidianidade, co práctico, mais é unha persoa sometida ao seu home, o que se reflicte na utilización dunha linguaxe distinta por parte de Manuel e dela mesma. Mentres a linguaxe do seu home é continua, a de Nerea é fragmentada, o que expresa que a linguaxe feminina non existe, ten que partir de cero”. “Esa fragmentación e renovación da linguaxe, como a estrañeza que provoca nalgunhas escenas, eleva a vida cotiá á categoría literaria”. Pola súa banda, Ríos confesou que con Luns “quería facer sentir, cando se remate a novela que fagamos algo, que nos mobilicemos, se a literatura non ten que ver coas pulsións humanas, que sentido ten? A literatura ten que ver coa vida”.”

Eli Ríos: “Luns é unha novela visceral, para sentir”

Entrevista a Eli Ríos en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Que significou para ti gañar o 1º Premio Torrente Ballester en lingua galega?
– Eli Ríos (ER): A porta de entrada na narrativa. Nun momento no que publicar é tan complicado, este premio conleva a publicación e cunha certa visibilidade.
Ademais, supón participar nun proxecto, o da Deputación da Coruña, que admiro. Dignificar as condicións de traballo das persoas da escrita en lingua galega.
– PG: Cal é o xerme de Luns?
– ER: O xerme de Luns é rabia. Hai realidades e situacións que nos acostumamos a lelas na prensa e pasan a ser habituais, normais. Desas que dicimos: unha máis… E non pode ser, non está ben. Quería escribir un texto que provocase a reacción, as ganas de moverse. Unha novela visceral dirixida directamente ao hipotálamo.
– PG: Como se pode construír unha obra que fala sobre o día a día e manter o interese da persoa lectora?
– ER: Damos por suposto que a vida está aí e que estará sempre até que non está. Ese punto no que nos enfrontamos á nosa vulnerabilidade é o mesmo no que se encontra Nere, a protagonista. Vivir é unha aventura fantástica. A mellor aventura que nos tocou experimentar. E cando nos decatamos de que cada día é único e irrepetible a ficcionalidade escríbese soa. O interese vén, imaxino, das ganas que teñamos de vivir.
– PG: Luns fala da inestabilidade e a fraxilidade, de como todo o que era sólido pode caer nun abrir e pechar de ollos…
– ER: Nun sistema consumista, como o noso, depositamos a nosa estabilidade na maior cantidade de obxectos materiais e, nese proceso de adquisición constante, esquecemos que ninguén vai saír viva de aquí e acabaremos no mesmo burato. Hai certas situacións que nos obrigan a parar e repensar. Á protagonista acontécelle isto e, cando detén a voráxine do diario, chega ese momento no que analizar se a vida que ten é a que quere, se hai algo que ela poida facer para cambiala. (…)”

Tabela dos libros (setembro 2017)

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis, comeza a andaina da Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Entrevista a Xosé Luís Axeitos sobre Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Manuel Antonio tivo sempre a teima do sindicalismo”. O investigador Xosé Luís Axeitos presenta a biografía Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía. Pode escoitarse aquí.”

Xosé Luís Axeitos: “Manuel Antonio non morre no 1930, continúa vivo ata os nosos días”

Entrevista a Xosé Luís Axeitos en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como foi o labor de documentación que sustenta esta obra [Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía]?
– Xosé Luís Axeitos (XLA): Foi un traballo de máis de catro anos. Elaborei un cuestionario que fun respondendo co arquivo familiar e o expediente militar. Facendo algunhas interrogacións topeime con respostas documentais que contradicían o meu propio pensamento. Gran parte da documentación é a que pertencía á súa nai. Posiblemente estea purgada, pois todo o mundo rompe algunha carta comprometida. Analicei máis de 400 epístolas e 200 fotografías. (…)
– LVG: Agasallaríanos con algunha curiosidade extraída do libro?
– XLA: Existen moitos aspectos anecdóticos, como que pagou 500 pesetas para librarse do servizo militar. Incluso co nome, sempre existiu a pregunta de se é Manoel Antonio ou Manuel Antonio. Non o explico no libro, pero dos centenares de cartas realicei unha porcentaxe das sinaturas. Dependendo do interlocutor, por exemplo as faccións das Irmandades da Fala na Coruña e Ourense, empregaba un ou outro. Na primeira apostarían por Manuel e na segunda por Manoel. (…)
– LVG: Esta biografía pode cambiar a visión que temos del?
– XLA: É posible, ata eu mesmo tiven ideas e tentacións que non coinciden. Quixen ver un Manuel Antonio anarcosindicalista, pero trala análise atopeime a un autor desencantado coa actividade das Irmandades e con amigos que se alistan na Unión Patriótica de Primo de Rivera.
– LVG: A publicación do manifesto Máis alá foi un punto de inflexión, ¿como o recolleu?
– XLA: O manifesto xoga un papel importante, rompe co oficialismo canónico de Rosalía, Curros e Pondal e coa crítica. Un rapaz que apenas levaba 19 poemas publicados lanza este reto e queda libre para todas as innovacións literarias. Nunca quixo escribir na revista Nós nin en El Pueblo Gallego. Pagou constantemente esa ousadía e non foi acollido por ningún círculo, por iso na posguerra chamábano «poeta aelleiro» e trala súa morte todas as necrolóxicas e obituarios son de escritores mozos, como Luís Seoane ou Otero Espasandín. (…)”