Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Lugo: presentación de Luns, de Eli Ríos
Vigo: presentación de A arte de trobar, de Santiago Lopo
A Coruña: presentación de Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos
Betanzos: presentación de A elegancia do século, de Pura Tejelo
Ourense: presentación de O Códice esmeralda, de Alberte Blanco
O English PEN premia a tradución do galego ao inglés dunha obra de Eva Moreda
Desde
Galicia Confidencial:
“O English PEN, a través da súa sección de Traducións, vén de premiar libros de 15 países traducidos á lingua inglesa pola súa “calidade literaria sobresaínte, forza do proxecto editorial e contribución á diversidade literaria no Reino Unido”. Entre as obras premiadas atópase Home is Like a Different Time, de Eva Moreda, traducida do galego por Craig Patterson (Francis Boutle, 2018). Trátase da versión inglesa de A Veiga é como un tempo distinto (Xerais, 2015).
Segundo o English PEN, entre as obras premiadas están “a primeira novela de Mauritania traducida ao inglés e novelas traducidas de linguas europeas minoritarias e menos traducidas como occitano, galego e albanés, cun número igual de autores masculinos e femininos seleccionados”.
Ros Schwartz, co-presidente do panel de premios, manifestou que os editores estanse volvendo “cada vez máis aventureiros” nas súas eleccións, e salientou que, “curiosamente, unha serie de proxectos están dirixidos por tradutores, o que subliña o papel activo que estes poden desempeñar para levar os libros á atención dos editores.”
Os premiados recibirán axudas específicas para asumir o custo da tradución.
O English PEN é o centro fundador do Pen Club Internacional, que engloba a escritores de todo o mundo con 145 centros en máis de 100 países.”
Moaña: presentación de A señorita Bubble, de Ledicia Costas
A escritora Ledicia Costas, Premio Lazarillo 2017
Desde
Xerais:
“A escritora Ledicia Costas resultou gañadora do Premio Lazarillo de Creación Literaria 2017 que concede a OEPLI, Organización Española para el Libro Infantil e Xuvenil cunha novela titulada Plumas e unicornios, que publicará Xerais. O premio, elixido entre un total de 68 obras, foille concedido ex aequo canda a obra No te muevas musaraña, de Rafael Salmerón. O xurado estivo integrado por Xosé Antonio Perozo, copresidente da OEPLI, e por Nuria Ranz, Montse Pena, Arantxa Bea e Idoia Etxegoien, en representación das catro seccións territoriais da OEPLI; actuou como Secretaria, sen voz nin voto, Ana Cendán, Secretaria Técnica da OEPLI.
A novela de Ledicia Costas está ambientada no Londres victoriano e ten unha marcada estética steampunk. Un dos seus personaxes principais é Ágata, unha humana mecánica, e o seu robot Tic-Tac, que emprenden unha viaxe para salvarlle a vida ao máxico León, o seu grande amigo, sen saber que tras eles vai Jack o Destripador. Trátase dunha novela coral, onde o amor convive con sentimentos tan desgarradores como o odio ou a vinganza. Segundo o xurado, o texto crea un universo de fantasía orixinal poboada de poderosos personaxes. Unha representación da loita do ben o o mal nunha obra literaria extremadamente coidada. (…)”
María Canosa: “Con Muriel aprenderemos que a vida sen cor, sen soños, sen ilusión… vólvese gris”
Entrevista
a María Canosa en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Cal é o xerme do que xorde Muriel? Hai detrás algunha influencia literaria ou cinematográfica?
– María Canosa (MC): É moi curiosa a forma que van tomando as historia. A primeira semente foi a actualidade galega. Os problemas das cotas do leite. E eu véndoo nos noticiarios non pensaba en facer unha historia para cativos que tivese que ver con isto, pero a idea de que se aprenda a valorar os potenciais cos que contamos no país, e a valoración das materias primas, dos oficios máis tradicionais.. comezou a moer na cabeza.
E aí comezou a medrar a semente e enfornarse Muriel, engorde. Con calma. Dando moitas voltas antes de decidir tomar un rumbo algo máis concreto. Navegar polo intramundo das historias é unha singradura longa e con moitas viraxes, sen dúbida. Quen diría que os gandeiros me ían traer ata aquí.
En canto á influencia literaria ou cinematográfica que preguntabas, non recoñezo unha en concreto. Houbo influencia visual, moita, para deseñar o personaxe de Fígaro. Pero si que é certo que, no fondo, Charlie e a fábrica de Chocolate estaba por aí. Moi no fondo, claro, porque as historias e personaxes son ben diferentes, pero a estética desa maxia, aínda que máis enxebre, foi inspiración. (…)
– PG: Penso que se pode dicir que Muriel fai unha viaxe tanto física como interiormente.
– MC: Sen dúbida ningunha. Muriel medra e sae da súa comodidade por fóra e por dentro. E diso trata esta historia, de saber medrar, de enfrontarse aos medos e adversidades (sexan do estilo que sexan) para superarnos a nós mesmos.
Muriel inicia a andaina asolagado pola tristura. Ten dúas opcións, quedar nela e buscar quen o arroupe, ou erguerse. Nin el mesmo sabe que está nesa tesitura, pero agarrarse ás pequenas oportunidades, aos detalles diminutos…. resulta a súa salvación. É unha das teimas que teño, valorar o pequeno, o case imperceptible… porque nestas cousas diminutas podemos atopar os grandes cambios, o sentido da nosa vida.
Con Muriel aprenderemos que a vida sen cor, sen soños, sen ilusión… vólvese gris. Un pode ir arrastrando os pés e deixando po ao seu redor, ou erguer os xeonllos e contaxiar vitalidade co seu andar lixeiro. Ser quen do segundo depende de cada un, pero afectará a un entorno considerable, non só ao propio embigo. (…)
– PG: En xeral, que é o máis importante para vostede á hora de confeccionar unha obra literaria?
– MC: Que se faga un novelo, que quede arredondada, como un universo propio no que non existan furados polo que se me caia a historia, ou os personaxes.
Que sexa crible, aínda chea de fantasía.
Pero… eu nunca estou totalmente convencida de que non se me escape nada, ou moito. Dubido constantemente. Preciso, logo, falar moito cos lectores. Pero claro… iso vén despois, cando xa un botou a historia a voar e pouco hai que facerlle…
Pero, como Muriel, intento avanzar e deixar atrás os medos. E moito aprendo de cada intento. (…)”






