Reportaxe
de Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“«Cos seus libros póstumos publicados ao longo deste ano semella que Agustín está aínda entre nós». O crítico literario Ramón Nicolás resume o sentir dos moitos lectores que tivo en vida Agustín Fernández Paz, de quen o vindeiro mércores se fai o primeiro cabodano do seu pasamento aos 69 anos. A recente publicación de Un mundo de palabras (Xerais) testemuña ese fenómeno dobre: dunha banda, propicia esa miraxe dun escritor en plena actividade; doutra, é un chanzo máis na obra dun autor que precisamente por vocación e calidade se situou sempre fóra do tempo.
Esta calidade inflúe na percepción do conxunto da súa escrita: «Éme difícil avaliar se se produciu algunha modificación na avaliación da súa obra en conxunto na sociedade lectora pois para min sempre foi un dos grandes autores contemporáneos: coidadoso na súa obra ata a extenuación abriu, ademais, camiños polos que novas xeracións transitan agora», analiza Nicolás, quen tamén invoca a atemporalidade dos libros de Fernández Paz: «Ao tratarse, a súa, dunha obra con clara vocación de permanencia non é difícil conxecturar que, co paso de tempo, vaiamos notando máis a súa ausencia, malia que sempre teñamos o consolo de atopalo nos seus libros».
«Confío que a medida que pase o tempo, a figura de Agustín Fernández Paz ocupará o espazo que merece na literatura galega de entre séculos, tanto polo seu papel fulcral no desenvolvemento do subxénero infantil e xuvenil como, e sobre todo, pola súa forma de entender a fluidez da escrita narrativa», vaticina o seu editor, Manuel Bragado, director de Xerais. Neste selo aparecerá no 2018 A patria da lingua, «unha obra que Agustín deixou planificada aínda que non puido finalizar completamente» sobre cuestións de política lingüística. Sobre a mesa está tamén a posibilidade de publicar outro inédito, un texto de teatro para monicreques, mentres Xerais continuará co «proceso de comunicación do conxunto da obra de Agustín» e a súa colaboración co premio de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade que leva o seu nome e que resolverá a súa primeira convocatoria este outono en Vilalba. (…)
A poeta Olalla Cociña (Viveiro, 1979) pertence a unha xeración que, malia a diferenza temporal, conectou de xeito inmediato coa proposta literaria de Agustín Fernández Paz. Cociña representa tamén a ese grupo de persoas que empezaron a ler a Fernández Paz para logo converterse en autores, un proceso ao que non foron alleas as súas lecturas do escritor. «Coñecino sendo adolescente porque tiven a sorte de formar parte do xurado do Premio Merlín», lembra a autora. Caímonos ben. «Eu era lectora devota, e comezamos a escribirnos. Abría as súas longas cartas coidadosamente mecanografadas sentíndome importante: el contábame os intríngulis da escrita, os libros nos que andaba, e tamén cousas da vida, sen escatimar tempo nin estilo nin espazo. Eu respondíalle coas miñas movidas, falabamos de igual a igual», rememora. O propio Fernández Paz era consciente desta influencia en lectores máis mozos e, malia ser alleo aos excesos do ego de tantos creadores, comentábao con orgullo contido. (…)”
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
María Reimóndez: “A literatura é un medio moi poderoso”
Entrevista
a María Reimóndez en Atlántico Diario:
“María Reimóndez presentou o seu último libro, Corredora, na caseta de Xerais, acompañada por Ramón Nicolás. Conta a historia de superación de Genet Mullugueta, unha moza etíope que atopa no atletismo unha vía de escape. “É ficción, aínda que baseado en circunstacias que acontecen na realidade, por unha banda a tradición atlética que existe en Etiopía que é a saída da pobreza para moitos, e por outra presento a vida das nenas e das mulleres coas que traballamos dende Implicadas”, apunta.
Volveu a escoller unha temática sensible á concienciación cidadá, aínda que ésta non sexa o seu primeiro obxectivo: “Este libro como os outros é literatura, forma parte do discurso público que pode crear un espazo para a reflexión na procura dunha alternativa ou seguir cos valores establecidos; eu escribo dende a óptica feminista e fago pensar para despois actuar, pero non deixan de ser historias; mais a literatura, se está ben escrita, é un medio moi poderoso porque pode chegar pola vía emocional”.
Neste caso, Reimóndez conta a traxectoria dunha moza pobre, Genet, pertencente a unha extracto social que coñece de primeira man: “É imposible dicir cal é a situación das mulleres en Etiopía, o mesmo que non se pode determinar en Galicia, depende dos recursos ou da formación de cada unha; coas que estivemos traballando en Implicadas atópanse nunha situación de pobreza e marxinación social, xa que o país está sometido a moita presión internacional e está sendo explotado economicamente por unha ditadura da que non se fala”. Neste contexto, Reimóndez destaca o esforzo que fan estas mulleres por cambiar as súas comunidades, a través do consenso. (…)”
Taboleiro do libro galego (xuño 2017)
Desde Cicloxénese Expresiva:
“Aquí vos traemos a listaxe de libros máis vendidos de xuño. Podedes consultar as entradas anteriores no Caderno da Crítica e nesta propia páxina.
Para a elaboración deste taboleiro participaron as seguintes librarías: Miranda, Paz, Andel do libro, Suévia, Lila de Lilith e Chan da Pólvora.
Continuaremos con esta listaxe logo do equinoccio, mais seguiremos subindo contido e publicaremos unha revista en papel.
Narrativa
- Os fillos do lume, de Pedro Feijoo. Editorial Xerais.
- Os nenos da varíola, de María Solar. Editorial Galaxia.
- Sapos e sereas, de Ana Cabaleiro. Editorial Galaxia.
Poesía
- Nomes de fume, de Míriam Ferradáns. Espiral Maior.
- Na casa da avoa, de Marta Dacosta. Galaxia.
- Suicidas, de Francisco Cortegoso. Chan da Pólvora Editora.
- Camuflaxe, de Lupe Gómez. Chan da Pólvora Edicións.
Ensaio
- Historias de galegos extraordinarios, de Salvador Rodríguez. Belagua Ediciones.
- Mariña: de deusa a santa, de Rafa Quintía. Editorial Galaxia.
- Muller inmigrante, lingua e sociedade, de Laura Rodríguez Salgado, Iria Vázquez Silva… Editorial Galaxia.
Xuvenil
- Corredora, de María Reimóndez. Editorial Xerais.
- 22 segundos, de Eva Mejuto. Editorial Xerais.
- A soidade das medusas, de Iria Collazo. Editorial Galaxia.
Infantil
- Mulleres Bravas da nosa Historia. Maruja Mallo, Elvira Ribeiro e Eva Agra. Urco Editora.
- O monstro de cores, de Ana Llenas. Editorial Flamboyant
Libro CD-DVD
- Mel, unha mosca agradecida, de Miguel Ángel Alonso. Nova Galicia Edicións.
- Volta, revolta e reviravolta, de As Maimiñas. Editorial Galaxia.
Banda deseñada
- Floreano. Alúganse borrachos para festas, de Gogue. Editorial Xerais.
- Bichero VI: Ti sacha!!!, de Luís Davila. Autoedición.
Revistas
- Luzes.
- Tempos Novos.”
Bueu: presentación de O xogo de Babel, de Elena Gallego Abad
Carballo: actividades do venres 7 na Praza dos Libros
Chega
unha nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 6 ao 9 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o venres 7, destacamos os seguintes:
– 12:00 h. Presentación do libro ilustrado Kosmocán, de Alberto Varela Ferreiro, coa participación de nenas e nenos que dramatizarán o conto.
– 18:30 h. Concerto infantil a partir dos libro-discos Teatro de Guiñol e Lucecús, de Pirilampo (Galaxia). Colabora: Ler Conta Moito – Xunta de Galicia.
– 20:00 h. Presentación de Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé María Lema, publicado por Xerais. O autor estará acompañado por Xosé Manuel Varela.
– 21:00 h. Presentación de Contos mariños de Carballo, de Xabier Maceiras, publicado polo Concello de Carballo. O autor estará acompañado por Fernando Patricio Cortizo e Xosé Regueira.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 7
O
xoves 6 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:30 h. Isidoro Padín Cortegoso asina Opinións verquidas en Facebook, na caseta da Libraría Nobel Gran Vía.
– 19:45 h. Presentación de O xogo de Babel, de Elena Gallego Abad, publicado por Xerais, acompañada por Ledicia Costas. Ao remate, sinatura de libros.
– 20:00 h. Gogue asina exemplares de Floreano, na caseta da Secretaría.
– 20:30 h. Presentación de Os nenos da varíola, de María Solar, publicado por Galaxia. Xunto á autora, estarán Luisa Martinez Lorenzo, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, e Francisco Castro.
Antón Cortizas: “A utopía permítenos buscar a bondade”
Desde
Xerais:
“Radiofusión emitiu unha entrevista a Antón Cortizas, sobre a súa novela Leonel, gravada en Radio Fene.
A entrevista pode escoitarse ou descargarse nesta ligazón.”
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o xoves 6
O
xoves 6 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:00 h. Luís Davila asina exemplares de O Bichero, na caseta da Libraría Librouro.
– 18:00 h. Rosalía sae do libro e pasea pola Feira, con Olga Cuervo.
– 19:00 h. Carlos Núñez asinará exemplares de Vigo metropolitano na Galicia céltica, publicado por Xerais.
– 19:45 h. Presentación de Corredora de María Reimóndez, publicado por Xerais. Con Ramón Nicolás. Ao remate, sinatura de libros.
– 20:30 h. Presentación de Vigo metropolitano na Galicia céltica, de Carlos Núñez, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o mércores 5
O
mércores 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Ledicia Costas asinará exemplares das súas obras.
– 19:45 h. Presentación de O Códice esmeralda de Alberte Blanco, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado. Ao remate, sinatura.
Eva Mejuto: “Impactoume o sufrimento das crianzas trans”
Entrevista
a Eva Mejuto en Sermos Galiza arredor de 22 segundos:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Ti defendes que a literatura serve para axudarnos a entender a vida. Sen embargo, saíron voces críticas que dicían que na cultura galega hai exceso de literatura de valores e defecto de literatura a secas. Como ex editora e escritora, que opinas?
– Eva Mejuto (EM): A literatura é certo que ten que estar ben contada: personaxes ben construídas, unha acción, unha trama, que sexa crible, etc. Iso é fundamental, pero iso non quere dicir que non poida ter outras características: pode servir para entreter, para evadirse, para inventar mundos que non existen… pero sempre serviu tamén -e para min sempre servirá- para coñecernos primeiramente a nós mesmos e logo o mundo que nos rodea. E para min ese debate é absurdo, porque unha cousa non está ‘reñida’ coa outra. Se unha historia está mal contada non funciona, porque non vai conseguir aquilo que se pretendía. Pero os valores son intrínsecos, ti cando contas unha historia contas tamén unha ideoloxía, uns valores… Estas historias de fantasía, Harry Potter, etc. non están exentas de valores, aínda que non estean tan evidentes. Tamén conlevan comportamentos e roles de xénero. Un libro ten que estar sempre ben construído, ten que ser estimulante, ten que retar á persoa que o le, pero iso non quere dicir que non poida levar consigo ideas, valores e ferramentas que che axuden a ter unha perspectiva crítica da sociedade para que aprendan a pensar por si mesmos.
– SG: Esta é a túa primeira novela xuvenil, pero creo que tes máis proxectos na gaveta, o que quere dicir que chegas para quedar. Que nos podes contar dos teus vindeiros proxectos?
– EM: Si que é certo que teño moitas historias gardadas e teño gana de contalas. A verdade é que hai aí unha historia escrita, só lle faltan unhas voltiñas, e tamén teño un proxecto para público mozo que ten que ver coa recuperación da memoria. Si que me gustaría falarlles aos rapaces de partes do noso pasado que penso que non están contadas de todo, non aparecen nos libros de historia oficial e probablemente eles xa non teñan contacto con xente que o viviu. Estou agora nun proceso de investigación de varias historias que van acontecer en distintas épocas. Basicamente acontecen en distintos momentos da historia do noso país, vai nesa liña do que me apetece escribir. Tamén ten que ver coa tese de doutoramento á que lle dediquei moitos anos, que vai da literatura infantil como ámbito para o testemuño, e supoño que iso me influiu moito á hora de analizar os libros infantís. E resulta que unha das cousas que descubrín nos álbums ilustrados é que había moitos máis libros sobre a II Guerra Mundial que da Guerra Civil. Logo aparecen libros de texto que din que Lorca morreu accidentalmente, así que paréceme importante contar a historia desde distintas perspectivas. Había unha profesora vasca que dicía que ás veces a ficción serve para encher os baleiros da historia oficial, e esa idea gustoume moito. (…)
– SG: Como creadora e ex editora, como ves a industria editorial galega, que parece que non despega?
– EM: Unhas van e outras veñen. Eu veño de estar na pasada fin de semana na Festa dos Libros de Pontevedra e a verdade é que foi fantástico, con moito público, moitos libros, moitas librarías… Se cadra é unha illa, pero cando ves que hai lectorado, libros de calidade…. dá moito ánimo. Pero si que é certo que o sector leva pasando por unha etapa complicada máis tempo do que se debera. Houbo editoras e librarías que quedaron no camiño, e cunhas políticas públicas que non o fan demasiado ben, entón é complicado e duro, así que as editoras teñen que controlar bastante o que editan porque hai que minimizar riscos. Por iso é tan importante a literatura infantil e xuvenil, porque crearmos lectores novos é fundamental. Ou nos aseguramos que temos unha produción que atope un público ou a cousa complicase moito. Eu teño esperanza, pero co realismo de saber que o sector está a sufrir moito. Pero, por outra banda, hai creadores e creadoras fantásticas, un caldo de cultivo interesante e creo que fan falta iniciativas que unan esa produción literaria co público interesado, ademais de formar para que o resto do público se achegue, que hai moito reality na televisión e moita Internet, que ocupa tempo de máis, e esquecemos o importante que son os libros na nosa vida para conformármonos, para formar o noso pensamento e tamén para reflexionar. Hai que pararse neste mundo tan rápido. O tempo de parar, de poñerse a ler, de gozar e de pensar é algo que como sociedade temos que replantexarnos.”
