Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o martes 4

O martes 4 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

– 19:00 h. Concerto-presentación de Fantasía coas palabras, de Papi e Mami, publicado por Galaxia.
– 19:30 h. Manuel Esteban asinará A ira dos mansos (Premio Xerais de Novela, 2016).
– 19:30 h. María Luísa Abad asina exemplares de Limaduras de prata na caseta da Libraría Librouro.
– 19:45 h. Presentación de Avións de papel, de Xavier Estévez, publicado por Xerais. Con Marcos Viso e Helena Pérez. Ao remate, sinatura.
– 20:30 h. Antonio M. Fraga presenta A virxe das areas, publicado por Embora, acompañado de Ledicia Costas.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o luns 3

O luns 3 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

– 19:30 h. Sinatura de exemplares de Un banco na Gran Vía, polo seu autor, Manuel Vilanova, publicado por Ir Indo, na caseta da Libraría Nobel Gran Vía.
– 19:45 h. Presentación de Os fillos do lume, de Pedro Feijoo, publicado por Xerais. Con Ledicia Costas. Ao remate, sinatura.
– 20:00 h. Paco Barreiro asinará Beixos de lingua, publicado por Xerais.
– 20:30 h. Presentación de Terradentro, de Xosé Benito Reza, publicado por Xerais. Con Xosé Luís Méndez Ferrín. Ao remate, sinatura.

Ribadeo: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 1 e domingo 2

O domingo 2 de xullo finaliza a IV Feira do Libro de Ribadeo (no Parque de San Francisco, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h.), organizada polo Concello de Ribadeo, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 1
– 12:30 h. Presentación de A candidata, de Miguel Sande, publicada por Galaxia.
– 13:00 h. Presentación de 22 segundos, de Eva Mejuto, publicado por Xerais.
– 19:00 h. Presentación da colección Mulleres Bravas da nosa historia, de Urco Editora, coas súas autoras, Eli Ríos e María Lado, acompañadas pola ilustradora Eva Agra e o editor, David Cortizo.
– 19:45 h. Presentación de O anxo negro, de Manuel Gago, publicado por Xerais.
– 20:30 h. Concerto-presentación de Os fíos do querer, Cé Orquestra Pantasma. Para nenas e nenos entre 0 e 3 anos.

Domingo 2
– 13:00 h. Presentación de As covas do rei Cintolo, edición facsímile das obras de Daniel Cortezón e Suso Peña. Presentan o libro editado por Lar Roberto Rodríguez, Santiago Sanjurjo e Justo García.
– 19:30 h. Presentación de Placebo, de Santiago Jaureguízar, publicado por Xerais.

22 segundos, de Eva Mejuto, por Eli Ríos

Desde A Sega:
“”O que non se di é coma se non existise, dixéralle o avó un día, e xa ían sendo horas de existir. Álex, ata o de agora, só vivira de portas para dentro” (p. 9). Estas primeiras liñas coas que comeza a novela de Eva Mejuto xa nos sitúan nunha temática de “portas para dentro”. Esa que non só resultaba invisible para as personaxes do relato senón tamén para a sociedade.
“22 segundos relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe_sen poñerlle etiquetas- que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer.” (contraportada). A escolla desa primeira persoa é un acerto por parte da autora porque nos aproxima a unha realidade continuamente ignorada. Si, é certo, que todas as persoas escoitamos falar de homes e mulleres trans, pero comprendemos o que significa? comprendemos os atrancos que as leis supoñen nun país no que nos manifestamos pola liberdade sexual de cada quen? comprendemos, e pregunto con sinceridade, o que supón o día a día nun mundo completamente inzado de prexuízos? Pois esa primeira persoa, Alex, cóntanos o cotiá, os problemas no diario, pero non só. Eva Mejuto opta por facer unha narración positiva, desde o respecto e cun amor infindo. Un amor infindo na familia ( nesa figura do avó que nos emociona páxina tras páxina), na parella ou no mesmo Alex no seu proceso de autocoñecemento e transición. Esta elección non é secundaria. Todo o contrario. Dignificar o contexto ou os procesos crea unha serie de referentes no que as persoas adolescentes que lean esta obra poden encontrar un espello no que mirarse. E son referentes positivos porque, para poder cambiar as cousas, é necesario construír. Pouco a pouco, pero construír. (…)”

Eva Mejuto: “Aínda quedan moitas cousas das que falar”

Entrevista a Eva Mejuto no Diario de Pontevedra (foto da Festa dos Libros 2017):
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): A súa primeira novela [22 segundos] é tamén a primeira que se achega á temática trans dun xeito directo na literatura galega.
– Eva Mejuto (EM): É curioso, pero a temática da transexualidade sempre foi tratada dende unha perspectiva un tanto escura, dende a marxinalidade, ligándoa á prostitución, por exemplo. Pero eu quedei impactada despois de ver un documental en Televisión Española que se chama El sexo sentido, no que se fala de nenos trans e de como viven a súa condición dende que son moi pequenos. Decateime do enorme descoñecemento que temos desa realidade. Recoñecer a súa loita e o seu sufrimento conmoveume moito. Quixen contalo, quixen axudar a concienciar sobre esta realidade. Entre outras cousas, nese documental dábanse datos brutais, como que case o 70% destes nenos sofren bullying ou que os intentos de suicidio nese colectivo superan o 40%, cando na poboación xeral son dun 1%. Hai moita ignorancia sobre este tema e falta empatía. Non somos quen de poñernos na pel do outro. Eu creo que a literatura serve para moitas cousas, para entreterse, para desenvolver a imaxinación e a creatividade, pero tamén serve para axudarnos a entender a vida, para axudarnos a ter unha ollada crítica e aberta sobre o mundo. (…)
– DP: A súa novela demostra que hai moitos temas aínda por tocar na literatura galega?
– EM: Non sei se faltan tantos temas por tocar, que tamén, como olladas. Hai moitas olladas que fai falta ir incorporando. Poñamos por caso a feminista. Non é que non haxa mulleres na literatura galega, hainas, pero, como noutras literaturas, é imprescindible que o que se incorpore sexa a ollada feminista. Hai que propoñer novas formas de ollar, novas perspectivas. Pero si, é necesario falar de moitas cousas, porque aínda non se tocaron ou porque se tocaron moi por enriba.”