O
sábado 23 de abril, ás 19:00 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), preséntase Tártarus, de Antonio Manuel Fraga, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, María Xesús Fernández e Manuel Bragado. Ao remate, o propio autor lerá un fragmento da novela acompañado do DJ Michał Kamac.
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o venres 22
Do
19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente, desenvolverán un programa de traballo onde, entre outros actos, o presidente da AELG participará nunha mesa redonda titulada Diálogo de autores arxentinos e galegos, que compartirá con Graciela Aráoz, da presidenta da Sociedad de Escritoras y Escritores de Argentina (SEA), o luns 25 de abril, ás 18:00 g. Farán unha presentación das respectivas entidades e compartirán as inquedanzas das dúas entidades e as ferramentas de traballo e interconexión entre os profesionais das palabras. Dúas visións desde as dúas beiras do Atlántico. Tamén na súa calidade de presidente sumarase á iniciativa da Fundación Manuel María Manuel María na túa voz, lendo o día 23 de abril poemas do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas no Festival Internacional de Poesía organizado pola FILBA ás 18:00 h.
Pola súa banda, Ledicia Costas, vogal da AELG, participará o domingo 24 ás 16:00 horas no encontro “Pontes literarias sobre o Atlántico”.
Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o venres 22 de abril:
– 10:00 h. Ledicia Costas participa nun diálogo con estudantes do Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol.
– 18:00 h. Coloquio sobre Luís Seoane na Arxentina. No Stand de Galicia. Participan: Silvia Dolinko, irmáns Leirado e Víctor F. Freixanes.
– 18:30 h. Conferencia de Teresa Moure: A literatura galega como produto cultural contra-poder. Federación de Asociaciones Gallegas de Argentina.
– 19:00 h. Presentación de Francisco Luis Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia, publicado polo Centro PEN Galicia. Coloquio sobre o escritor e proxección audiovisual de Xan Leira. Con Luís González Tosar, Antonio Requeni e José Luis Moure.
– 19:30 h. Proxección audiovisual e coloquio sobre Dúas letras, de Fina Casalderrey. No Centro Galicia. Participan, xunto á autora, Carlos Brandeiro e Víctor F. Freixanes.
– 20:00 h. Asociación Galega de Editores. Stand. Análise da industria editorial galega. Con Laura Rodríguez, Henrique Alvarellos e Benigno Paz.
– 20:30 h. Lectura e presentación de O último día de Terranova, co seu autor, Manuel Rivas, publicado en Xerais. Sala Leopoldo Lugones (Pavillón amarelo).
Cambados: “Océano para Terrícolas”, espectáculo arredor de Contos do mar de Irlanda, con Xurxo Souto
O
venres 22 de abril, a partir das 20:30 horas, na Confraría de Pescadores de Cambados, Xurxo Souto protagoniza a performance interactiva Oceáno para terrícolas, baseada no seu libro Contos do Mar de Irlanda, publicado por Xerais.
Vigo: presentación de Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, de Álex Alonso
O
venres 22 de abril, ás 20:00 horas, no Café Badía (Rúa Sanjurjo Badía, 240) de Vigo, preséntase Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, de Álex Alonso, XVII Premio de Narrativa curta Ánxel Fole, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Marcos Calveiro e Manuel Bragado.
Ledicia Costas viaxará a Nova York en maio para falar dos seus libros
Desde
Xerais:
“A escritora Ledicia Costas viaxará a Nova York o vindeiro mes de maio, convidada polo Instituto Cervantes, par desenvolver, durante os días 20 e 21, un amplo programa de actividades con diversas conferencias e encontros, dentro do marco do XXV Simposio de Literatura Infantil e Xuvenil. Logo de Escarlatina. A cociñeira defunta, co que a autora obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, acaba de publicar Esmeraldina, a pequena defunta. Ambos os dous libros están ilustrados por Víctor Rivas.
Nesta ligazón en pdf pode verse o programa completo da estadía de Ledicia Costas en Nova York.”
Carlos Negro publica o libro de poemas Masculino singular
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“O libro de poemas Masculino singular é un diario íntimo sobre a deconstrución da masculinidade. Carlos Negro afirma que ‘se mergulla na chatarra semántica que propaga o machismo’. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Crónica da presentación na Coruña de De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal, de Mercedes Queixas, por Manuel Bragado
Desde
Brétemas, de Manuel Bragado:
“Fermoso acto na Linda Rama da Porta de Aires coruñesa no que presentamos De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal, de Mercedes Queixas Zas. Abrimos o acto coa presentación do booktrailer do libro preparado por Distrito Xermar no que aparece a fraga do concello de Cerceda e a versión de Xoel López de “Quen poidera namorala”.
O escritor Xabier P. DoCampo comezou lembrando que hai quince anos presentara o primeiro libro de Mercedes Queixas, “unha persoa pola que teño un cariño grande por ela e pola súa estirpe”. Meténdose xa en fariña, DoCampo definiu a historia da literatura como “a historia dun pobo que atopa nas súas preguntas e respostas a súa razón de ser”. Deste xeito, “a historia da literatura galega é a historia do pobo galego que fai real o seu paso pola historia!. “Neste libro de Mercedes Queixas atopamos a pegada que o pobo galego deixou co propósito de afirmar o soño da súa existencia”. “Se eu fose profesor de lingua e literatura, que por ventura xa non o son, este sería o único libro de texto que tería o meu alumnado”. Despois de relatar o que lle contara Juan Farias para ilustrar o nacemento do relato e da cultura, DoCampo gabou a selección de textos literarios de cada capítulo, que “completan unha auténtica antoloxía”. Rematou as súas fermosas palabras salientando que “este era un libro escrito dende o feminino e dende sermos nación”.
Comezou Mercedes Queixas explicando que “o libro nacera coa intención de facer unha historia da literatura galega sintética, breve, cunha ollada propositivamente diferente, que non contase todo nin que fose un catálogo de datas, autores e obras”. “Hai unha intención de visibilizar o papel da muller, sobre todo na literatura medieval, onde non foi todo nin pasivo nin secundario. Tamén pretendín recuperar nomes, traelos ao primeiro plano, que non están presentes noutras obras como os de Manuel Lueiro Rey, Gonzalo López Abente ou Mª do Carme Kruckenberg. Ou nomes como os de Lois Pereiro e Xela Arias, que non poden caer no esquecemento”. Non esqueceu Queixas o papel da lingua, “que se mantivo no corpus da literatura oral” nin as referencias “a unha literatura viva que aumenta, expande e normaliza a súa expresión no xénero da literatura infantil e xuvenil, ou na tradución a outras linguas, onde se conformou un corpus xa considerable”.
Rematou Mercedes Queixas confesando as dificultades de acometer “este exercicio maiúsculo de síntese” e salientou a importancia da lectura: “dende a literatura podemos comprender e construír o mundo, se lemos máis tentaremos restaurar o desequilibrio no que vivimos, recoñecendo o propio e os valores nos que cremos”. “O título do libro apela ao espírito da literatura como un ser vivo, un ser que evoluíu, que brillou e superou momentos de asfixia”. “Temos unha literatura viva, que segue aí dende Arias Nunes á Berta Dávila, dende os pergamiños medievais á Poética.gal de Fran Alonso”.”
Anxo Angueira: “Rosalía é veciña de Novalis e Hölderlin
Santa Comba: presentación de O volframio en Varilongo. Santa Comba de Xallas (1941-1963), de Carme Blanco Ramos
O
sábado 16 de abril, ás 18:30 horas, no Edificio Multiusos do Concello de Santa Comba, terá lugar a presentación do libro O volframio en Varilongo. Santa Comba de Xallas (1941-1963) de Carme Blanco Ramos, publicado en Xerais. No acto, organizado polo Concello de Santa Comba e a editora, participan, xunto á autora, Xesús Alonso Montero, José Antonio Ucha Velo, Manuel Bragado e Carmen Blanco Ramos.
Redondela: presentación de A cacería, de Amadeo Cobas
O
venres 15 de abril, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura da Xunqueira, en Redondela, preséntase o libro A cacería, de Amadeo Cobas, publicado en Xerais, novela gañadora da VI Edición do Concurso Internacional de Novela Cidade Centenaria de Ribeira. No acto participan, xunto ao autor, Margarita Fernández Neira e Manuel Bragado.
