Ramón Nicolás: “O Medievo é un pozo de historias”

EntrevistaRamón Nicolás a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): É unha novela histórica ou de ficción [O espello do tempo]?
– Ramón Nicolás (RN): Hai unha figura histórica, a monxa alemá Hildegarda von Bingen, e a outra é unha personaxe que sitúo no mosteiro, Ona Guiomar. Ese diálogo que establecen esas personaxes é histórico e o contexto que as rodea. Arredor diso hai unha intriga contemporánea, da man dun historiador ao que lle chegan, dun xeito un tanto fortuíto, unha serie de papeis, e a partir de aí empeza a investigar. Mestura unha intriga cunha parte máis puramente histórica.
– LVG: Por que personaxes femininas?
– RN: Estaba obrigado porque o mosteiro de San Pedro foi un cenobio feminino, gobernado por unha ona, ou abadesa; reciben este nome só aí, é unha singularidade do galego-portugués da época. As personaxes femininas eran de regra porque poboaron ese mosteiro e gobernaban esas terras. A outra personaxe feminina, Hildegarda von Bingen, vén ao fío da propia Ona Guiomar. É contemporánea dela -falamos do século XII- unha persoa con moitos saberes no ámbito da protomedicina, da bioloxía ou da curación natural. Pareceume interesante poñelas a dialogar. A parte epistolar da novela está baseada nese diálogo entre as dúas mulleres.
– LVG: E lle dá esa capacidade intelectual porque tamén a tiñan nesa época medieval?
– RN: Hildegarda von Bingen é unha destas grandes mulleres da historia. Posuía moitos saberes e publicou libros. Ona Guiomar establece un diálogo con ela para aprender e lle amosa realidades do seu entorno que non son tan distintas das que comenta Hildegarda. (…)”

Onte 1743: Onde o mundo se chama Escudeiros, por Manuel Bragado

DesdeEscudeiros_03-09-2016_01-1024x768 Brétemas, de Manuel Bragado:
“Foi emocionante acompañar no serán de onte a Ramón Nicolás na presentación en Escudeiros d’ O espello do mundo, a súa primeira novela. Toda a comunidade xuntouse no Centro Social para celebrar a publicación da obra e para escoitar ao profesor Xesús Alonso Montero e aos seus escritores. Abriu o acto coa solemnidade que merecía o gaiteiro Manuel Ferro que deu paso ao escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte, que presentou aos membros da mesa e contextualizou a novela de Nicolás nas terras do concello de Ramirás, tanto por desenvolverse no mosteiro de San Pedro, como pola forte presenza nestas páxinas de san Xoán de Escudeiros. Lembrou Alberte que a parroquia tiña unha importante tradición mineira, sendo identificada moitas veces como «Escudeiro dos comunistas».
A seguir interviu o historiador Carlos Méndez que lembrou un chisco emocionado a importancia de Escudeiros na historia, dende as súas primeiras pegadas prehistóricas, pasando pola presenza das ordes monásticas, o episodio dos tres pesos do coronel Guillade, co que remataron as guerras carlistas, até a biblioteca da Institución Libre de Enseñanza, que montou un mestre da República, e a presenza de Maruja Mallo na parroquia, formando parte das Misións Pedagóxicas, cando estalou a Guerra Civil. Citou despois, aos escritores de Escudeiros, Lois Antón e Xoán Carlos Domínguez Alberte, e lembrou o documental que filmou alí Rubén Riós. Rematou o profesor Méndez salientando a importancia da novela de Ramón Nicolás «a partir da que deixamos de ser o espello de Escudeiros para ser espello do mundo, nestas páxinas quedarán para sempre os nosos topónimos, as nosas palabras, nomes e xentes».
O profesor Alonso Montero celebrou falar por vez primeira «onde o mundo se chama Escudeiros» e cualificou a novela como «a obra dun creador que sabe construír un mundo de ficción». Detívose no carácter epistolar da novela e na singularidade da correspondencia intercambiada entra a abadesa de Ramirás, onde había un cenobio feminino, e a monxa alemá Hildegarda von Bingen. «As cartas están traducidas ao galego, pero o asombroso para o lector é que parecen escritas en latín clásico. Toda a novela está escrita nun galego clásico e unha prosa reverenvial que dá gusto».”

Texto de María Canosa sobre O espello do mundo, de Ramón Nicolás

DesdeMaría Canosa Xerais:
“Publicamos o texto da escritora María Canosa lido na presentación na Coruña da novela O espello do mundo, de Ramón Nicolás:

“(…) A novela comeza con toda unha declaración de intencións, cunha ollada, pero non unha ollada fixa, unha ollada que muda, cambia, medra. A ollada dun protagonista observador, dun escritor observador. Moi observador. Por iso sabe a medida xusta da descrición, sen excesos. Tan só sitúa, dispón, axuda a que o lector tome posición en cada momento do libro.
Unha novela, ademais, perfectamente estruturada. Quizais por iso comeza describindo a estrutura dunha igrexa, porque no esqueleto está a base do corpo, e do mundo. A estrutura da vida, dos tempos. É moi sinxelo seguir os cambios de espazo e época grazas ao ben formulado e seccionado que está o texto. É doado pasar da actualidade ao século XII, sen caer nin perdernos no salto temporal. Tamén por iso se fala coa mesma familiaridade dos chíos do twitter coma dos pergameos antigos. Porque a novela está narrada dun xeito natural, sen grandilocuencias nin pompas, por moito que o tema dese para iso. Intúo, e non creo que me equivoque, que isto é produto de seguir os ditados do carácter tranquilo e sinxelo de Ramón Nicolás. Hai quen di que os libros son coma fillos e este é un reflexo fiel de seu pai.
Mais o éxito non é só estruturala ben, hai que engadir que se intúe o tempo de pensar, meditar, interiorizar… Dá a impresión de que o autor coñece á perfección todo o que se conta, e así debe ser. Por iso resulta tan ben dosificada. O contido vaise amosando aos poucos, para non cargar ao lector. Dáse a información paulatinamente, evitando a saturación. A trama faise máis complexa, pero resulta doado seguila. (…)”

Burela: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 27 e domingo 28

ODiptico-II-Feira-Libro-Burela-2016-1 domingo 28 de agosto finaliza a Feira do Libro de Burela, que terá lugar na Praza da Mariña, con horarios de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes dous días:

Sábado 27
13:40 h. Presentación-recital de Chorimas serodias, de Montse González Álvarez, con lectura posterior dalgúns poemas de Luz Pozo Garza. O acto será conducido por Julia María Labrador.
19:00 h. Pere Tobaruela presenta a saga Formig4s. Conduce o acto Julia María Labrador.
20:00 h. Farruco Graña presenta O soño de Xoán, novela publicada por Embora. Conduce Marcelino Luna.

Domingo 28
19:15 h. Paco Rivas presenta Entre o abalo e a zaranda. Dicionario léxico do mar.
19:45 h. Presentación de A maruxaina e outras sereas, de Paco Rivas, Alfonso Otero Regal e Pablo Mosquera, publicado pola Deputación de Lugo.

Monforte: actos destacados da Feira do Libro no mércores 24

OFeira do Libro de Monforte 2016 mércores 24 de agosto comeza a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Inauguración da Feira. Pregón inaugural a cargo de Antón Lopo, tras actuar a Banda de Gaitas de Monforte.
20:00 h. Xabier Quiroga asina na caseta da Secretaría.
20:00 h. Estefanía Padullés asina exemplares de A canción do sol, publicado por Hércules de Edicións, na caseta da Libraría Agrasar.
20:30 h. Presentación de O amor nos escuros días de Birkenau, de Alberto Canal, publicado por Xerais. Con Ramón Caride.

Caldas de Reis: recital poético de Carlos Callón dentro de Orixe Candente 2016

OCarlos Callón 2014 martes 23 de agosto, ás 22:00 horas, na Terraza do Mesón Bermaña, en Caldas de Reis (Rúa Porto do Río, 31), dentro da V edición de Orixe Candente, terá lugar un recital poético coa participación de Carlos Callón, quen recitará poemas de Atravesar o fantasma, publicado por Xerais.

Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do venres 12

OFeira do Libro Cee 2016 venres 12 de agosto continúa a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), organizada polo Concello de Cee, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Os actos terán lugar no Museo Fernando Blanco:
12:30 h. Presentación de 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, coordinado por Suso Díaz e Helena Villar Janeiro, publicado por Biblos. Xunto aos coordinadores, participan Xesús Rábade Paredes, Modesto Fraga, Rocío Blanco, Alexandre Nerium e Viki Rivadulla.
20:00 Presentación de O anxo negro, de Manuel Gago, publicado por Xerais. No acto estará acompañado por Salvador Mosteyrín.
20:45 h. Rocío Leira presenta Obituario, editado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Presenta Suso Bahamonde.

Terceiro día na Feira do Libro da Coruña, por Manuel Bragado

DesdeMB_Maria_Canosa_Ramon_Nicolas_Mercedes_Queixas_03-08-2016-1024x768 Brétemas, de Manuel Bragado:
“(…) Pechou a xornada a presentación d’ O espello do mundo, a primeira novela de Ramón Nicolás, acto no que participaron as escritoras María Canosa e Mercedes Queixas. Comezou o seu discurso María Canosa sinalando que “presentaba unha novela moi especial, a opera prima dunha figura excepcional”. “O espello do mundo expresa a ollada dun escritor moi observador, que sabe da mirada exacta, sen excesos. Novela moi ben estruturada, narrada dun xeito natural sen gradilocuencia ningunha, ben diseccionada, como o carácter tranquilo e sinxelo de Ramón Nicolás”. “O autor coñece á perfección todo o que se conta nunha novela con pouso, madura, madurada, que dá seguridade ao lector. Os personaxes son consistentes, ben construídos, congruentes na definición”. Rematou María Canosa salientando que estamos diante dun “libro elegante, consistente, unha novela con maiúsculas, unha alfaia que fará ledicia a que se achegue a ela”.
Pola súa banda Mercedes Queixas lembrou que nas páxinas de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro intuíra que había un narrador de ficción, “imaxinaba que algo Ramón Nicolás puidera estar escribindo”. Mercedes expresou a súa convicción de que “O espello do mundo será unha obra que axude a mover marcos no noso sistema literario”. “A novela está definida no propio texto como o intercambio epistolar de dúas personalidades converxentes que a historia se encargou de borrar. Un libro, pois, para superar os territorios d ainvisibilidade, unha superación do oficialmente contado”. “Tras as lecturas da novela viñéronme dúas imaxes que sintetizan: a dun reloxo de area e a dunha bufarda. A do reloxo para expresar o tempo degustado na Idade Media, a idea de esquecer o tempo e introducirnos na rodaxe pausada, un río que discorre sempre con pouso e a sabedoría das palabras escollidas por alguén que coñece o uso do idioma e as historias ben contadas.” “A imaxe da bufarda como punto de luz que traspasa eses muros románicos e trae ao presente unha historia pendente de contar, a da descuberta da ciencia, da educación, da lingua desas mulleres dunha igrexa con poder, con moita responsabilidade, cultas, con vocación de acceso ao coñecemento, posuidoras dunha vontade de proxectos colectivos, de sororidade”. Rematou Mercedes Queixas sinalando que “esta obra pon en altísimo valor un tempo e un espazo, propio e alleo, un xogo entre a ficción e a historia, que demostra que non se pode ser máis universal ca sendo local”.
Rematou as intervención Ramón Nicolás que dedicou as súas palbras a Agustín Fernández Paz. Reflexionou o autor sobre a importancia da lectura: “para escribir cómpre ler moito, escribir é reescribir o que se leu”. Confesou que o atrevemento de ficcionalizar algúns episodios da biografía de Celso Emilio Ferreiro levouno a emprender este proxecto no que asume que “a novela é un xénero híbrido, o xénero das preguntas”. Rematou Nicolás confesando que a novela quixo entrar no período medieval e agromou en Escudeiros, nas Terras de Celanova, na Galicia esquecida”.