Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a primeira Tabela dos Libros deste ano, onde se ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Bases do Premio literario Illa Nova de Narrativa 2021
Conversa con Xavier Queipo arredor de Corazón de manteiga
Desde Radiofusión:
“O nome xa nos derrete mesmo o pronunciamos. Corazón de manteiga é a nova novela de Xavier Queipo editada por Galaxia. O autor é galego, de 63 anos e residente en Bélxica. “Non é doado saber de onde ven unha novela. Pode vir dun soño, dunha experiencia ou da nova dun xornal” responde o autor á primeira cuestión que lle lanzan no club de lectura, Esther Val, Andrés C. M. Riveira e Henrique Sanfiz.
Corazón de manteiga vén seguramente da infancia e da experiencia de Xavier Queipo como médico en prácticas no manicomio de Conxo no ano 1981. Di que foi cara atrás para reconstruír a historia dunha persoa que recibiu electrochoques. Daí saltan ao dilema de patria. É a lingua ou a infancia? Queipo ponas a nivel. Na infancia están as raíces pero a lingua ten o seu aquel. Na infancia e adolescencia do autor, había dúas linguas, a da escola, o castelán e a do verán na aldea, o galego. “As miñas dúas patrias coinciden nun lugar, unha aldea da Maía ao lado de Padrón” afirma Queipo, para quen o pasado é moi relevante. Hoxe non vive en Galicia e leva máis tempo fora que dentro. En Bélxica fala galego e conseguiu que xente que non o falaba o fale agora que está lonxe. “Hai moitas maneiras de amar o país”, asegura o escritor convidado.
Falamos tamén de recendos e sabores da infancia que non volvemos experimentar despois, como o recendo a pan saído do forno, que son moi evocadores para a literatura. Confesa Xavier Queipo que entrou na literatura a través de Cunqueiro ou de Cortázar. Tamén de Thomas Mann e Proust.
Falamos de enfermidade mental e da incapacidade das sociedades por admitir o diferente. E de como os desequilibrios poden sortearse de tres maneiras; tendo unha dobre vida, emigrando ou pechándonos en nós mesmos. E falamos da Igrexa. “Daquela altura os curas eran os orientadores… daquelas facíanse plans para os fillos e eu estaba predestinado a ser cura” afirma Xavier Queipo. E da culpa. “ A culpa era o mecanismo de control. Se pecaba de pensamento e de omisión. O demo e a maldade estaban por todas partes” A historia que conta na novela está chea de dor pero a dor pode chegar a ser unha ferramenta útil. “Hai que coñecer a dor para valorar a felicidade” conclúe.
Acabamos falando da dicotomía realidade – ficción. Para Queipo, a ficción é realidade na mente de quen a escrebe”.”
A conversa completa pode escoitarse aquí.
Vídeo da presentación en Vigo de Pangalaica. Recortes poderosos, de Xurxo Souto
Casa de Rosalía, Padrón: presentación de Pangalaica, de Xurxo Souto
Xosé Manoel Núñez Seixas gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020
Desde Galaxia:
“A obra De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975), de Xosé M. Núñez Seixas, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse o día 21 de decembro de 2020, ás 10 horas, por videoconferencia.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros, ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano. O xurado destacou a capacidade analítica que a obra premiada, baseada nunha ampla e rigorosa documentación, consegue despregar sobre o fenómeno da utilización do folclore e os seus símbolos polo fascismo.
Á luz desa documentación, o enfoque contrastivo entre as diferentes nacionalidades históricas realízase cun estilo diáfano e crítico. Ademais, a obra premiada vencella o presente con feitos históricos que informan o actual debate sobre a organización do Estado, salientando dese xeito a actualidade do tema.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Don Luís Alonso Girgado, Don Xesús Fraga, Dona Rexina Vega, Dona Montserrat Pena Presas e Don Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.”