Xosé Ballesteros, novo presidente da Asociación Galega de Editoras

AAGEdirectiva Asociación Galega de Editoras (AGE) vén de renovar a súa xunta directiva. O novo presidente, Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, releva no cargo a Laura Rodríguez, de Hércules de Edicións, no remate do seu mandato.
A renovación produciuse no marco dunha asemblea extraordinaria celebrada en Santiago, e convocada con esa finalidade. A lista encabezada por Xosé Ballesteros foi a única candidatura presentada e resultou elixida por unanimidade. Previamente, a presidenta saínte fixo balance da xestión da súa executiva nos dous últimos anos, polo que recibiu o recoñecemento dos asistentes.
Canda Xosé Ballesteros, a actual dirección da AGE complétase con Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, como vicepresidente; Belén López, de Baía Edicións, como secretaria; María Xesús Gómez, de Editorial Rodeira, como tesoureira; e como vogais, Laura Rodríguez, de Hércules de Edicións, Fran Alonso, de Edicións Xerais, Xulio Amigo, da Editorial Galaxia, e Tomás González, de Urco Editora.
Trátase dunha directiva integradora que inclúe membros da anterior etapa e suma tamén novas incorporacións. Destaca ademais pola variedade das editoras representadas, tanto na súa procedencia xeográfica -Pontevedra, Santiago, A Coruña e Vigo- como na temática das súas respectivas producións: literarias e xeralistas, libro de texto, grandes proxectos e literatura infantil-xuvenil.
OBXECTIVOS
O principal obxectivo do novo equipo é poñer en valor o papel das editoriais dentro do sector do libro galego, pola importancia que este ten na preservación do patrimonio cultural do país.
Outros retos que debe afrontar teñen que ver coa necesidade de que o libro galego incremente a súa cuota de mercado, que actualmente só acada o 17% no conxunto das vendas de libros en Galicia. Desenvolver novas estratexias de internacionalización figura, asimesmo, entre os propósitos iniciais desta xeira.
O grupo que preside Xosé Ballesteros aspira a abrir canles de interlocución con todos os colectivos que teñan que ver co libro, a lectura e a cultura en xeral, ademais de normalizar a relación existente coas Administracións públicas.
A partir dunha proposta da nova directiva, a asemblea da AGE aprobou mudar o nome da entidade, que pasa a denominarse Asociación Galega de Editoras.

Entrevista a Mercedes Queixas no Zig-zag

DesdeMercedes Queixas 3 o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista de Pilar García Rego a Mercedes Queixas, centrada en Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, publicado en Galaxia. Pode verse completa aquí.”

Mercedes Queixas: “Manuel María foi sempre quen de vivir no amor á lingua sen ningún tipo de complexos”

EntrevistaMercedes Queixas 3 a Mercedes Queixas en Radiofusión:
““Admiro á persoa, a firmeza, o amor sincero por todo o que significa o país”, explica Mercedes Queixas, autora de Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, o volume da Editorial Galaxia que reconstrúe o “poliedro” do homenaxeado no Día das Letras Galegas. A escritora enxalza os valores que o chairego de Outeiro de Rei defendeu “con total firmeza e naturalidade, sen ningún tipo de complexos, primando sempre a autoestima e compartíndoa co pobo”. A admiración pola persoa non mingua a devoción de Queixas tamén polo Manuel María escritor: “Adoro o poeta, o escritor, ese camiñante que quixo coñecer ben a terra que o viu nacer”. Nestes días propicios para recuperar os seus versos, a biógrafa do muiñeiro de brétemas destaca que “ler a Manuel María é reconstruír todo ese amor que nos legou a través dun traballo incansábel”.”
A entrevista completa pode escoitarse aquí.

Coristanco: presentación de Labrego con algo de poeta, de Mercedes Queixas

OMercedes Queixas mércores 18 de maio, ás 19:00 horas, na Biblioteca do CPI Xosé Pichel de Coristanco, Mercedes Queixas presenta Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, publicado por Galaxia, dentro dos actos da Primavera Cultural do Concello de Coristanco, nunha conversa guiada por Xan Fernández Carrera.

Lugo: actos destacados na Feira do Libro para o xoves 19

OFeira do Libro de Lugo 2016 xoves 19 de maio continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, con horario de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:00 h. Coloquio sobre Manuel María, coa participación dos membros do Clube de Lectura da Biblioteca Nodal de Lugo.
20:00 h. Presentación de O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá, publicado en Galaxia. Ademais do autor, intervirán Xesús Fraga e Arturo Ponte.

Obras gañadoras da I Gala do Libro Galego

GalaDoLibro 14-05-2016A I Gala do Libro Galego tivo lugar no Teatro Principal do Concello de Santiago de Compostela. Con esta convocatoria preténdese recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, foron determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia, entidades convocantes da Gala do Libro Galego.

A seguir, as obras gañadoras nas distintas categorías:

Ensaio
Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, VV. AA. Apiario.
O xurado estima a obra como unha ferramenta necesaria para as aulas co obxectivo de tratar este xénero considerado secundario na didáctica escolar. Valórase tamén este libro pola súa centralidade no tema proposto así como polas posibilidades prácticas que ofrece para a intervención creativa nas aulas.

Tradución
Mocidade (Joseph Conrad), en tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin.
O xurado valora nesta tradución o importante labor de documentación que enriquece a lectura e axuda a acceder en profundidade ao orixinal cunha lectura fluída.

Proxecto literario na rede
Poétic@, de Fran Alonso.
Valórase a innovación desta proposta, que eleva á rede un proxecto literario poético único á procura da permanente construción renovadora.

Literatura infantil e xuvenil
O meu pesadelo favorito, de María Solar (ilustracións de María Lires). Galaxia.
Estimouse a conxunción dunha construción narrativa con trazos surrealistas que axudan a desenvolver un mundo onírico no público lector.

Iniciativa bibliográfica
Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa (ilustracións de Xosé Cobas). Xerais.
O xurado valora o excepcional traballo de conciliación da literatura oral coa escrita, harmoniosamente acompañado polo labor de ilustración. Recoñécese tamén o valor da obra finalistas, polo esforzo de autoedición, pola súa calidade estética e pola atención a un campo considerado menor dende a aposta pola tradición actualizada.

Iniciativa cultural ou de fomento da lectura
Espazo Lectura.
Valórase o fomento da lectura a pé de rúa, no día a día e para todas as idades, e cunha progresión na intensidade de traballo notábel en diversos ámbitos do proxecto.

Libro ilustrado
Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (texto de José Antonio Abad Varela). Kalandraka.
Polo seu lirismo e a coherencia gráfico-textual coa elegancia da ilustración

Teatro
Xogando con gatos, de Antón Cortizas. Xerais.
Sobrancéase o dominio dunha escrita coidada e dirixida ao público infantil dentro do xénero dramatúrxico.

Xornalismo Cultural
Sermos Galiza.
Pola constancia da atención ao xornalismo cultural, sustentada na atención preferente a trasladar á sociedade a diversidade das producións do seu sistema literario.

Narrativa
O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Xerais.
Pola súa complexa arquitectura, esixente, que recoñece o labor de libreiras e libreiros a través dun percorrido emocionante.

Poesía
oso, mamá, si?, de María Lado. Xerais.
Destácase a unidade do poemario, vinculado á construción dun relato que une a tenrura ás condicións máis escuras do ser humano, transitando por un campo emocional moi diverso.

Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. A Federación de Librarías de Galicia outorgoullo á Libraría Pedreira, de Santiago de Compostela; a Asociación de Editores Galegos premiou a Editorial Laiovento e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega concedeu o galardón Escritor Galego Universal ao autor catalán Pere Gimferrer.

A Gala, presentada polo xornalista e escritor Camilo Franco, contou coa actuación musical do grupo de teatro musical Áureas.

Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), e coa colaboración da Fundación Luís Seoane.