Revistas dixitais, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Continuando co seu impagable labor de difusión e análise da literatura galega de noso, a AELG, a través do seu voceiro a revista Escrita contemporánea, publicou un volume no que se recollen as Actas do VI Encontro de Novos/as escritores/as baixo o título xeral de Da tinta á pegada dixital.
Esta entrega de Escrita contemporánea —que na súa particular numeración alfabetizada fai xa o R— debrócase no moi suxestivo e complexo mundo das revistas dixitais como novos espazos para a presenza da literatura na sociedade actual.
Cómpre dicir que, como queira que os encontros que reproduce esta publicación tiveron lugar en setembro do 2011, algunhas das informacións ou valoracións que nel se verteron foron xa matizadas ou superadas pola vertixinosa realidade dixital. Secasí, é evidente que a cerna do alí exposto segue a ter vixencia e que gran parte das súas propostas se viron tamén confirmadas neste tempo.
Prologado polo presidente da AELG, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, o volume recolle unha conferencia inaugural de Tati Mancebo sobre As revistas na era dixital e os relatorios de dúas mesas redondas: unha primeira arredor do concepto Crear desde a ventá e unha segunda para As revistas dixitais na Galiza: pasado, presente e futuro.
Coordinada por Antía Otero, vicepresidenta da institución, a primeira das mesas reuniu as voces de tres poetas singulares que desenvolveron (e algúns aínda desenvolven) na Rede interesantes espazos de comunicación. Velaí o ciborg literario …mmmm… de Estíbaliz Espinosa, o colaxe creativo de Ana Cibeira e o punk poeticomusical de Leo F. Campos en Haicu.
Pola súa banda, a segunda das mesas tivo como mestra de cerimonias á tamén poeta Elvira Riveiro Tobío, quen cedeu a palabra a Chus Nogueira para que fixese un exhaustivo varrido das orixes e actualidade das revistas literararias en internet; a Gaspar Domínguez para que falase da poesía e o medio electrónico dende a súa experiencia como xestor da páxina Andar21.net; e a Montse Pena Presas para que se ocupase das plataformas que acubillan a crítica literaria galega entre retrincos de tinta e bytes.
É moi de agradecer que as xentes da AELG tomasen a iniciativa de convocar este foro e publicar as presentes actas. Neste mundo evidentemente internetizado, onde a convivencia da prensa en papel e os novos medios dixitais é unha realidade da que a práctica totalidade da nosa sociedade xa participa, facíase necesario reflexionar sobre as posibilidades que este novo continente abriu para a creación e o pensamento dende as revistas que pola arañeira circulan.
Para tod@s @s que, como ciberlector@s asidu@s, navegades polo ancho mar da Rede este Escrita contemporánea. Da tinta á pegada dixital ha ser lectura coa que hiperenlazar lediciosamente. As súas páxinas complementariamente non electrónicas esperan por vós.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 10-2-2013]

Vigo: presentación de Carnia Haikai, de Elvira Riveiro

O sábado 9 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Social Bou Eva (Rúa Terzo de Fóra, 11) de Vigo, preséntase Carnia Haikai, de Elvira Riveiro, publicado pola A. C. Caldeirón. No acto, xunto á autora, participan Silvia Penas, Héitor Picallo e a DJ alemá Carina Posse, no que será un acto que combine a reflexión sobre os textos, o discurso arredor da xénese das ilustracións que acompañan os poemas, o recitado, a música e o vídeo.

Mercedes Leobalde faise co VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

“O sábado 10 de novembro, na Casa de Turismo Rural Casa Arpón de Malpica, tivo lugar a Cea das Letras organizada pola A. C. Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños. Durante este acto presentouse a obra gañadora do VI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, Carnia Haikai da escritora Elvira Riveiro Tobío e deuse a coñecer o fallo do xurado do VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O xurado deste Certame, composto por Elvira Riveiro Tobío, Antón Lois Noceda Carballo e Francisco Souto Barreiro, logo de ver as trece obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, seleccionaron a obra titulada Chamádeme Eva, que resultou ser da escritora coruñesa Mercedes Leobalde García.
Chamádeme Eva estrutúrase en catro partes que se corresponden a diferentes momentos vitais dunha muller chamada Eva, sen mazá nin serpe. Nas primeiras dúas partes observase un forte contido erótico deixando para a terceira e a cuarta a presenza do desamor e a morte, fantasticamente personalizada na presenza do lobo. Un léxico claro, sinxelo, eficiente, un uso coidado da lingua e fermosas imaxes seduciron ó xurado para outorgarlle este premio.
Mercedes Leobalde García nace no ano 1967. Licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa adícase á docencia, labor que compaxina co de tradución. Actualmente traballa no Equipo Lingüístico do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A finais do 2011, o seu paso polo obradoiro de escritura de Antía Otero intensifica o seu traballo literario. Animada a presentarse a certames literarios pola propia Antía, neste ano 2012, acada o 2º premio do Certame Ánxel Fole, cun relato titulado Fáltasme e 1º accésit no Manuel Murguía coa obra Taxi driver.” Desde Fervenzas Literarias.

Parlamento das Letras: Elvira Riveiro Tobío

Entrevista de Armando Requeixo a Elvira Riveiro Tobío no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Elvira Riveiro Tobío (ERT): Fáltalle estar máis na vida dos mecánicos, das médicas, dos enfermeiros, das arquitectas, das varredoras, dos camareiros, dos soldadores… Estar na vida da poboación toda. Todo o que lle puidese sobrar é reciclable. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– ERT: Bastante onde escoller. Liñas paralelas e diverxentes. Da cantidade sae a calidade. Non coñezo nin leo todo, por suposto, fáltame tempo e diñeiro para iso, pero cando vou á libraría atopo tantas obras que me chaman e espertan o meu interese, que non podo máis que alegrarme pola cantidade, a variedade e o atractivo das propostas literarias que se ofrecen.
– AR: Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
– ERT: A interesantísima literatura da que gozamos necesita lectoras/es. Non para vender libros, senón para construír unha sociedade crítica, orgullosa de si e aberta ao mundo. Lingua, literatura, sociedade, política, deberían ir da man. De pouco serve ter unha magnífica literatura agardando en lustrosos andeis se non temos quen a lea, nin quen fale a lingua na que xorden eses textos. A actual política glotocida que nos abafa é unha maquinaria de destrución en contra da sociedade, da lingua e, por suposto, da literatura.”

Elvira Riveiro gaña o Certame de poesía erótica Illas Sisargas con carnia haikai

“O pasado sábado día 12, ás 22:30 h. na Casa de Turismo Rural Casa Arpón deuse a coñecer a obra gañadora da sexta edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, convocado polo Concello de Malpica e a Asociación Cultural Caldeirón. A obra gañadora foi carnia haikai, da escritora pontevedresa Elvira Riveiro Tobío. O galardón, entregado polo Alcalde de Malpica, Eduardo J. Parga Veiga, e a Concelleira de Educación e Cultura, Noelia Freijeiro Novo, está dotado con 1.000 euros, que aporta o Concello de Malpica, a publicación da obra, que realiza a A. C. Caldeirón, e unha noite na Casa de Turismo Rural Casa Arpón, por cortesía deste establecemento. A continuación da comunicación do fallo, procedeuse á presentación da publicación da obra gañadora do certame do ano pasado, a obra Amantes da escritora María Lado. O escritor e membro da directiva da A. C. Caldeirón, Paco Souto, deu unha pequena introdución do libro de María Lado quen, a continuación, recitou varios poemas da súa obra”. Vía Concello de Malpica. Tamén reseñado en La Voz de Galicia. Aquí pode consultarse a resolución do xurado.

Fene: o venres 7 de outubro remata o prazo para participar no obradoiro literario da Biblioteca Municipal, coordinado por Eduardo Estévez

Até o venres 7 de outubro está aberto o prazo de matrícula para participar na edición 2011-2012 do obradoiro literario que coordina o poeta Eduardo Estévez na Biblioteca Municipal de Fene.
Este obradoiro comezou a súa andaina hai xa máis de once anos cun grupo que medra e se renova cada ano. Nestes anos, contamos como propios diversos premios literarios obtidos polos participantes do obradoiro no Francisco Añón, nos relatos de verán da Voz de Galicia ou no Avelina Valladares. Dúas participantes do obradoiro publicaron o seu primeiro libro individual e outros dous están a agardar no prelo.
O traballo desenvólvese en sesións semanais nos que os participantes amosan o seu traballo para propiciar, arredor del, un debate literario. Froito do debate vanse poñendo sobre a mesa os diferentes aspectos técnicos da construción do texto. Non se trata, xa que logo, de sesións teóricas senón dun traballo eminentemente práctico. Ademais, contamos coa visita de escritores e escritoras que se achegan ao obradoiro para compartir a súa experiencia.
Este ano, asemade, o obradoiro contará coa participación de tres escritoras que colaborarán na coordinación de algunhas das sesións: Antía Otero, Dores Tembrás e Elvira Riveiro Tobío.

Vídeo da mesa redonda As revistas dixitais en Galiza: pasado, presente e futuro, no VI Encontro de Escritoras/es Novas/os

Vídeo da mesa redonda As revistas dixitais en Galiza: pasado, presente e futuro, coa participación de Gaspar Domínguez, María Xesús Nogueira e Montserrat Pena Presas, presentados por Elvira Riveiro, dentro do VI Encontro de Escritoras/es Novas/os. Da tinta á pegada dixital, celebrado na Coruña o pasado 17 de setembro: