A AELG celebrou este sábado a súa asemblea xeral

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá de hoxe sábado a súa Asemblea Xeral de socios/as.

Acordouse que Vítor Vaqueiro sexa o próximo “Escritor na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo sexta edición; será no mes de xuño no Concello de Santiago de Compostela.

A Asemblea xeral da  Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ratificou Mariasun Landa como Escritora Galega Universal 2020, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi.

O Premio será entregado o día 9 de maio de 2020, no marco da V Gala do Libro Galego, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó e María Teresa Horta.

Aprobouse o programa de actividades para o ano, que inclúe como a celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro, así como as previstas para a conmemoración do 40 aniversario da AELG.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) para someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2020 respectivamente a  Batuko Tabanka e a Emilio Españadero. A Asemblea aprobou as propostas, e a entrega destas distincións terá lugar na V Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo no mes de maio.

Mestras da Memoria 2020: Batuko Tabanka
Grupo formado por 12 mulleres nacidas en Cabo Verde, residentes en Galicia, a maioría en Burela (Lugo).
O nome, Batuko Tabanka,  que se pode traducir como “Entroido de tambores”, tómano dun antigo ritmo tradicional de Cabo Verde. A batuka, en orixe, foi música de xente escrava, nacida canda a colonización portuguesa das illas de Cabo Verde no s. XVI. A música e o baile batuka son unha forma de comunicación dos que non podían facelo doutra maneira: batendo o peito, usando trapos mollados ou unha saca de coiro que colocan entre as pernas, como fan agora.
O grupo formouse a finais do s. XX en burela. En 2009 gravaron o seu primeiro disco “Djunta mô”(Xuntamos as mans) editado pola produtora PAI Música, para o que contaron coa colaboración de Uxía, Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Rodrigo Romaní e Fernando Abreu.
Na súa música revive a memoria das súas orixes que recuperaron entre nós, na teera á que se viron forzadas a migrar por necesidades económicas.
O seu proxecto, con máis de vinte anos de vida, serviulles para percorrer Galicia e outras partes da península e incluso varios países de Europa. Protagonizan documentais, participaron en numerosos festivais e programas de televisión. Incluso ofreceron concertos no seu propio país. A súa decisión provocou, ademais de conservar o seu rico folclore, difundilo polo mundo.

Mestre da Memoria 2020: Emilio Españadero Paz
Ex-compoñente do colectivo de música tradicional “O Son Da Terra” e da banda de gaitas “Os Rexumeiros”. Encargado entre os anos 1992 e 2001 do pub “A Cova Folk”. Membro da organización das “Noites Celtas” na Coruña. Membro do xurado en distintas edicións do Certame Runas do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e do Concurso Internacional de Folk “Cuarto Los Valles” en Navelgas (Asturias). Autor durante varios anos da páxina “Feitizo De Sons” no suplemento dominical do xornal Galicia Hoxe. Director e presentador do programa radiofónico Lume Na Palleira desde 1992 ata a actualidade.
“Lume Na Palleira” nasceu no mes de setembro do ano 1992, da man de Emilio Españadero Paz, como unha proposta musical alternativa para as ondas radiofónicas, tratando de que a música folk e tradicional, tanto do noso país como de outros (principalmente os de influencia céltica), tivera presencia a traveso de ditas ondas. No ano 1996 “Lume Na Palleira” incorporouse a programación da Radio Galega.

O programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG; tamén a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura Oral coa celebración dunha nova Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de máis polafías e, no outono, dunha nova edición, a décimo terceira, da Xornada de Literatura de Tradición Oral, co lema “O humor na Literatura de Tradición Oral”.

Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG.

Finalmente, a presidencia da AELG incidiu en que se tomarán as iniciativas que se consideren necesarias que emanan das conclusións do Parlamento de Escritoras-es que, co lema Identidade e dereitos civís desde a escrita, se celebrou en 2019.

Dado que neste 2020 a AELG fai 40 anos desde a súa fundación, a presidencia informou dos actos de conmemoración, que terán lugar no outono: celebrarase un acto aberto ao público no Teatro Principal da cidade de Pontevedra, durante o cal se proxectará un documental, que xa está en proceso de elaboración, no que se repasará a historia da entidade durante todos estes anos de traballo.

A presidencia expuxo á Asemblea as liñas de traballo que se están desenvolvendo nas cuestións de interese e importancia para as persoas asociadas que dependen de decisións a tomar no Parlamento e Goberno de España, entre as que se encontran a reforma das normas necesarias para establecer a compatibilidade entre a actividade de creación artística e o cobro da xubilación, a potenciación do labor do Instituto Cervantes no espallamento da cultura e lingua galegas, sobre todo no ámbito da lusofonía e, finalmente, o impulso do ensino da lingua galega no estado español.

Informou así mesmo de que se está traballando para asentar a recentemente creada conferencia de asociacións de escritoras e escritores como medio para conseguir obxectivos comúns en beneficio das respectivas bases asociativas, como por exemplo a redacción dun Código de boas prácticas para a elaboración de bases de premios literarios.

Mariasun Landa, Escritora Galega Universal 2020

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) nomeou Mariasun Landa como Escritora Galega Universal 2020, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskal Herria.
Este premio honorífico será entregado o día 9 de maio de 2020, no marco da V Gala do Libro Galego, que terá lugar en Santiago de Compostela, organizada pola AELG, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editoras.
Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó e Maria Teresa Horta.

(Foto: Natividad de la Puerta Rueda).

Mariasun Landa Etxebeste (Errenteria, 1949)
Licenciada en Filosofía en París en 1973 e en Filosofía e Letras pola Universidade de Valencia. Exerceu como profesora de Educación Básica durante varios anos, así como no Servizo de Euskaldunización do Profesorado (IRALE-Goberno Vasco). Finalizou o seu ciclo laboral como profesora titular de Didáctica da Literatura na Escola Universitaria do Profesorado de Donostia (UPV / EHU).
Colaborou en numerosas revistas e xornais do País Vasco, mais o seu labor creativo centrouse, nomeadamente, na literatura infantil e xuvenil en éuscaro. Autora de máis de trinte títulos para nenas e nenos, a súa obra foi traducida, entre outras linguas, ao galego, castelán, catalán, inglés, francés, alemán, grego, árabe, coreano, albanés,…
Entre os premios e mencións recibidas pola súa traxectoria destacan as seguintes:

  • Premio Lizardi de Literatura Infantil en 1982, co conto Txan Fantasma.
  • Premio Euskadi de Literatura Infantil e Xuvenil en 1991, coa obra Álex.
  • O seu libro Iholdi foi incluído na lista de honor do IBBY en 1992, así como Un crocodilo baixo a cama o foi na lista de 2006.
  • Elefante corazón de paxaro foi seleccionado para a lista dos Merlos Brancos (White Ravens) de 2001, que elabora a recoñecida Biblioteca Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Múnic.
  • Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do Ministerio de Cultura estatal en 2003, coa obra Krokodiloa ohe azpian (Un crocodilo baixo a cama).
  • As Asociacións en lingua vasca de Editores, Escritores e Tradutores, Correctores e Intérpretes e a Asociación Profesional de Ilustradores de Euskadi, así como a Asociación de Literatura Infantil e Xuvenil Vasca, outorgáronlle o Premio Dabilen Elea en 2011, en recoñecemento á súa frutífera traxectoria nas letras vascas.
  • En 2014 recibiu o Premio Eusko Ilaskuntza-Laboral Kutxa de Humanidades, Cultura, Artes e Ciencias Sociais, pola súa contribución á cultura vasca no máis amplo sentido, tendo contribuído de maneira efectiva ao desenvolvemento cultural de Euskadi.
  • O Instituto Vasco Etxepare rendeulle homenaxe en 2015, dentro da quinta edición do curso da UPV/EHU “Excellence in Basque Studies”, por ser a escritora en éuscaro cuxa obra foi traducida a máis linguas.
  • En 2016, o Centro PEN de Galicia concedeulle o Premio Rosalía de Castro pola súa traxectoria profesional en éuscaro.
  • Desde 2010 o Concello de Errenteria convoca os Premios Mariasun Landa, que ten como finalidade promover, recoñecer e premiar aqueles textos que recollan a achega realizada polas mulleres ao municipio nos diversos ámbitos sociais. Ademais, preténdese dar visibilidade aos traballos que a maioría das veces fan as mulleres de forma anónima, axudando deste xeito a completar a crónica municipal.

Crónica videográfica da Gala do Libro Galego (VII)

A Gala do Libro Galego 2019, actividade conxunta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 11 de maio de 2019, en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Premio Honorífico á Editora: María Xosé Queizán (recollen Marga do Val e Manuel Bragado).

Premio Honorífico á Libraría: Antonio Fernández Maira.

Escritora Galega Universal: Maria Teresa Horta.

Obras gañadoras dos Premios da IV Gala do Libro Galego

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocaron a cuarta edición dos Premios Gala do Libro Galego, celebrada hoxe, sábado 11 de maio de 2019, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se deron a coñecer as obras gañadoras.
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2018 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, por tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo, formado por Antonio Fernández Maira, Camilo Franco (que se ausentou na deliberación da modalidade de Xornalismo cultural), Elena Gallego Abad, María Xesús Nogueira (que se ausentou na deliberación da modalidade de Poesía), Román Raña, Pilar Sampedro e Kiko da Silva (non participou na deliberación da modalidade de Banda deseñada).
A Gala do Libro Galego conta co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela e a Deputación Provincial da Coruña.

Así pois, faise pública a relación de obras gañadoras por cada modalidade dos premios.

 

OBRAS EDITADAS EN 2018

 

Ensaio e investigación

Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, de Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González (Edicións Xerais de Galicia).

O xurado estima que se trata dunha obra escrita cunha prosa áxil e ben documentada, con equilibrio entre o rigor investigador e a capacidade divulgativa, situando os irmáns Villar Ponte no contexto histórico de finais do século XIX e o século XX, destacando o seu compromiso político co galeguismo.

 

Divulgación

Castelao na arte europea, de Siro López (Garañón Editora).

O xurado considera que este libro fai un estudo biográfico pormenorizado de Castelao, facendo un percorrido reflexivo sobre o humor en xeral, e o galego en particular, e unha comparativa entre a obra de Castelao e as correntes artísticas europeas do momento.

 

Narrativa

Natura, de Iolanda Zúñiga (Editorial Galaxia).

O xurado estima que esta obra ten unha escrita intensa e contundente, abordando unha distopía apocalíptica.

 

Infantil

Os contos da avoa Pepa, de Francisco Xosé Fernández Naval (Kalandraka Editora).

O xurado valora a transmisión de valores como a oralidade, a natureza, a memoria familiar e o mundo rural.

 

Xuvenil

O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio M. Fraga (Urco Editora).

O xurado considera interesante como esta obra, ambientada nunha colonia escolar de  inicios do S. XX, bebe na tradición dos bestiarios galegos, creando novas figuras do seu maxín situados en lugares de forte raigame máxica.

 

Libro ilustrado

Man de Camelle, por Carmen Hermo (Kalandraka Editora).

O xurado estima que este é un libro a contracorrente, onde a ilustración se converte en relato, e que, a través dunha técnica aparentemente sinxela, consegue transmitir a vida do personaxe.

 

Libro de banda deseñada

O puño e a letra, por VV. AA. (Edicións Xerais de Galicia).

O xurado destaca a innovación desta iniciativa que enriquece o sistema literario galego cunha aposta experimental onde se combina o texto poético con interpretacións en banda deseñada de moi diferentes estilos.

 

Iniciativa bibliográfica

Biblioteca de Pedagoxía, por Kalandraka Editora.

O xurado valora moi positivamente esta iniciativa que acolle unha importante escolma de recursos pedagóxicos dos principais autores neste campo traducidos á lingua galega, moi necesaria na actualidade.

 

Tradución

A señora Dalloway, de Virginia Woolf, por Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné).

O xurado dá a benvida á tradución ao galego dun clásico que precisa ser incorporado ao noso sistema literario, realizado por unha especialista que soubo trasladalo con calidade.

 

Poesía

Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes (Editorial Galaxia).

O xurado destaca a madurez expresiva do autor, o enorme ritmo poético da obra, unha certa ironía na expresión que enriquece o texto e un gran dominio do verso.

 

Teatro

Eroski Paraíso, de Chévere (Kalandraka Editora).

O xurado estima que se trata dunha obra que, partindo dun referente real, aproveita para contar con humor as contradicións da sociedade galega contemporánea.

 

Libro mellor editado

Seis Poemas Galegos, de Federico García Lorca (Alvarellos Editora).

O xurado valora a edición facsimilar desta obra, que reproduce fielmente a edición orixinal de 1935 da Editorial Nós, respectando o deseño, formato e papel orixinais.

 

PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS

 

Iniciativa cultural ou fomento da lectura

Asesoría de Bibliotecas Escolares.

O xurado recoñece o papel fundamental na organización das bibliotecas, promoción do libro e fomento da lectura en lingua galega, nun momento crítico no que estamos a rexistrar un alarmante descenso do número de galegofalantes. Valora tamén moi positivamente o papel do profesorado que forma os equipos de bibliotecas do centro e coordina os clubes de lectura.

 

Proxecto literario na rede

Brétemas, de Manuel Bragado.

O xurado destaca este proxecto persoal do autor desde xaneiro de 2005, vencellado ao traballo de edición e ao servizo do tecido cultural galego.

 

Xornalismo cultural

Revista Luzes.

O xurado valora a valentía de manter unha voz disidente en papel e online, desde a que se fai xornalismo cultural e implicado co país, con plena liberdade.

 

 

Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes:

 

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomeou Maria Teresa Horta como Escritora Galega Universal 2019.

Figura central da literatura de expresión portuguesa, alén do profundo respecto e afecto á súa persoa e da valoración da altísima calidade literaria da súa obra, valórase tamén súa incontestábel defensa feminista dos dereitos civís, sociais e culturais na sociedade portuguesa actual.

«Ler O segundo sexo de Simone de Beauvoir fez-me ver mais claro dentro de mim aquilo que eu ainda não sabia explicar, não sabia expressar. Na altura só sabia que as mulheres eram discriminadas, marginalizadas, sacrificadas, tornadas em sopro, num pequeníssimo nada. É quando me torno numa feminista

Escritora, xornalista e poeta, estudou na Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa. Dedicouse ao cine-clubismo, como dirixente do ABC Cine-Clube, ao xornalismo e ao feminismo, tendo feito parte do Movimento Feminista de Portugal con Maria Isabel Barreno e Maria Velho da Costa, As Três Marias. En conxunto publicaron o libro Novas Cartas Portuguesas, que, na época, xerou forte impacto e contestación.

Teresa Horta tamén fixo parte do grupo Poesia 61.

Publicou diversos textos en xornais como Diário de Lisboa, A Capital, República, O Século, Diário de Notícias e Jornal de Letras e Artes, tendo sido tamén xefa de redacción da revista Mulheres, iniciativa persoal de Maria Teresa Horta que consistiu nun proxecto feminista, de forte cuño esencialista.

En 2004 foi feita Grande-Oficial da Ordem do Infante D. Henrique. Foi galardoada co Prémio D. Dinis da Fundação Casa de Mateus, pola súa obra As Luzes de Leonor.

Maria Teresa Horta súmase en 2019 ás escritoras e escritores que recibiron este nomeamento: Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia e Isabel-Clara Simó.

 

A Asociación Galega de Editoras premiou a María Xosé Queizán.

Cultivou todos os xéneros literarios, desde o teatro, pasando polo ensaio, a narrativa, a poesía e mesmo escribiu guións cinematográficos. Catedrática de Lingua e Literatura Galega, é unha importante figura do movemento feminista, e neste eido é onde cabe destacar o seu labor como editora: Feministas Independentes Galegas foi un colectivo creado en Vigo en 1979 da man de María Xosé Queizán, e que a partir de 1983-1984 ten como principal cometido editar un número anual da revista Festa da Palabra silenciada, co obxectivo de promover o pensamento, a investigación, o debate e a crítica feminista nos ámbitos da teoría, as ciencias sociais, as artes e a política, así como potenciar e visibilizar a creación das mulleres na literatura e as artes visuais, centrándose, sobre todo, en Galicia, mais tamén alén das súas fronteiras.

Os 29 números da revista editados entre 1983 e 2013 e o monográfico publicado en 2014 poden consultarse na web do Consello da Cultura Galega.

Festa da palabra silenciada conseguiu aglutinar moitísimas escritoras, crear un diálogo xeracional e foi fundamental para ver o que se estaba facendo en Galicia e no mundo desde unha perspectiva feminista. Nas súas páxinas reivindicouse tamén o papel da literatura infantil e xuvenil feita en Galicia, e tamén tivo moito que ver no espertar poético feminista dos anos noventa. Foi, pois, un proxecto editorial pioneiro que abriu camiño aos que viñeron despois, non só por ser levado a cabo por mulleres (editoras, maquetadoras, correctoras…) senón porque puxo en valor o traballo feito por elas en todos os ámbitos.

María Xosé Queizán foi, ademais, directora da colección de narrativa de escritoras universais As Literatas, de Edicións Xerais de Galicia.

 

A Federación de Librarías de Galicia premiou a Antonio Fernández Maira.

Antonio Fernández Maira naceu entre libros… Poucas persoas teñen a oportunidade de nacer entre libros e criarse ao redor dun mundo cultural no que a protagonista é a lectura. Os andeis da librería do seu pai en Lugo foron testemuña da súa formación ao mesmo tempo que tamén o foron das súas primeiras vivencias infantís.

De observar e pasear na súa mocidade entre os andeis da librería do seu pai, pasou a transmitirlle o seu propio sinal cando el fíxose cargo da xestión desa Librería fundada polo seu proxenitor alá polo ano 1942 e que todos coñecemos co nome de Librería Lucus.

A fascinación polos libros e a preocupación por un sector pouco comprometido, levárono a converterse en Presidente da Agrupación de Libreiros de Lugo no ano 1978.

A principios dos anos noventa incorpórase á Federación de Libreiros de Galicia da man do entón presidente José Manuel Alonso Martinez, primeiro en diversas tarefas administrativas e máis adiante como técnico profesional. Os cambios empézanse a notar debido á demanda dun sector permanentemente en crise pero tamén en plena efervescencia. O seu traballo é definitivo para afrontar novos retos neste colectivo, entre os que destaca a posta en marcha das Feiras do Libro.

Mención á parte merece sen dúbida o traballo desenvolto por Antonio como promotor da creación dos Premios “Irmandade do Libro”, que desde a súa dirección organizáronse durante 24 anos.

 

A Gala, presentada pola actriz Iria Pinheiro, contou coa actuación musical do grupo Habelas Hainas.

 

Acordos da Asemblea Xeral de socias-os da AELG, en 2019

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá de sábado 9 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as.
A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoræs en Lingua Galega) para someter á consideración da Asemblea Xeral a celebrar o 9 de febreiro de 2019 en Santiago de Compostela, recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2019 respectivamente a Dorothé Schubart e a Pablo Quintana. A Asemblea aprobou as propostas, e a entrega destas distincións terá lugar na IV Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.

Mestra da Memoria 2019
Dorothé Schubarth

Fotografía: Premios Martín Códax da Música/YouTube

Musicóloga. Natural de Basilea (Suíza), onde comezou os seus estudos que ampliou en Colonia e Múnich. É directora de coro e musicóloga. A partir de 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna (Suíza) e comeza a desenvolver investigacións arredor das músicas populares europeas. Realizou traballos de campo nos Balcáns, no Cáucaso, Alemaña e Francia cuxo resultado publica no libro Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen (O Canto Popular en Europa. Diversidade das súas formas) (Lucerna, 1978).
En 1978 visita Galicia para coñecer a nosa música popular mais o interese polo que aquí descobre fai que se dispoña a realizar un traballo de campo intensivo por todo o país que remata coa publicación da magna obra en 7 volumes que contén a mellor e máis ampla análise, clasificación e estudo da nosa lírica popular, publicada baixo o título Cancioneiro Popular Galego pola Fundación Barrié en 1984.
O Arquivo Sonoro de Galicia conserva 248 CD con copias dixitalizadas das súas gravacións orixinais e coas correspondentes transcricións a cargo do profesor e filólogo Antón Santamarina.
Entre os recoñecementos que se lle fixeron en Galicia están o I Día das Galegas nas Letras en 2014 e Premio Honorífico 2017 da Asociación de Músicos ao Vivo.

Mestre da Memoria 2019
Pablo Quintana

Fotografía: Canela Producións

Naceu en Vilanova de Oscos (Asturias) en 1956. Reside na Coruña desde 1982. Escritor, investigador, músico e divulgador da cultura popular, material e inmaterial, tanto galega como da Asturias occidental. É autor de numerosos traballos, libros, artigos…, arredor da transformación artesanal do ferro, foxos do lobo, danzas e festas gremiais, zoqueiros, músicas populares e diversos xéneros da literatura popular tradicional.
Coordinou a serie etnográfica Recolleita (Ruada, 1981) que editou o disco coas gravacións das coplas do cego Florencio da Fontaneira e a pandereteira Eva Castiñeira. É autor do LP O cego andante (Ruada, 1982) no que xunto con outros músicos interpretou temas tradicionais recollidos en boa parte por el mesmo.
Dirixiu documentais sobre danzas procesionais e bailes entre 1982 e 1983, en video industrial Umatic, e otros materias videográficos para a produtora Espello Video-Cine.
Traballou na radio desde 1980, primeiro en Radio 80 e despois como técnico en Radio Nacional de España, onde, ademais, se encargou de programas como Garmalleira e Hoxe domingo, así como emisións de intercambio coa Unión Europea de Radiodifusión (UER) para Radio Francia, Radio de Polonia e Radio Praga. Ma actualidade dirixe a Editorial Canela, especializada na publicación de libros sobre personaxes singulares e actividades esmorecentes da nosa cultura popular.

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ratificou Maria Teresa Horta como Escritora Galega Universal 2019, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como pola súa incontestábel defensa feminista dos dereitos civís, sociais e culturais na sociedade portuguesa actual.

Fotografía da autora: European Institute for Gender Equality/YouTube
O Premio será entregado o día 11 de maio de 2018, no marco da III Gala do Libro Galego, convocada pola AELG, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia e Isabel-Clara Simó.

Así mesmo, acordouse que Pilar Pallarés sexa a próxima “Escritor na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo quinta edición; será no mes de xuño no Concello da Coruña.

Fotografía: Distrito Xermar/Centro de Documentación da AELG

Alén de se incorporar Cilha Lourenço, Daniel Asorey e Xoán Carlos Domínguez Alberte ao Consello Directivo da AELG, aprobouse o programa de actividades para o ano, que inclúe como a máis próximas a celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro (24 de febreiro) e o Parlamento de Escritoras/es (15 e 16 de marzo), un lugar para a reflexión, nun momento de especial gravidade no relativo á vulneración na Galiza e no Estado español de dereitos culturais, sociais, políticos, etc., sobre a vinculación entre a escrita literaria e a defensa dos dereitos civís e identitarios, da xustiza social e da liberdade de expresión nas súas máis diversas formas. A defensa destes dereitos humanos é a cerna dos valores irrenunciábeis, que guiarán este parlamento na súa temática e convocatoria, así como nas súas reivindicacións e pronunciamentos. Terá lugar na cidade de Pontevedra co apoio do seu Concello.

O programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG; tamén a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura Oral coa celebración da cuarta Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de máis polafías e, no outono, dunha nova edición, a duodécima, da Xornada de Literatura de Tradición Oral.

Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG.

Isabel-Clara Simó: “En Catalunya xa non é obrigatorio pasar por Madrid”

Entrevista de Daniel Salgado a Isabel-Clara Simó en Sermos Galiza (foto de Laura R. Cuba):
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que lle di recibir un premio que se chama Escritora Galega Universal?
– Isabel-Clara Simó (ICS): Déixame patidifusa, atónita e dáme moita seguridade en min mesma. É estupenda.
– SG: E o feito de que a declaren Galega Universal?
– ICS: Iso paréceme moi normal. Os galegos por definición sodes universais, uns dos grandes emigrantes do mundo.
– SG: Mantén relacións coa literatura galega?
– ICS: Antes si.
– SG: Na época do semanario Canigó?
– ICS: En Canigó e tamén en Galeusca. Pero cando rematou Galeusca, os contactos fixéronse menores.
– SG: Con que escritores ou escritoras?
– ICS: Eu son moi antiga e son moito da Xeración Nós. Encántame. Este home gústame [sinala o poeta e presidente da AELG Cesáreo Sánchez Iglesias, que asiste á entrevista]. Pero non quero dicir máis nomes.
– SG: As literaturas non castelás do Estado español parece que teñan que pasar sempre por Madrid para se relacionar…
– ICS: Xa non, iso é antigo.
– SG: Vostede cre?
– ICS: Polo menos desde a literatura catalá. Antes, se te traducían ao francés ou ao inglés, tiñas que pasar polo castelán. Agora xa non. Tes contactos directos. Non sei que está pasando na Galiza nin en Euskadi. Pero en Catalunya xa non é obrigatorio pasar por Madrid.”

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (II)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe esta intervención:

Premio á Escritora Galega Universal: Isabel-Clara Simó:

Entrevistas con Isabel-Clara Simó no Zig-zag e no Diario Cultural

“Nesta Gala do Libro, a escritora catalá Isabel-Clara Simó recollerá o Premio de Escritora Galega Universal. Ela declarouse moi feliz con este recoñecemento que, segundo os seus promotores, pretende ser un acto de amor fraterno coa lingua e co compromiso ético que encarna a escritora premiada.
Aquí pode verse a entrevista á autora no programa Zig-zag, e nestoutra ligazón a entrevista no Diario Cultural.

Obras gañadoras dos Premios da III Gala do Libro Galego

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocaron a terceira edición dos Premios Gala do Libro Galego, celebrada este sábado 19 de maio de 2018 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se deron a coñecer as obras gañadoras.

Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2017 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de preselección e á valoración e fallo por parte dun xurado externo.
Este ano os Premios da Gala do Libro Galego incorporaron novidades en relación ás categorías a recoñecer: a anterior modalidade de literatura infantil e xuvenil dá lugar a dúas modalidades diferenciadas, e incorpóranse os premios á obra de divulgación, á banda deseñada e ao libro mellor editado.
En canto ás modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, que anteriormente premiaban o traballo realizado no ano previo, agora pasan a recoñecer a traxectoria de varios anos, valorándose, por tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.

Así pois, faise pública a relación de obras gañadoras por cada modalidade dos premios.

OBRAS EDITADAS EN 2017

Ensaio e investigación
– Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa (Edicións Laiovento).
O xurado estima que nesta obra Antón Figueroa devolve á cultura galega e europea a figura de Margot Sponer, autora que nos situou no mapa dos estudos académicos. O libro é tamén un percorrido emocional que logra transmitir na súa lectura.

Divulgación
– Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado considera que este libro é único, froito dunha experiencia singular, demostrando que no século XXI aínda se pode manter a ollada curiosa da ciencia sobre o mundo.

Narrativa
– A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado estima a mestría do autor á hora de empregar o medo e a memoria para explicar a represión e o control social dos anos 40 en plena ditadura franquista.

Infantil
– A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado valora o tratamento divertido, cun ritmo trepidante, da asociación entre a fantasía, a imaxinación e a creatividade, reivindicando o papel das nenas e das mulleres en relación á ciencia é á técnica.

Xuvenil
– Os nenos da varíola, de María Solar (Editorial Galaxia).
O xurado considera a orixinalidade desta obra ao tratar un episodio practicamente descoñecido da nosa historia científica, cun amplo labor de documentación e rigorosidade, poñendo rostro a heroes anónimos.

Libro ilustrado
– Tinta de luz, ilustrado por Berta Cáccamo, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora Editora).
O xurado estima a capacidade desta obra para introducir o público infantil na arte contemporánea abstracta, e o diálogo establecido coa poesía.

Libro de banda deseñada
– Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).
O xurado valora o espírito lúdico e a complexa e xogantina estrutura narrativa da obra, ao tempo que permite unha lectura múltiple e dinámica.

Iniciativa bibliográfica
– Colección Xerais Básicos Ciencia (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado considera a relevancia dun enfoque plural nesta colección, que revitaliza a lingua no ámbito científico-tecnolóxico.

Tradución
– Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez (Kalandraka Editora).
O xurado dá a benvida á tradución ao galego deste clásico universal, verquido directamente desde a lingua orixinal, transmitindo a frescura e a fluidez do texto da autora sueca.

Poesía
– Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).
O xurado destaca a contención no tratamento da perda e a capacidade para vincular a súa vivencia persoal ao colectivo. Ao mesmo tempo valórase a calidade deste froito particularmente maduro na súa poética.

Teatro
– Río Bravo, de Chévere (Kalandraka Editora)
O xurado celebra a publicación desta obra pioneira dunha forma de facer teatro que revolucionou o panorama dramático galego, nunha coidada edición.

Libro mellor editado
– Lumes, de Ismael Ramos (Apiario).
O xurado valora a elegancia minimalista desta obra en particular, que brilla de forma especial nun traballo de edición impecable.

PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS

Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– Viñetas desde o Atlántico.
O xurado recoñece o tesón na traxectoria de máis de vinte anos desta iniciativa, contribuíndo a popularizar a banda deseñada, e conectala coa cultura do país.

Proxecto literario na rede
 Caderno da crítica, de Ramón Nicoláshttps://cadernodacritica.wordpress.com/
O xurado destaca a constancia no traballo deste espazo na rede, que permite seguir o panorama literario galego, achegando materiais orixinais.

Xornalismo cultural
– Ana Romaní.
O xurado destaca a súa incontestábel traxectoria de traballo de difusión da cultura desde o Diario Cultural da Radio Galega.

O xurado quere facer constar que, pese a un escenario de retroceso no número de títulos publicados, da visibilidade e dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes, brilla, mesmo así, a gran calidade e o esforzo do mundo do libro galego.

Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomeou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans.
A Asociación Galega de Editoras premiou a Xavier Senín, pola súa prolongada e constante aposta a favor do Libro Galego, que se visualizou, de forma nítida, no longo período en que desenvolveu o seu labor como subdirector do libro e de promoción cultural da Xunta de Galicia entre 1987 e 2005.
A Federación de Librarías de Galicia premiou a Xurxo Patiño, da Libraría Librouro (Vigo), polo seu compromiso co mundo do libro galego e a lectura, así como pola súa achega efectiva durante moitos anos ao sector do libro a través do traballo desenvolvido na Federación de Librarías de Galicia.

A Gala, presentada pola actriz Isabel Risco, contou coa actuación musical do grupo A Banda da Loba.

O xurado estivo formado por María Luz Corral, Mario Regueira, Marga do Val, Óscar Villán, Susana Sanchez Arins, Xavier Senín e Óscar Antón Pérez García.

A Gala do Libro Galego 2018 contou co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.