Arredor de 6.000 espectadores participaron nas actividades da primeira edición da FLIV

“Arredor de 6.000 espectadores participaron nas diversas actividades celebradas na primeira edición do Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV) durante a pasada fin de semana. O festival puxo en marcha 80 actividades reunindo nelas a 136 participantes do mundo cultural galego, con atención especial ao sector do libro. O FLIV naceu como resposta á necesidade de seguir facendo visibles as actividades de carácter cultural en tempos de dificultades para celebrar actos con público por causa da pandemia.
Os resultados desta primeira edición da FLIV, que comezou a xestarse en marzo, sinalan que hai un interese do públicos polas propostas culturais no sentido máis amplo e mesmo por aquelas que pode ser consideradas como alternativas. No mesmo sentido, para o festival é un respaldo á continuidade a boa acollida e resposta de todas as persoas convidadas a participar e da súa magnifica disposición para atender as singularidades dun festival coma este, feito con pouca marxe de tempo, por primeira vez e cun carácter novidoso para todos os participantes.
O resumo das cifras desta primeira edición do festival sinalan un interese por parte dos espectadores cara á proposta. O conxunto de actividades comprendidas dentro do festival sumaron arredor de 6.000 espectadores durante os tres días de celebración nos que puideron asistir a presentacións de libros, lecturas, videopoemas, charlas, cursos, debates e encontros con autoras e autores. Polas pantallas do FLIV20 pasaron 136 autoras de 13 editoriais e 35 títulos formaron parte do seu escaparte.
Os contidos xerados durante esta primeira edición do FLIV estarán colgados novamente na web do evento nos vindeiros días (fliv.gal) de maneira que o festival, terá unha primeira forma de continuidade ao poder ser vistos polos espectadores de novo. De cara ao futuro, o FLIV considera necesario aproveitar a necesidade dunha celebración coma esta e a experiencia desta primeira edición incorporando algunhas novidades para responder aos cambios de circunstancias. Desde a organización apúntase a un cambio de datas, para situala nos comezos da primavera e ampliar deste xeito a colaboración do sector docente. Tamén consideran posible a utilización de espazos públicos: librerías, auditorios e outros espazos representativos da cultura de Galicia. No mesmo sentido, non se descarta a celebración dalgunha actividade presencial en función da situación de cada momento para ser transmitida polo festival.
No que ten que ver cos contidos, a intención do festival é ampliar os argumentos e actividades sobre banda deseñada, teatro, ilustración, danza e música, de maneira que se vexan reflectidos no festival a maior cantidade posible de sectores culturais galegos. Para o festival tamén é importante ampliar a participación de autoras e autores que residen fóra de Galicia e aproveitar as características da FLIV para facer visibles as súas obras e contribuír a manter a relación cos lectores do país.”

Do 26 ao 28 de xuño, I edición do Festival Virtual do Libro Galego (FLIV)

I edición do Festival Virtual do Libro Galego (FLIV), do 26 ao 28 de xuño

Recuperamos espazos para o libro galego e a lectura: FLIV (Festival Virtual do libro de Galicia). Entrevista a Anna R. Figueiredo.

Entrevista a Anna R. Figueiredo desde Aulas Galegas:
“- Aulas Galegas (AG): Como naceu FLIV? Cal é o seu obxectivo?
– Anna R. Figueiredo (ARF): O FLIV naceu desde o confinamento. Neses días nos que estabamos pechadas e só quedaba a cultura para ter as ferramentas nas que escapar dos valados que nos pechaban. A cultura sempre estaba aí, e as creadoras, para pensar, para aprender e para entreter. Nacho Alonso (Datalib) e máis eu pensamos que era o momento de levar tamén ás redes que nos mantiñan en comunicación todo aquilo que desde o confinamento botabamos de menos na cultura, a accesibilidade, a visión, o compartir diálogo e experiencias. Facer por reinventármonos e saír adiante.
O seu obxectivo é dar a coñecer diversas propostas culturais que teñen en común o formato libro, por iso propomos mesas redondas, conferencias, clubs de lectura, presentacións, recitais desde propostas máis innovadoras, cultura en rede… e sobre todo a posibilidade de “ir ao FLIV” desde calquera punto da xeografía mundial e case que a calquera hora, porque unha vez emitidos, os contidos quedarán na nosa plataforma web ata o próximo evento. O FLIV quere convidarnos a todas a descubrir o teatro, narrativa, poesía, BD, ilustración galega, sen as ataduras do espazo xeográfico ou o marco temporal.
– AG: A que público vai dirixida esta iniciativa? Hai espazo para os escolares? E para familias?
– ARF: Vai dirixido a todos os públicos, por suposto. Para as escolas temos unha mesa redonda específica, malia que cremos que unha escola pode atopar moito de interese en todas elas, que vai encamiñada a tratar os temas de animación á lectura e clubs de lectura nas bibliotecas escolares. Teremos tamén presentacións de LIX, faladoiros con autores e autoras dos favoritos da rapazada (e das adultas que lemos con elas e eles) e o máis importante, se somos quen de ver eses faladoiros na hora oficial do programa, poderemos interactuar con eles a través dunha ferramenta chat para facerlles chegar as nosas preguntas e inquedanzas sobre a súa obra.
Tamén nos fai especial ilusión de cara a todas as que temos unha intensa vida familiar ou a aquelas persoas que desde as aulas de ESO, FP ou BACH procurar unha visión nova de expresión a través da arte, a sección TEATRO INTERRUPTUS na que as creadoras das dramaturxias nos darán unha degustación dos seus textos para coñecer mellor a disciplina teatral.
Ademais haberá tres cursos online, un de maquetación por se queremos aprender a facer os nosos propios contos ou historias de xeito profesional, un de recitado e un de escrita creativa nos que poderemos participar vía inscrición previa, con mestres e mestras da palabra e do deseño. E, por suposto, unha exposición permanente arredor da figura de Carvalho Calero!
– AG: Como podemos acceder ás distintas actuacións que se van desenvolver? Que tipo de tecnoloxía precisamos para poder asistir á feira?
– ARF: Para acceder ao FLIV só precisamos un aparello que se poida conectar a internet. Todas as actividades se desenvolven a través do noso portal virtual (http://fliv.gal), que nós consideramos coma un gran teatro na rede, e que consta de: auditorio (Xulio Amigo), aula de docencia (María Barbeito), dúas salas de xuntanzas, unha cafetería e unha zona de escaparate onde poder pasar o tempo entre actividade e actividade rebuscando entre as novidades editoriais do momento, que serán expostas polas propias autoras e autores. Durante estas semanas imos descubrir pouco a pouco as distintas actividades a través das nosas redes en facebook (FLIV 2020), twitter (@FlivOficial) e instagram (@fliv2020).
– AG: Poderemos escoitar, falar cos escritores e escritoras de LIX que participan, facerlles preguntas?
– ARF: Si, independentemente do momento no que se emita o acto coa autora ou autor, desde o día 22 de xuño podemos deixar preguntas para eles no portal web a través da ferramenta de chat, animádevos! (…)”

O teatro será protagonista do FLIV20 con lecturas dramatizadas e debates sobre o presente escénico