Desde a Fundación Manuel María:
“Fisterra, da autoría de Saúl Aguado de Aza, composta sobre o poema homónimo de Manuel María, foi a canción lírica, para voz e piano, que resultou gañadora da primeira edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais celebrada nunha gala-concerto, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. O autor que levou un premio de mil euros en metálico, verá a súa composición editada xunto as obras das outras finalistas nunha publicación que será distribuída gratuitamente por todos os conservatorios de música de Galiza.
A gala-concerto encadrouse ao redor do aniversario de Manuel María, o 6 de outubro, e contou coa presenza do barítono Gabriel Alonso e o pianista Aurelio Viribay que interpretaron nunha primeira parte as cancións finalistas Orballo de Teo Montero, A lúa de Saúl Aguado, Rosas de Teresa Bretal e Fisterra de Saúl Aguado. E nunha segunda parte presentaron en concerto o seu traballo No Camiño -dous séculos de canción galega-.”
Arquivos da etiqueta: Fundación Manuel María
Falece aos 90 anos Saleta Goy
Desde Nós Diario (foto da Fundación Manuel María):
“No serán de onte faleceu na cidade da Coruña Saleta Goy, a viúva do escritor Manuel María. Goy, presidenta da fundación que acolle o legado do poeta na Casa-Museo Manuel María, levaba ligada á cultura galega desde os anos 50, participando da vida social e política do país.
Os restos de Saleta Goy serán velados no tanatorio de Servisa da Coruña o domingo 11 de setembro, e a segunda feira realizarase na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, unha despedida civil, ás 17 horas, previa a recibir sepultura, ás 18 horas, no cemiterio de San Xoán de Outeiro de Rei, a poucos metros da Casa-Museo. Os seus restos repousarán xunto aos do escritor Manuel María falecido no ano 2004, con quen compartiu 45 anos de vida e de intensa actividade social e cultural.
Saleta Goy García fixo 90 anos o 6 de xuño e vivía na cidade da Coruña desde que en 1998 se trasladou alí, xunto a Manuel María, cando chegou á idade de xubilación. Saleta e Manuel María coñecéronse no ano 1957 e casaron dous anos máis tarde pasando a residir en Monforte de Lemos onde o escritor exercía como procurador dos tribunais. Foron eses momentos primeiros de dificultades económicas que obrigaron o escritor a compatibilizar o seu traballo de procurador coas clases nunha academia de ensino e as colaboracións xornalísticas. A pesar diso, Manuel María vai renunciar ao traballo de director de “La Voz de Vigo” por esixírselle a afiliación á Falanxe.
Desde o ano 1970 Saleta rexenta en Monforte a libraría Xistral, que a parella decidira abrir como un xeito de dinamización cultural e de obter os medios económicos imprescindíbeis para que o escritor conservase a súa plena independencia creativa. Foi aquel un lugar habitual de encontro de escritoras e escritores, de intelectuais, tanto da Galiza como de fóra, e un importante foco de difusión da literatura galega.
Saleta e Manuel mantiñan un inequívoco compromiso nacionalista desde os anos 50, o que acentuou máis a represión exercida sobre eles polo réxime fascista. Segundo sinalan desde a Fundación Manuel María, “non só se viu censurada a obra literaria do escritor e prohibidos os seus recitais e conferencias, senón que a represión cebouse sobre as súas propias persoas con multas cuantiosas, vixilancia domiciliaria permanente e detencións arbitraria”.
A Fundación Manuel María lembra, tamén, que “a represión non logrou que Saleta e Manuel María renunciasen ás súas conviccións nin cesasen en ningún momento na súa loita contra a ditadura franquista e en favor dos dereitos políticos de Galiza e, sobre todo, no traballo pola recuperación de usos para a lingua galega e polo dereito a vivir dignamente na propia terra en paz e harmonía cos demais pobos do mundo”.”
Aquí poden consultarse as fotos coa presenza de Saleta no Arquivo fotobiográfico d@s escritor@s, na web da AELG.
Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2022
Na Galería das Letras do Festigal 2022, que se celebrará no Campus Universitario Sur de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o 25 de xullo:
– 16:30 h. Presentación de Teño dereitos. Edita: Esculca. Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades. Participa: Lucía Barros, Presidenta de Esculca.
– 17:15 h. A obra de Manuel María para públicos novos. Presentación de novos materiais divulgativos, didácticos e lúdicos, dirixidos para as crianzas, mocidade, familias e profesorado, sobre a poesía e a narrativa infanto-xuvenil de Manuel María. Edita: Casa – Museo Manuel María. Participan: Pepe Carreiro, autor, e Alberte Ansede, Secretario da Fundación Manuel María.
– 18:00 h. Presentación do audiovisual Setembro do 82: o nacemento da unidade nacionalista. Proxección dun avanzo do documental e palestra 40 aniversario da Asemblea de Riazor, sobre a asemblea fundacional do Bloque Nacionalista Galego. Edita: Fundación Galiza Sempre. Participan: Francisco Rodríguez, Encarna Otero e Mario López Rico. Modera: Carme Vidal.
– 18:45 h. Presentación do audiovisual A semente de 1972. Proxección dun avanzo do documental e palestra A semente de 1972. 50 aniversario. Nación. Clase. A loita continúa, sobre os sucesos de Ferrol e Vigo dese ano, a conflitividade laboral do ano 1972 na Galiza, a importancia destas loitas do movemento obreiro galego na ditadura franquista e a súa influencia no nacemento do sindicalismo nacionalista galego. Edita: Fundación Moncho Reboiras. Participan: Elvira Souto, Xesús Chaves, Suso Seixo, Presidente da Fundación Moncho Reboiras.
– 19:30 h. Presentación conxunta dos libros O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón, e Lingua, poder e adolescencia, de Miguel Rodríguez Carnota. Edita: Xerais. Participan: Pepa Baamonde, Séchu Sende, Cibrán Arxibai, Miguel Carnota e Carlos Callón.
– 20:30 h. Presentación de Porque caiu a Galiza?, de José Manuel Barbosa. Edita: Através Editora. Participan: José Manuel Barbosa e Valentim Fagim, codirector de Através Editora.
ESPAZO DE ENCONTRO CON AUTORAS E AUTORES
17:00 a 18:00 horas:
Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza. A segunda metade do século XIV.
Edita: AS-PG, 2022.
Participa: Francisco Rodríguez, autor.
Memoria diversa.
Edita: Deputación da Coruña, 2022.
Participa: Eva Mejuto, autora.
18:00 a 19:00 horas:
A nación dos mil viños.
Edita: Laiovento, 2022.
Participan: Martiño Santos, Xosé Gontá, Toño Núñez (autores).
Outeiro de Rei: IX edición do Convivio da Cultura Galega, o 9 de xullo
Outeiro de Rei: concerto de Samuel Diz coa colaboración de Faia Díaz
Convocada a IIIª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais
Desde a Fundación Manuel María:
“A Fundación Manuel María de Estudos Galegos convocou a finais de abril a IIIª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais (achéganse imaxes das bases). Un concurso dirixido para compañías galegas de teatro que ten por obxecto premiar a mellor proposta escénica sobre textos de Manuel María.
Nesta nova edición, alén da colaboración de diversos concellos e Deputacións, tamén se contará coa do Centro Dramático Galego coproducindo a obra gañadora.
O Certame Manuel María de Proxectos Teatrais trátase dun concurso bienal moi especial pois o premio fundamental son as representacións. En concreto, a compañía gañadora recibirá a cantidade de 4000 euros como axuda á produción e o caché correspondente a cada unha das funcións que se realicen nos concellos colaboradores, alén da coprodución do CDG.
O prazo para a presentación dos proxectos finaliza o 30 de setembro de 2022.
Os concellos colaboradores na pasada segunda edición foron A Coruña, Ames, Arteixo, As Pontes, Barbadás, Betanzos, Brión, Cambados, Carballo, Carral, Cedeira, Culleredo, Lugo, Malpica, Melide, Monforte, Neda, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Santiago, Verín, Vilalba e Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense.”
Resolución do II Certame Manuel María de proxectos teatrais da Fundación Manuel María
Adolfo Caamaño gaña o VII Certame de poesía Manuel María
Desde
Sermos Galiza:
“Cartograma para contido primixenio, de Adolfo Caamaño Vázquez, é a obra gañadora da VII edición do Certame de poesía en lingua galega Manuel María, convocado pola Casa de Galiza de Gipuzkoa. Está dotado con 400 euros. Casa de Galicia en Gipuzkoa resérvase os dereitos de publicar calquera dos traballos presentados ao concurso na forma ou no medio que estime axeitado.
Lintel, de Manuel Antonio Piñeiro, obtivo o segundo premio; e baixo o lema A miña pel en tatuaxes, de Francisco Javier Fernández, está o terceiro premio.”




