Desde
Galaxia:
“O luns 8 de xullo, ás 12:30 horas, no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela, inaugúrase a exposición Unha obra para un país. Fermín Penzol (1901-1981) / Francisco Fernández del Riego (1913-2010) pretende conmemorar dúas importantes efemérides que se celebran neste ano 2013: O Cincuentenario do nacemento da Fundación Penzol e mais o Centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego. (…)
Esta dupla exposición que hoxe se trae a Fonseca distribúese en dous espazos que se complementan:
– No Salón do Artesonado pode percorrerse ao longo de 15 paneis informativos a vida de Fermín Penzol, a historia da súa fundación, a posta en valor dos seus fondos e unha breve presentación da institución na actualidade. Como complemento, nas diversas mesas e peanas pode apreciarse unha selecta mostra deste valioso patrimonio bibliográfico-documental. O denominado “recanto do bibliófilo” recrea este espazo tan frecuentado e querido por Penzol, cos seus propios mobles, libros e obxectos diversos.
– Na Capela gótica, seguindo un esquema similar aínda que con deseño diferente, o centro de interese é a figura e obra de Francisco Fernández del Riego. Presentadas, de novo, a través dunha ducia de paneis e complementadas tamén coas súas respectivas mesas e peanas, que amosan documentación e obxectos varios do devandito persoeiro. Nesta ocasión recréase o seu despacho ou lugar cotián de traballo.
En ámbolos dous espazos poden ser visionados dous vídeos. E na sancristía pode verse, a xeito de colofón ou elo común, unha longa entrevista feita no seu día na TVG a Del Riego dende e sobre a Fundación Penzol.
DATOS TÉCNICOS:
Lugar: Pazo de Fonseca. Praza de Fonseca s/n. Santiago de Compostela.
Datas: 8 de xullo 2013 – 2 de setembro de 2013.
Promove: Fundación Penzol.
Patrocinan: Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) e Universidade de Santiago de Compostela (Consello Social).
Comisariado: Mª Dolores Cabrera Iglesias, Henrique Monteagudo Romero, Mª Dolores Villanueva Gesteira.”
Arquivos da etiqueta: Fundación Penzol
Vigo: presentación do número 197 da revista Grial
O
venres 26 de abril, ás 12:30 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, coincidindo coa inauguración da exposición 50 aniversario da Fundación Penzol, presentarase o número 197 da revista Grial dedicado aos 50 anos da Fundación, a cal, un 7 de abril de 1963, hai medio século, se formalizaba en Vigo, mediante escritura notarial. A ese acontecemento dedica Grial as súas páxinas monográficas, coordinadas por María Dolores Cabrera, Henrique Monteagudo e Ramón Villares.
Textos da homenaxe a Francisco Fernández del Riego no Pleno extraordinario da Real Academia Galega
Desde
Galaxia:
“(…) No plenario extraordinario da Real Academia Galega na Fundación Penzol, en Vigo, tres foron os membros da mesma que interviron loubando a vida e obra de Francisco Fernández del Riego: Ramón Lorenzo, Xosé Ramón Barreiro e Xesús Alonso Montero. Para ler o texto do primeiro deles, Francisco Fernández del Riego: unha vida construíndo unha nación, premer aquí e o do segundo, Paco del Riego, presidente da Real Academia Galega, nesta ligazón. A intervención do profesor Alonso Montero, ó non estar en soporte papel, non pode ser incorporada.
Logo destes tres relatorios e dunhas palabras do presidente interino da RAG, Xosé Luís Axeitos, a escritora Rexina Vega recitou un fermoso poema inédito de Luz Pozo Garza dedicado a don Paco, que fixo para esta ocasión sinalada e que pode lerse aquí. E a seguir Malores Villanueva, a mantedora do acto, puxo voz ó poema da autoría do vello amigo e compañeiro na causa galeguista de Del Riego, Xaime Isla Couto, que traemos tamén aquí.
Como colofón ó emotivo acto léronse un par de parágrafos do libro Cos ollos do noso esprito (1949) sobre a lingua galega que, malia estar escritos hai máis de sesenta anos, aínda teñen plena vixencia:
Tense pedido ao galego que loite, que lexisle, que adeprenda a matinar a condición ou o destiño da criatura humá; que ame, que navegue, que transviva. E o galego, aúpado coa fleisivilidade da historia, responde ao chamamento, pra frecuentar os xéneros máis varios da criación espritual: dende o literario ou a prosa centífica, dende a oratoria ao xornalismo.
Pode, e debe, a fala vernácula, medrar ainda; encher con sangue novo o seu vigor -vella a música, o desiño novo-. Que se non deixe embalsamar; que non consinta o siñolo de trocalo en tesouro de museo. Coa venia dos seus detraitores, e ainda sin a venia, érgase e ande.
Cos ollos do noso esprito, Buenos Aires, Alborada, 1949, p. 151.
Vigo: sesión extraordinaria da Real Academia Galega polo centenario de Francisco Fernández del Riego
O programa de actos é o seguinte:
– 12:00 h. Acollida aos membros da Real Academia Galega e ao público asistente coa actuación do Grupo de gaitas da Asociación de Veciños do Casco Vello de Vigo.
– 12:15 h. Comezo dos actos, actuando como mantedora Malores Villanueva, padroeira da Fundación Penzol:
— Benvida a cargo de Alfonso Zulueta de Haz, Presidente da Fundación Penzol.
— Recepción oficial a cargo de Abel Caballero Álvarez, Alcalde de Vigo.
– 12:30 h. Sesión plenaria pública da Real Academia Galega coa intervención dos académicos Ramón Lorenzo Vázquez, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Xesús Alonso Montero. Pechará o acto o Sr. Presidente interino da RAG, Xosé Luís Axeitos Agrelo.
Remate dos actos coa lectura de textos e Himno galego.
Entregados os Premios da Edición 2012
Desde
a Asociación Galega de Editores:
“Os Premios da Edición, convocados pola Asociación Galega de Editores, pretenden recoñecer e distinguir a excelencia do traballo editorial realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2012 en Galicia. Asistiron á Noite da Edición o Secretario Xeral de Cultura e o Concelleiro de Cultura do Concello de Vigo.
O xurado dos Premios da Edición do ano 2012 estivo formado por Xaime Nogueira, Montse Pena Presas, Concha Costas, Paz Raña Lama e Laura Caveiro.
PREMIADOS
– Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción: Morgana en Esmelle, Begoña Caamaño, editado por Galaxia.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción: O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz, publicado por Xerais.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de poesia ou teatro: Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, editado por Kalandraka.
– Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado: Cartas de inverno, ilustrado por Antonio Seixas, editado por Xerais.
– Premio Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil: O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, editado por Xerais.
– Premio Lois Tobio á Tradución: Alén da fronteira. Sete poetas vascos, traducido por Isaac Xubín, editado por Kalandraka Editora.
– Premio Xosefa Vilarelle ao Libro Educativo: Peixes. Cociña infantil, de varios autores, editado por Ouvirmos.
– Premio Xosé María Álvarez Blázquez: Fina Casalderrey.
– Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial: OQO films.
– Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural: Fundación Penzol.”
Vigo: homenaxe a Francisco Fernández del Riego
O
luns 4 de marzo, na Universidade de Vigo, terá lugar unha homenaxe a Francisco Fernández del Riego, co seguinte programa:
– 12:00 h. Xardíns do CACTI (Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á investigación): descubrimento dunha placa ao pé do pradairo plantado en 2010 na súa honra.
Interveñen: Xosé-Henrique Costas (vicerreitor da UVigo), Alfonso Zulueta de Haz (presidente da Fundación Penzol)
– 13:00 h. Mesa redonda: Lembranza e semblanza de D. Paco del Riego no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e Tradución.
Interveñen: Camiño Noia (catedrática de Filoloxía Galega da UVigo), Malores Villanueva (profesora de Lingua Galega na UB), Ana Mª Fernández del Riego (irmá de D. Paco), Francisco Domínguez (director da Fundación Penzol)
Organizan: Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Fundación Penzol.
Colaboran: Trabalingua, Comités.
Vigo: presentación de Xeórxicas do pan, de Ramón Otero Pedrayo
O venres
15 de febreiro, ás 19:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o libro Xeórxicas do pan, de Ramón Otero Pedrayo, publicado en Galaxia. No acto intervirán Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol, Manuel Forcadela, Silvia Penas, Víctor F. Freixanes, Ernesto Pedrosa e Alfonso Zulueta de Haz.
Entrevista ao director da Fundación Penzol, Francisco Domínguez, sobre Francisco Fernández del Riego
Blogue sobre o centenario de Francisco Fernández del Riego
Principia
o centenario de Francisco Fernández del Riego coa creación dun blog por parte da Fundación Penzol e da Editorial Galaxia, onde se recollerán as novas, colaboracións e textos de ou sobre don Paco que a conmemoración vaia xerando.
Centenario de Francisco Fernández del Riego
Texto enviado desde a Fundación Penzol:
“Decir
que eres
alma e espírito
corazón do país
e home de palabra
que si dices “Galicia”
e que a Terra alenta en toda parte
e a túa man traballa
(Xaime Isla)
O 26 de novembro do 2012 cúmprense dous anos do falecemento de Francisco Fernández del Riego, o noso sobranceiro intelectual e galeguista. Dende a Fundación Penzol, ademais de lembrar con señardade esta data xa referencial do seu cabodano, queremos facer partícipe a toda Galicia de que o 7 de xaneiro do vindeiro 2013 cumpriranse tamén cen anos do seu nacemento.
Estamos, pois, ás portas do Ano do seu Centenario. Efeméride que cómpre recordar e conmemorar como tal insigne e exemplar protagonista merece. Con tal motivo, facemos un chamamento a todas as entidades, institucións e colectivos galegos do mundo da política, da cultura e mais da educación, así como aos medios de comunicación, tanto públicos coma privados, e á cidadanía galega en xeral para que se sumen a esta conmemoración organizando e promovendo ao longo do ano, cada quen na medida dos seus medios e posibilidades, homenaxes e outras actividades diversas nas que se difunda a fecunda vida e obra do excelso persoeiro.
Actos ou eventos que sen dúbida, de levárense a cabo, axudarán a dimensionar e por en valor a súa inquebrantable e leal entrega e compromiso co país e coa nosa cultura, dende os seus anos de mozo universitario compostelán ata o remate da súa lonxeva vida, case centenaria. Amplitude de chamamento xustificado, entre outros coñecidos e notorios méritos de Del Riego, polo seu talante de home aberto, cordial e dialogante. Home vertebrador, home de encontros, sempre alentador e cunha actitude nomeadamente construtiva, tal que din os versos de Isla Couto, e que fan del un dos grandes valedores da cultura de nós.
Dende a Fundación Penzol, centro do que foi director e alma mater dende a súa inauguración no ano 1963 ata o recente 2010, estamos a artellar e ultimar un calendario de actividades e recoñecementos varios. Proxectos pendentes, os máis deles, para a súa realización e desenvolvemento da aprobación ou confirmación das necesarias e inevitables subvencións por parte das distintas administracións e organismos contactados. Actividades que nos gustaría facer públicas, e algunha mesmo presentar, co comezo do novo ano, que propoñemos proclamar dende xa Ano Fernández del Riego.”