Inma López Silva: “A literatura pode amosar non o que é, senón o que podería ser”

Entrevista de Daniel Salgado a Inma López Silva en Nós Diario:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cal foi o pulo inicial para escribir O libro da filla?
– Inma López Silva (ILS): Antes de ter argumento ou unha historia, atopei unha idea. Eu quería falar da épica da verdade e a mentira, esa foi a idea inicial. Viña da novela anterior, Aqueles días en que eramos malas (2016), en que todo o mundo minte, ou minte nalgún momento. Comecei a ler moito sobre o asunto, pero sen ter unha historia. Até que un día contactou comigo un home preso que coñecera nunha visita ao cárcere. E pediume vernos nun permiso para contarme a súa historia. É a que se conta no principio da novela: un home cumpre condena por violar a súa filla e defende que é inocente. Vin claro que había unha historia para contar, pero foi un pouco máis profundo. Atopeime a min mesma confrontada con esa épica da verdade e da mentira sobre a que viña pensando, sen máis ferramentas que decidir crer ou non crer a esa persoa. Decateime de que o que quería contar non era a historia concreta de intriga, senón esa disxuntiva: cando temos que tomar esa decisión, que é política e de responsabilidade cidadá. A quen queres crer e onde queres colocas a túa responsabilidade sobre a verdade e a mentira.
– SG: É por iso que unha das protagonistas é xornalista, pola relación que ten ese oficio coa verdade, a mentira e a realidade?
– ILS: Vin moi claro desde o primeiro momento que o xornalismo era o espazo que me permitía canalizar todo iso. Pero se repara, a personaxe é xornalista pero o que se conta é o enfrontamento da súa acción laboral e a súa vida persoal. Eu quería colocar esas cuestións no espazo íntimo, no espazo onde todas e todos nós temos capacidade. Iso explica que a xornalista tomase a decisión que toma no seu ámbito laboral. A diario todos batemos coa necesidade de tomar ese tipo de decisións. Cando cedemos ese ámbito de responsabilidade persoal é cando agroman os totalitarismos a través das fake news e da propia mentira persoal, de se amparar nas convencións e na definición do éxito público ou colectivo. A novela tamén quere contar que, canto máis libres somos, máis incómodas estamos. O xornalismo permitíame isto, á parte de que quería facer unha homenaxe a un determinado tipo de xornalismo. O que aparece na novela aparece como salvargarda de certos valores da liberdade, da democracia, se me apuras. (…)”

Inma López Silva recolle o premio Fernández del Riego

Desde Sermos Galiza:
“A terza feira 17 de decembro entregouse no Café Moderno de Pontevedra o premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. Recibiuno nesta XVI edición Inma López Silva polo artigo “Terra rota”, publicado en La Voz de Galicia 10 de abril de 2018. O galardón, ao que se presentaron un total de 20 artigos, está dotado con 6.000 euros, cuota que aumentará até os 10.000 na vindeira edición.
Na entrega do premio, Silva defendeu o xornalismo libre e crítico, así como a lingua e a cultura galegas, recordando a figura de Fernández del Riego: “se non fose por xente coma el, non existiría a narrativa galega contemporánea nin o teatro galego, ao que me dedico”. Engadiu a galardoada que “sen xornalismo, sen escritura, sen a creación literaria, non sempre temos o detemento para pensar como queremos organizar a convivencia. Iso é imposíbel sen aquelas persoas que erguen a voz. Ese é o verdadeiro xornalismo”.”

Premios da Crítica Galicia 2019

O PEN Clube premia Marina Mayoral “pola súa defensa das mulleres escritoras”

Desde Sermos Galiza:
“A autora de Querida amiga (1995) é unha voz “constante na súa defensa das mulleres escritoras”. E a responsábel dunha ampla e recoñecida obra literaria. Desde este 22 de outubro Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) é ademais premio Voz de Liberdade, outorgado polo PEN Club da Galiza.
O xurado “tivo en conta a obra literaria desta escritora, os seus traballos sobre Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Valle Inclán e, sobre todo, a súa constante defensa do dereito de expresión e de opinión e a reivindicación do papel da muller no ámbito da literatura e a na sociedade en xeral”. As persoas que decidiron o galardón foron Luís González Tosar, Ánxela Gracián, Xabier Castro, Bieito Iglesias, Inma López Silva, Pablo Rubén Eiré, Luís Menéndez, Xosé Ramón Pena e Manuel Guede.
Mayoral, que recibirá unha escultura de Acisclo Manzano, recollerá o premio -de carácter bianual- na segunda quincena de novembro. Trátase da terceira muller en acadalo, logo de Úrsula Heinze en 2005 e María Xosé Queizán en 2011. Na edición anterior, a número sete, o premiado foi Xosé Luís Méndez Ferrín.”