A editorial Cuarto de inverno presentouse no Culturgal

Desde Fervenzas Literarias:
“Sempre se fala (e aburre un pouco escoitar sempre a mesma ladaíña, a dicir verdade) do terrible momento que está a pasar o mundo do libro, onde todas as novas iniciativas que xorden ao abeiro dese territorio cultural parecen ter que vogar contracorrente e contra os malos presaxios. Por iso é unha alegría ver como xermola unha nova editorial entre tanto agoireiro. Cuarto de inverno. Nova editorial pero vellos coñecidos. Aos mandos atopamos a Andrea Jamardo e a David Cortizo, quen tras as súas saídas de Urco editora apostan por un proxecto de seu que se presentou en sociedade este sábado 30 de novembro, ás 19.15 h., no Culturgal. Os primeiros libros? A novela Be Water, de Antía Yáñez, e o poemario Irmá paxaro, de Tamara Andrés. Ambos os dous libros foron finalistas do I premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil.
Preguntamos a David Cortizo, un dos responsable de Cuarto de inverno, sobre o nome da editorial. “Buscamos que lectoras e autoras se sintan a vontade dentro do cuarto, para Andrea significa unha cousa e para min outra, e xa temos escoitado algunha que outra interpretación do mesmo”.
No seu momento, Urco naceu como unha editorial centrada na literatura gótica, de terror e ciencia ficción. Baixo a dirección de Jamardo e Cortizo, aínda que seguiron publicándose obras do xénero, houbo un xiro na editorial cara a unha literatura máis feminista. Sobre a pregunta se Cuarto de inverno percorrerá ese camiño que iniciaron en Urco, para Cortizo “efectivamente, o feminismo vai estar presente xa non só nos nosos libros senón na nosa forma de traballar. Nós somos feministas e vivimos esa realidade entendendo isto ademais como unha aprendizaxe constante. Ademais queremos transmitir un gusto polo libro na súa totalidade dando valor a todos os procesos da vida do mesmo, desde a súa elaboración até a súa comercialización”.
Os dous primeiros títulos están destinados para un público xuvenil, pero en vindeiras datas a oferta de Cuarto de inverno ampliarase para o público infantil e o público adulto. “Cuarto de inverno terá coleccións de infantil, xuvenil e adultos. En cada unha desas tres, seguindo cadanseu criterio estético, irán editándose os libros que sintamos que poden formar parte de Cuarto de Inverno sen diferenciar se son ensaios, poemarios ou novelas”. A aposta de Andrea a David é publicar ao longo do ano un total de seis títulos, cunha cadencia fixa de dous por colección, polo menos nos dous vindeiros anos, aínda que “xa se irá vendo”.
Nas redes sociais de Cuarto de inverno lemos que a aposta dos seus libros van ir “desde a portada até as gardas, desde o código de barras até o colofón“, destacando a importancia tanto do contido como o obxecto en si. Segundo David Cortizo “é dar importancia a todo o que hai nun libro, poñelo en valor e dotalo de personalidade. Por exemplo, un código de barras está aí por algo, pois no canto de ser un pegote branco e negro imos colocalo nun sitio no que se sinta acompañado de outros elementos e imos decoralo un pouco para que teña a súa función pero non desentoe”.
As dúas primeiras obras do catálogo son unha novela de Antía Yáñez e un poemario de Tamara Andrés. Podedes adiantarnos que futuras obras aparecerán en Cuarto de inverno? “Podemos, pero vai ser a través da nosa web xa que temos pensado darlle un pouco de emoción á cousa. Podo adiantar que serán unha novela e un poemario para público adulto”. De todos os xeitos, si que avisan que “no porvir inmediato están eses dous libros para público adulto que sairán xa a principios de 2020 para continuarmos con dous infantís e outros dous xuvenís. O ano que vén xa teremos poesía, teatro e narrativa no catálogo. E temos en mente publicar no 2021 ensaio e tradución.””

Culturgal 2019: actividades literarias destacadas do 30 de novembro

Do 29 de novembro ao 1 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2019.

As actividades literarias destacadas do programa para o 30 de novembro son:
11:30 h. Espazo Libros. Scórpio. AGAL. Presentación da lectura continuada e colectiva do libro Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero, que terá lugar en Compostela ao redor do 17 de maio de 2020.
11:30 h. Carpa. Amil presenta Popsía. Novo disco que verá a luz en 2020 cunha escolma de poetas galegos e galegas dende o medievo até os nososdías, en clave de música pop, swing e folk. Con Antón Torroncho, baixista, Miguel Paz, batería e coros, Carlos Fandiño, piano, e Fran Amil, guitarra acústica e voz.
12:00 h. Espazo Libro. Herba de namorar de María do Cebreiro. Galaxia. Presentación do último poemario de María do Cebreiro, acompañada polo xornalista e tamén poeta Daniel Salgado.
12:30 h. Espazo Libro. “A maternidade na novela actual, distintas perspectivas”. Baía Edicións e Consorcio Editorial Galego. Coas escritoras Eli Ríos, Emma Pedreira e Rocío Leira.
12:30 h. Stand Kalandraka. Pablo Otero asina Parece unha formiga.
13:00 h. Espazo Libro. Presentación do libro Ardora, de Beatriz Maceda, gañadora do II Premio de Narración Xuvenil María Victoría Moreno, editado por Urco Editora. Concello de Pontevedra. Coa autora, Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, Denís Fernández Cabrera, de Urco Editora, Begoña Llácer Moreno e Pedro Ferriol Suárez, filla e viúvo de María Victoria Moreno, respectivamente.
13:30 h. Espazo Libro. Presentación do libro gañador do Premio «Balbino» de Relatos. Edicións Fervenza. Con Pablo Nogueira, Armando Requeixo e Roberto Nogueira.
13:30 h. Tabú, unha obra orixinal de Carmen Conde. Dezdedez en colaboración con Tarabela Creativa. Carmen Conde, coa música en directo de Nastasia Zürcher, narra historias de mulleres galegas reais de bisbarras rurais de entre 70 e 95 anos que falan das súas primeiras experiencias (sexuais, ir ás festas), eses tabús que por fin son desvelados en escena.
16:30 h. Espazo Libro. Aira Editorial presenta na Feira dous proxectos: a edición ilustrada por Miguel Robledo do clásico da literatura universal Frankenstein, con tradución de Samuel Solleiro. Ademais, o libro infantil Teño dereitos, que recolle os principais dereitos humanos cun enfoque apropiado para os primeiros lectores, ilustrado tamén por Miguel Robledo. Participan o editor César Lorenzo Gil e coa avogada Elvira Souto.
16:30 h. Carpa. Canta, miña pedra, canta. Homenaxe a Antonio Fraguas, de Xoán Curiel, publicado por Galaxia. Un espectáculo familiar ao redor dos relatos populares e cancións recollidas por Fraguas. Recomendado entre 6 e 12 anos.
16:45 h. Espazo Foro. Colección Makakiños: Contos con pictogramas para romper as barreiras da incomunicación. Kalandraka e Asociación BATA de Tratamento do Autismo. Cos ilustradores Alicia Suárez e Marc Taeger, e Mónica Santos, da Asociación Bata.
16:45 h. Espazo Infantil. Ola!, son un bicho bóla! Apiario. Presentación do novo álbum infantil Ola!, son un bicho bóla!(colección Niño de Abella), destinado a primeir*s lector*s, escrito por Elvira Ribeiro e ilustrado por Noe Caamaño. Contacontos coa autora e debuxo en directo a cargo da ilustradora.
17:00 h. Púrpura. Hércules de Edicións. Presentación da nova colección coa tradución ao galego de libros feministas de autoras actuais de todo o mundo. Coa editora, Laura Rodríguez Herrera; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; e as tradutoras, María Alonso Seisdedos e M.ª Fe González Fernández.
17:30 h. Espazo Libro. Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren: Faladoiro co tradutor David A. Álvarez. Nenas e nenos de todo o mundo pasamos horas inesquecibles de lectura coas aventuras e as extravagancias de Pippi Mediaslongas, do seu mono señor Nilsson e do seu cabalo. Desde 2017, tamén en galego. Kalandraka Editora.
17:30 h. Espazo Infantil. A gotiña viaxeira. Edicións Fervenza. Presentación do conto infantil con música ao vivo e audiovisuais. Con Toño Núñez, Armando Requeixo, Ánxela Gracián e Miguel Anxo Macía.
17:45 h. Espazo Foro. Presentación de María Vinyals, a muller do porvir. Alvarellos Editora. Presentación do ensaio do historiador Diego Piay coa peripecia vital da feminista María Vinyals, unha vida de novela da derradeira habitante do Castelo de Soutomaior. Co autor, o editor Henrique Alvarellos e a presidentada Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
18:00 h. Conversa entre “El Hematocrítico”, autor de Rapunzel con piollos, e Ledicia Costas, autora de Conexión Macarrón, sobre “O humor na literatura infantil”. Xerais.
18:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de A casa xunto ao volcán, de Xosé Ricardo Losada.
18:00 h. Stand Kalandraka. Grupo Chévere asina Eroski Paraíso.
18:15 h. Espazo Infantil. Viaxes gatunas. Xerais. Contacontos-obradoiro a cargo de Eva Mejuto e Víctor Rivas, autores do álbum Dez gatiñas viaxeiras. De 4 a 8 anos. Nesta actividade seguiremos moi de preto unha viaxe chea de aventuras, catastróficos incidentes e moito moito humor. As crianzas farán, no remate da sesión, unha artística e felina proposta plástica para levar un bo recordo desta singular viaxe gatuna por Galiza. Aberto, sen inscrición previa.
18:30 h. Stand Xerais. Sinatura de El Hematocrítico e Ledicia Costas.
18:30 h. Stand Xerais. Sinatura ilustrada de Ramón D. Veiga e Iván R., autores de A araña que lles tiña medo ás arañas.
18:45 h. Espazo Libro. Presentación dos premios Torrente Ballester de Narrativa, 900 de Xabier López, Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, O grupo de An Alfaya, e Miguel González Garcés de poesía, Ningunha tortilla é mala de Eli Ríos. Presenta: Xurxo Couto, deputado de Cultura. Deputación da Coruña.
18:45 h. Stand Xerais. Sinatura ilustrada de Eva Mejuto e Víctor Rivas.
19:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Quokka Moka, de María Solar.
19:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Amador Castro Moure, Rosa Aneiros e Emma Pedreira.
19:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane.
19:00 h. Stand de Barafunda. Cristina Corral Soilán asina exemplares de Don Ferretín Ferretón e o seu Cadelo Lambón.
19:00 h. Debate arredor do libro A morte de Galicia. Xerais. Un libro que desmonta a ideoloxía caracterizada por agochar a emigración e culpar os vellos e as mulleres da pronta “morte de Galicia”. Participan: Isidro Dubert, Antía Pérez Caramés e Melchor Fernández. Presenta Fran Alonso.
19:00 h. Conta comigo. Editorial Bululú. Un taller dematemáticas a través do álbum ilustrado Conta Comigo. Todo o mundo ten unha paixón. Para a protagonista desta historia son as matemáticas. Con Miguel Tanco, autor. A partir de 6 anos. Aberto, sen inscrición.
19:15 h. Espazo Libro. Be Water literatura ecofeminista. Conversa arredor da novela ecofeminista Be Water, de Antía Yañez, que serve como presentación da nova editora Cuarto de Inverno. Coa autora e Andrea Jamardo Seijo, editora.
19:30 h. Amani de Miguelanxo Prado. Retranca Editora / O Garaxe Hermético. A Feira acolle apresentación do álbum ilustrado do prestixioso autor de banda deseñada coa súa participación acompañado de Kiko da Silva, editor.
19:30 h. Sinatura de Isidro Dubert.
19:45 h. Premios Xerais 2019. Conversa de Ana G. Liste con Amador Castro Moure, autor de Shanghai a Barcelona (Premio Xerais de Novela 2019); Rosa Aneiros, autora de Xelís, o guieiro das botellas de mar (Premio Merlín de Literatura Infantil 2019) e Emma Pedreira, autora de Os corpos invisibles (Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2019).
19:45 h. Espazo Infantil. A fraga do meu avó. Mamá Cabra. A fraga do meu avó está chea de árbores, animais e vida, pero agora vese rodeada de eucaliptos e de xente que tenta cortala. Para concienciar da problemática dos bosques autóctonos e dos espazos naturais, nace este traballo, cheo de poesía, música e ilustracións para chegar ao corazón de todos e de todas.
20:00 h. Stand da Libraría Paz. Tamara Andrés asina exemplares de Irmá paxaro, publicado por Cuarto de Inverno.
20:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de Troglo & Dita de Alfonso Barreiro.
20:30 h. Espazo Libro. Conversa entre Gonzalo Hermo, Premio de Narrativa Breve Repsol 2019 con Diario dun enterro e Berta Dávila, Premio García Barros 2019, con Carrusel. Presenta Carlos Lema, director de edicións de Galaxia.
20:30 h. Entrega do premio Nortear de Relato Breve e lanzamento da convocatoria de 2020. O programa Nortear conta, entre as súas actividades, cun premio literario destinado a mozas e mozos de entre 16 e 36 anos, de Galicia e da rexión norte de Portugal. Con Anxo M. Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais, Xosé Lago García, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal (GNP-AECT), João Ribeiro da Silva, xefe de Divisão da Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal, e Sabela Varela Fernández, gañadora do premio de relato breve 2019. Xunta de Galicia.