Terra Chá: Memoria da Chaira Enteira, X cabodano de Manuel María, o luns 8 de setembro

OManuel María luns 8 de setembro de 2014 a Irmandade Manuel María organiza unha nova edición da Memoria da Chaira Enteira, en conmemoración do X cabodano de Manuel María. O programa previsto é o seguinte:

– 14:30 h. Xantar no Restaurante Río Ladra (Rábade).
– 17:00 h. Recital de poesía en Penas de Rodas.
– 18:00 h. Ofrenda no Cemiterio de Outeiro de Rei.
– 19:00 h. Na Carballeira de Sta Isabel: entrega da Navalla de Manuel María a Felipe Senén e, in memoriam, a Suso Vaamonde.

* Para máis información e apuntarse ao xantar, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 646413890.

tarxeton final

Penas de Rodas, Outeiro de Rei: cabodano de Manuel María, o domingo 8

O domingo 8 de setembro celébrase o Día Nacional Manuel María, organizado pola Irmandade Manuel María da Terra Chá e a A. C. Xermolos de Guitiriz. O programa de actos é o seguintes:

– 14:00 h. Xantar de irmandade no restaurante Río Ladra, entre Rábade e Penas de Rodas. Para reservar chamar ao teléfono 646413890 ou enviar un correo electrónico a xermolos@xermolos.org
– 17:30 h. Recital poético e lecturas de Manuel María en Pena de Rodas.
– 18:30 h. Acto de afectos e lealdade a Manuel María. Memoria e ben, no cemiterio de Outeiro de Rei. Ofrenda floral (as persoas asistentes levarán consigo unha flor). Lecturas ao Manuel.
– 19:30 h. Na Carballeira de Santa Isabel (devoción máxima de Manuel María), acto de entrega da Navalla de Manuel a Paco Martín. De seguido, acto musical e de irmandade fraterna no ir das voces de Mini e Mero, Miro Casabella e nos saberes compartidos de pan de Boimorto, queixo de Ulloa e Tabeirós e viño de Sober.

Teo: homenaxe a Avelino Pousa Antelo

Desde Fervenzas Literarias e o Concello de Teo:
“O Salón de Plenos foi o centro de congregación na mañá deste martes, 20 de agosto, desde as 12:00 horas para aquelas persoas que quixeron lembrar a persoa de Avelino Pousa Antelo. A esta hora os participantes nos actos do cabodano foron recibidos na Casa do Concello, onde a partir das 12:30 h. comezou un acto no que se recordou a figura de Avelino Pousa Antelo con música, recitais e ofrendas. A sesión continuou ás 13:00 horas coa presentación da revista-libro monográfica Avelino Pousa. Nesta presentación participaron Alfonso Blanco Torrado, Héitor Picallo, Carlos Mella, Mini e Mero, Xosé Mª Lema Suárez, Martiño Noriega, alcalde do municipio, e representantes da familia de Avelino Pousa.
Posteriormente amigos e familiares que participan nesta xornada aproveitaron a hora de comer para compartir lembranzas e recordos nun xantar de irmandade no Restaurante Pórtico de Cacheiras.
Tras o xantar e tamén no Salón de Plenos do Concello de Teo, a xornada retómase pola tarde a partir das 18:30 h. cunha mesa redonda baixo o título Avelino Pousa, mestre galego normalizado, na que interveñen Antón Costa, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Mini e Mero, María Blanco Corral e Maca Arca, xunto co recitado de Xoán Xosé Fernández Abella.
E xa para rematar a xornada, a partir das 20:00 horas, realizase un último acto de afectos e recordos a Avelino Pousa no paseo Avelino Pousa, situado na Urbanización Os Verxeis, residencia habitual de Avelino Pousa nos últimos anos. Neste acto terá lugar unha ofrenda floral conxunta, na cal intervirán as fundacións e colectivos, e haberá intervencións poéticas, lecturas de textos e as actuacións musicais de Mini e Mero, Raúl Galego e Manoele de Felisa.
Xa para rematar, intervén a familia de Avelino Pousa e clausura o acto unha representación do Concello de Teo, xusto antes do peche co Himno Nacional Galego.
Este acto está organizado pola Asociación Cultural Xermolos, xunto coa Irmandade Manuel María e a Irmandade Avelino Pousa e conta coa colaboración do Concello de Teo.”

Outeiro de Rei: Memoria da Chaira enteira, no cabodano de Manuel María

O sábado 8 de setembro, en Outeiro de Rei, celébrase o cabodano de Manuel María, nunha nova edición da Memoria da Chaira enteira, organizada pola Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos. O programa está formado polas seguintes actividades:
– 14:30 h. Xantar de irmandade no Restaurante Río Ladra (A Ponte-Gaioso).
– 17:30 h. Recital de poesía en Penas das Rodas.
– 18:30 h. Lembranza no Cemiterio de Outeiro de Rei.
– 19:00 h. Rito da navalla arredor de Valdi, no Campo de Santa Sabela. Concerto de poesía cantada de Manuel María: A Quenlla, Miro Casabella, Tino Baz e Antón Valcarce.
Para máis información ou apuntarse ao xantar (20 €), o público interesado pódese dirixir ao teléfono 646413890.

Santiago: presentación de No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias, Mero

O xoves 31 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo) de Santiago de Compostela, preséntase o libro No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias, Mero, publicado pola Irmandade Manuel María. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Lois García, Mini Rivas, Xulio Xiz, Alfonso Blanco, David Otero e Sabela Arias, contando coa participación musical de Raúl Galego.

Vilalba: Antía Cal, Chairega de Honra

O sábado 1 de outubro, ás 12:00 h., na Casa da Cultura de Vilalba, a Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María organizan un acto no que se nomeará a Antía Cal Chairega de Honra. Previamente terá lugar unha mesa redonda coa participación de Avelino Pousa Antelo, Xosé Neira Vilas, Carmiña de Soutomaior, Xosé Manuel Beiras e María Xosé Lamas, actuando como moderador David Otero. Posteriormente terá lugar un xantar no restaurante Nova Ruta de Vilalba, tralo que actuarán Mini e Mero. Para anotarse a comida, que custa 17 euros, os interesados deberán chamar o teléfono 646413890 ou ben enviar un correo electrónico á dirección xermolos@xermolos.org

Lugo: presentación de No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias

Crónica de Santiago Jaureguizar en El Progreso:
“Un profesor de Dereito compostelán tiña sona de que corrixía trazando unha liña no chan e lanzando os centos de exames ao aire para que o azar decidise entre aprobados e suspensos. Mero, a metade de Mini e Mero, entregou a un azar máis controlado os 2.000 poemas que escribiu nos tres últimos anos. Imprimiunos, repartiuno o paquete en dous e confiou unha metade a Mini e outra a Alfonso Sanmartín para que cada quen escollese un cento. O resultado desa escolma é No papel que mudo escoita, o poemario que presentou onte na galería Sargadelos de Lugo e que foi editado pola Irmandade Manuel María. Mero sinalou que o lugar para a presentación non era aletorio, “pois está na rúa do Progreso, que foi a onde chegamos dende Vilalba e onde botei a infancia”. Ese Lugo de cando era neno e a figura do seu pai son os dous temas maiores do libro. O autor establece o rueiro que trazan os versos coas as rúas Nóreas ou San Pedro. Mesmo bromea destacando que “teño mesmo un poema dedicado ao carteiro que me traía as cartas da muller cando eramos mozos”. A cidade ten presenza importante no texto, aínda que logo recoñece que “sempre me tirou a natureza, polo que, cando podía, escapaba a Garabolos ou á Fervenza, que aínda eran campo”. Tamén fuxía máis aló, ata Duarría ou mesmo a Vilalba. Outro medio de fugarse era a música, que seu pai sempre fomentou, tanto porque era grande afeccionado como “porque dicía que axudaba a liberar as tensións”. No papel que mudo escoita tamén serviu a Mero para rebaixar a tensión porque a creación do libro avanzou paralelamente á enfermidade e pasamento do pai.”

Muíño do Rañego, Vilalba: Nun lugar dos soños, homenaxe a Darío Xohán Cabana

O sábado 13 de novembro, a partir das 12:00 h., no Muíño do Rañego de Vilalba, terá lugar a edición do 2010 de Nun lugar dos soños, coa que a Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María homenaxean a figura de Darío Xohán Cabana. Haberá unha táboa redonda coa participación de Xosé Luís Calvo Vidal, Marica Campo, Paco Martín, Yago Rodríguez Yáñez e Xulio Xiz, seguida pola colocación do quinto hectómetro literario no Paseo dos Soños, finalizando cun xantar de irmandade en A Nova Ruta de Vilalba e a posterior actuación musical. Quen queira apuntarse aos actos de homenaxe poden facelo no teléfono 646-413890.

Vilalba: concesión do premio Chairego de honra a Felipe Senén López

O sábado 30 de outubro, a partir das 12:00 h., no Muíño do Rañego, en Vilalba, celébrase unha mesa redonda sobre a figura de Felipe Senén, distinguido este ano como Chairego de honra, coa participación de Felipe Arias, Xoán Naveiro López, Xosé Neira Vilas, Francisco Pillado e David Otero. Organizado pola Irmandade Manuel María.