A Coruña: Roteiro das Irmandades, o sábado 5 de marzo

Roteiro das Irmandades A CoruñaRoteiro pola cidade da Coruña para coñecer os espazos e @s protagonistas.
Guía o roteiro Mercedes Queixas Zas, escritora.
5 de marzo de 2016, ás 17:00 h., na Rúa de Álvaro Cebreiro (Fonte de Santo André)
7 espazos para resumir a pegada das Irmandades:
1. Comezamos na rúa Álvaro Cebreiro figura fundamental da vangarda artística galega dos anos vinte e trinta, é autor, co poeta Manuel Antonio, do manifesto ‘Máis alá!’.
2. Imos logo a rúa Real nº 36, onde estivo a Editorial Nós, para lembrar o traballo realizado por Ánxel Casal na editorial Nós (e antes en Lar xunto a Leandro Carré).
3. Paramos no Teatro Rosalía para falar do teatro das Irmandades.
4. Achegaremos logo á rúa San Agostiño, onde morre Murguía.
5. Casa do Concello para lembrar a Lois Peña Novo, con el o nacionalismo e a lingua galega chegaba, en 1920, a un salón de plenos.
6. Tamén na praza de María Pita, as Escolas do Insiño Galego. Era o 8 de xullo de 1923 cando a Irmandade da Fala da Coruña decide crear as Escolas de ensiño Galego.
7. Para rematar en Rego de Auga 38, sede da Academia onde o 18 de maio de 1916 nacen as Irmandades.
Acompañaranos a palabra cantada na voz de Marta Pumares e un artista plástico, Xurxo Gómez Chao; unha editora, Belén Vázquez; Moncho do Orzán, arquiveiro de Cántigas; e unha concelleira, a nosa socia Avia Veira, e Elvira Varela Bao, filla de Bernardino Varela e Elvira Bao; un académico, Xosé Luis Axeitos, e os presidentes da AS-PG e Alexandre Bóveda.

Roteiro Irmandades Coruña 1Roteiro Irmandades Coruña 2

Almanaque das Irmandades, iniciativa da AS-PG e a A. C. Alexandre Bóveda

DesdeAlmanaque das Irmandades Sermos Galiza:
“Foron moitas as actividades levadas a cabo desde o 18 de maio do ano 1916 en que Antón Vilar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña. Nesa xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galiza.
Agora, no ano centenario daquela xuntanza, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega poñen en marcha unha iniciativa para dar a coñecer efemérides e actividades relacionadas directa ou indirectamente coas Irmandades da Fala.
Se queremos saber que aconteceu en calquera día do ano o Almanaque das Irmandades daranos, mínimo, unha opción. Segundo aclaran os promotores, “o Almanaque recolle anécdotas, feitos e persoas. Non pretendemos explicar as entradas pois ese papel corresponde á historia. Por iso aquí recollemos breves biografías e acontecementos tanto dos protagonistas das Irmandades como dos precursores ou de aqueles que seguiron o camiño por eles encetado”.
A obra, feita pública esta semana, vai na liña dos almanaques tradicionais cos que Galiza conta desde hai dous séculos, “mais nunca houbo un Almanaque das Irmandades, das Irmandades da Fala. Agora xa o hai” .
A obra ten polo de agora entradas para os meses de xaneiro e febreiro. Nos próximos días completarase con entradas até 18 de maio e máis tarde para todo o ano 2016. Tamén se incorporarán as actividades levadas a cabo durante o ano do centenario das Irmandades. A web tamén conta cun formulario desde o que se poden enviar datos, fotos, etc. referidos ás efemérides comentadas na certeza de que tanta actividade como desenvolveu a xente das Irmandades ten que ter aínda pegadas descoñecidas por toda Galiza.
Dar a coñecer esas pegadas é tamén un obxectivo deste Almanaque, unha ferramenta sinxela desde a que os promotores nos convidan a “almanaquear”, a pasear da man das persoas que precederon, constituíron e proseguiron un movemento do que agora celebramos cen anos. As dúas entidades están a traballar noutras iniciativas en torno a este centenario que farán públicas en próximos días.”

Varias institucións preparan un simposio sobre as Irmandades para novembro

Desde2016012619291123914 Sermos Galiza:
“Neste ano do centenario da fundación das Irmandades da Fala estanse a preparar múltiples actividades para lembrar o nacemento desta primeira organización do nacionalismo galego. Este congreso, que se suma aos anunciados polo Consello da Cultura Galega, pretende “fornecer un marco de análise da súa significación na evolución do pensamento, das ciencias, da literatura e das artes de Galiza, así como a súa incidencia na dinámica política dun período en que as tensións nacionais e a conflitividade sociopolítica adquiren unha especial relevancia no seo do Estado español”.
O simposio, que terá lugar no auditorio do Museo do Pobo Galego do 17 ao 19 de novembro, está aberto a comunicacións por parte de investigadores, que serán avaliadas polo Comité Científico. O programa, que aínda está pendente de concreción en canto a nomes, incluirá os seguintes temas: ideoloxías e programas; organización e acción política; lingua, literatura e medios de comunicación; economía e sociedade; a cuestión de xénero; ciencias; artes plásticas e música; relacións exteriores; e análise comparativa.
As entidades organizadoras son: o Museo do Pobo Galego, o departamento de Galego-Portugués da Universidade da Coruña, a revista Murguía, a Federación de entidades culturais Galiza Cultura e as fundacións Castelao, Alexandre Bóveda, Antonio Fraguas, Losada Diéguez, Isla Couto, Galiza Sempre, Moncho Reboiras, Penzol e Vicente Risco.
Na Comisión Organizadora están Justo Beramendi, Uxío Breogán Diéguez, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Pilar García Negro e Xosé Manuel González Reboredo.
Ano das Irmandades
As Irmandades absorberán gran parte do esforzo cultural deste ano, cunha grande exposición promovida pola Deputación da Coruña, en colaboración con outras institucións, e comisariada por Pepe Barro que será inaugurada arredor do 18 de maio, data da creación da primeira Irmandade da Coruña.
A Deputación da Coruña está a implicarse a fondo nesta conmemoración, traballando en producións propias e tamén abrindo liñas de apoio a iniciativas doutros colectivos. Outras institucións que promoverán eventos son a Real Academia, o Museo do Pobo e o Consello da Cultura, que realizará desde 2016 a 2018, un álbum web, dúas exposicións e tres congresos, o primeiro dos cales terá lugar este mesmo ano, e que sitúa este movemento no contexto internacional.”

O que vén no 2016 (algunhas efemérides literarias e socio-culturais), por Ramón Nicolás

DesdeManuel María Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Quedan aínda algúns días para concluír o ano pero, nesta ocasión, adianto un chisco este apuntamento que, sen afán de exhaustividade, pretende achegarse ás liñas esenciais do que, se cadra, ha ocupar unha parte substancial da atención literaria ou socio-cultural ao longo do ano 2016. É evidente que salientará, en primeiro lugar, a figura de Manuel María, a quen se lle renderá homenaxe este vindeiro ano por mor da súa designación para o Día das Letras, converténdose por dereito propio nunha referencia ineludible, como tamén cumpriría que o fose a celebración tanto do centenario da creación das Irmandades da Fala na cidade da Coruña, sen esquecer a fundación do seu voceiro A Nosa Terra, como o asasinato de catro labregas e un labrego no lugar de Cans (Nebra, Porto do Son), que se negaron a pagar un imposto especial. Agardemos, pois, pasos adiante en todas estas conmemoracións.
Non debería ser menos, a meu entender, a atención que se lle debería prestar a un conxunto de voces do ámbito literario unidas por se celebrar o centenario do seu nacemento. Penso en Manuel Lueiro Rey, Miguel González Garcés, Xosé Velo, Raimundo García González “Borobó“, Lorenzo Varela e a xornalista e tradutora Amparo Alvajar; grupo ao que me permito unir o de Roald Dahl, moi presente no catálogo de diversas editoriais galegas.
No que se refire ao cincuenta aniversario hai un acontecemento sobre o que xa se traballa e que se cinguirá á relevancia do chamado “banquete de despedida” de Celso Emilio Ferreiro, celebrado no Hotel Roma de Ourense en maio de 1966, antes de que o celanovés collese camiño cara a Caracas: o acto, que foi unha das primeiras manifestacións públicas críticas co réxime franquista, ben merece ser lembrado. Por outro lado, tamén neste 2016 van cumprirse os cincuenta anos do falecemento do poeta Victoriano Taibo, do astrónomo Ramón María Aller, do sociólogo Victoriano G. Martí, do dramaturgo Xesús San Luís Romero e da escritora Herminia Fariña Cobián.
Por último, no que atinxe aos sesquicentenarios cómpre lembrar o que se corresponde ao nacemento do narrador ourensán Heraclio Pérez Placer e o do falecemento de Fontán, personaxe que recupera Marcos Calveiro para a súa recente novela homónima. No que di respecto de libros relevantes que se publicaron no 1966 é imprescindible citar O espello no serán, de Otero Pedrayo; o histórico Galicia hoy, de Ruedo Ibérico; o Elexías do Courel e outros poemas, logo reeditado baixo o título de Tempo de elexía (1991), de Uxío Novoneyra e, en América, os aínda hoxe imprescindibles volumes de Alberto Vilanova sobre os galegos na Arxentina e mais Decrúa, poemas de Gonzalo López Abente.
De certo que haberá máis conmemoracións e efemérides pero suxerir a celebración dalgunhas destas paréceme de xustiza.”