A Coruña: inauguración de Libros para soñar

O venres Libros para soñar30 de setembro, a partir das 18:00 horas, e con entrada libre até completar capacidade, inaugúrase Libros para soñar na Coruña (Avenida de Fisterra, 64). Trátase dunha libraría especializada en Literatura Infantil e Xuvenil que conta tamén cun lugar de lectura e cunha sala para realizar sesións de contacontos, obradoiros infantís de plástica e de escrita creativa, cursos de formación para mediadores e profesionais do ensino, e exposicións de ilustracións orixinais co obxectivo de inculcar a sensibilidade estética necesaria para apreciar o traballo dos artistas plásticos nos libros. O acto de inauguración, no que vai participar o equipo de animación á lectura de Kalandraka, xunto con varios autores e ilustradores, consistirá nunha sesión especial de contos e música, aberta ao público. O ilustrador Pablo Otero -ourensán afincado na Coruña- protagoniza a primeira mostra do novo espazo: as imaxes do álbum Contos por teléfono, un libro de relatos do escritor italiano Gianni Rodari, e que se poderá visitar até finais do vindeiro mes de outubro.

Vigo: actividades do luns 4 na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta do venres 1 ao domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do luns 4 son as seguintes:
19:30 h. Faladoiro arredor do libro Indignádevos!, de Stéphane Hessel, coa participación do traductor, Fernando Moreiras, Manuel Martínez, membro do colectivo Attac e un representante de Kalandraka Editora.
20:30 h. A escritora e xornalista Elena Gallego Abad presenta o 2º tomo da súa obra Dragal, a herdanza do Dragón, publicada por Xerais. Xunto coa autora, participará no acto Manuel Bragado, director xeral da editorial.

Ourense: representación de Mago Goma, por Toño Núñez

O venres 13 de maio, ás 18:00 horas, na Libraría ZampaContos (Rúa Santo Domingo. Galerías Sol, Local 21) de Ourense, Toño Núñez, autor de Mago Goma, publicado en Kalandraka, recitará este conto rimado e compartirá cos rapaces e rapazas a súa experiencia como escritor, lector e mestre. Ao remate do encontro co autor farase a entrega dos premios do IV Concurso A conquista da illa marabillosa de Relatos Ilustrados.

Convocado o IV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

O Departamento de Educación do Concello de Santiago e a editorial Kalandraka convocan o IV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 12.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. O prazo de presentación dos traballos rematará o 28 de febreiro de 2011 e o fallo do xurado darase a coñecer o 1 de abril, previo á celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, e no marco das actividades da XI Campaña de Animación á Lectura que organizan o Concello de Santiago e Kalandraka. O prestixioso artista italiano Roberto Innocenti (Florencia, 1940), ilustrador de obras como As aventuras de Pinocho, A historia de Erika ou A casa, e galardoado co Premio Hans Christian Andersen en 2008, será un dos membros do xurado do certame. Toda a información pódese descargar aquí: Bases IV Premio Internacional Compostela.

Vigo: presentación de Un home impuntual, de Pepe Cáccamo

Dentro das actividades da Feira do Libro de Vigo, o venres 9 de xullo, ás 20:30 horas, Pepe Cáccamo presenta o seu libro Un home impuntual, publicado en Galaxia. No acto participan o autor acompañado de Francisco Castro.
Previamente, a partir das 20:00 horas, Pablo Díaz e Marc Taeger asinarán exemplares do seu libro–disco Tic Tac, publicado por Kalandraka Editora.

Campaña de animación á lectura do Concello de Santiago e Kalandraka

A Campaña de Animación á Lectura que organizan ata o 22 de maio o Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA, en colaboración coa Galería Sargadelos, cumpre unha década ao servizo da comunidade escolar e educativa da bisbarra compostelá. Co lema “Un gran soño”, que non só é o título da obra galardoada co II Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, senón tamén a expresión do camiño percorrido nestas dez edicións, a Campaña vólcase un ano máis en desenvolver actividades gratuitas para escolares, educadores, bibliotecarios e promotores da lectura, público familiar e, por primeira vez, prelectores e futuros creadores artísticos. A programación durará ata o 22 de maio na Galería Sargadelos, nas escolas infantís de Conxo, As Fontiñas, San Roque e Polígono do Tambre, e tamén no IES de Sar.

Máis información aquí.