Desde Nós Diario:
“Os Premios da Crítica concedidos pola Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) recoñeceron as obras de Diego Ameixeiras O cervo e a sombra e de Medos Romero E o sol era Ela como mellor novela e mellor poemario respectivamente.
A novela de Ameixeiras está protagonizada por Mateo, un traficante que tenta saír adiante vendendo cocaína e deixándose enredar en estraños negocios por un vello amigo co que se sente en débeda. Unha mestra xubilada que xa non pode levarlle flores ao seu irmán morto, un sacerdote que anos atrás o axudou a desintoxicarse e agora insiste en solucionarlle as dúbidas de fe, e un grupo de anarquistas que okupa e rehabilita un vello edificio, rodean a Mateo e mostran o singular sentido do noir do autor, que adoita debruzarse sobre personaxes perdedores outorgándolles unha dignidade que a sociedade lles nega.
E o sol era Ela, de Medos Romero, escava na infancia da autora centrándose na perda de conexión coa natureza na sociedade moderna, cunha empatía que logra unir a vindicación ecolóxica co sentimento de perda polo mundo rural tradicional, a nostalxia pola ruptura da infancia coa celebración da vida e da irmandade entre os seres vivos. A obra de Romero fora gañadora do Premio de Poesía Afundación, cuxo xurado destacara que regresa á natureza non nun sentido paisaxístico, senón a través da reflexión dunha voz feminina”.
Os premios tamén recoñeceron en catalán, a novela Els angles morts (Os ángulos mortos), de Borja Bagunyà, e o poemario La vista als dits (A vista nos dedos), de Joan Todó. En éuscaro, foron a novela Izurdeen aurreko bizitza (A vida anterior dos golfiños), de Kirmen Uribe, e o poemario Gu gabe ere (Incluso sen nós), de Itziar Ugarte Irizar. E en castelán, a novela tríptico Infierno, Purgatorio, Paraíso, de Jordi Ibáñez Fanés e o poemario Incendio mineral (Vaso Roto), de María Ángeles Pérez López.
Esta edición, ademais, incluíu como novidade a modalidade en lingua estranxeira, que obtivo a novela Hamnet, da autora irlandesa Maggie O’Farrell.”
Arquivos da etiqueta: Kirmen Uribe
Presentación en liña de 17 segundos, de Kirmen Uribe, co seu tradutor, Isaac Xubín
O 22 de xuño, ás 20:00 horas, celebrarase, de maneira telemática, a presentación do poemario 17 segundos, de Kirmen Uribe, publicado por Galaxia. Acompañando o autor, estarán o tradutor da obra, Isaac Xubín, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
As persoas interesadas poden seguir a presentación a través de Google Meet, na seguinte ligazón: https://meet.google.com/jcc-juaz-gzj
A Coruña: conversa con Xurxo Souto e Kirmen Uribe
Pontevedra: Festival PontePoética, actividades do fin de semana do 20 e 21 de abril
O sábado 20 e domingo 21 de abril continuará a nova edición do Festival de Poesía PontePoética, promovido polo Concello de Pontevedra, coa colaboración do Ateneo de Pontevedra, baixo a dirección de Yolanda Castaño. Este é o programa:
Sábado 20
– 18:30 h. Teatro Principal de Pontevedra.
Recital dos poetas: María do Cebreiro, Biel Mesquida e Claudio Pozzani. Presenta: Antón Sobral.
– 20:00 h. Teatro Principal de Pontevedra.
Recital final con todos os poetas participantes e clausura de PontePoética 3: Lino Braxe, Raquel Lanseros, Claudio Rodríguez Fer, Rosa Alice Branco, Biel Mesquida, Marta Dacosta, Roger Wolfe, Kirmen Uribe, María do Cebreiro e Claudio Pozzani. Presenta: Yolanda Castaño.
Domingo 21
– 11:00 h. Fundación Cuña-Casasbellas. Sala Versus (Rúa de Xerardo Álvarez Limeses, 12).
Obradoiro especializado de Poesía: Kirmen Uribe.
Publican en inglés o libro de Manuel Rivas A desaparición da neve
“Manuel Rivas, o autor galego con máis libros traducidos ao inglés, ofrecerá o vindeiro mes un novo título aos lectores anglófonos. O 15 de abril publicarase The Disappearance of Snow, a versión inglesa de Lorna Shaughnessy do poemario A desaparición da neve. O libro aparecerá en Shearsman Books, que xa ten no seu catálogo obras de autores galegos como Chus Pato. Tamén en abril Rivas presentará o libro por partida dobre en Irlanda. Dunha banda, protagonizará un acto no Instituto Cervantes de Dublín, mentres que por outra participará no festival literario Cúirt, na localidade de Galway, onde falará, xunto co escritor vasco Kirmen Uribe, sobre identidade e culturas minoritarias, en conversa con Jonathan Dunne, o seu tradutor habitual.” Vía La Voz de Galicia.
Manuel Rivas participa no Día Mundial das Linguas Maternas na UNESCO, e comeza a publicación da súa obra en Brasil
Os escritores Manuel Rivas e Kirmen Uribe foron convidados a participar, os días 7 e 8 de febreiro, nos actos de celebración do Día Mundial das Linguas Maternas da UNESCO na sala dos Dereitos Humanos en Bruxelas, onde impartirán cadanseu recital poético nas súas respectivas linguas maternas, galego e eúscaro, con acompañamento musical. Ademais, ambos os dous escritores participarán en diversos actos, encontros e conferencias. Por outra banda, a editorial brasileira Tinta Negra (São Paulo) publica este mes de febreiro Que me queres, amor?, de Manuel Rivas, o primeiro chanzo para a publicación da obra completa de Rivas, responsabilidade que asume esa editora para todo o Brasil. A nova ven a través de Xerais. Aparece recollida tamén en Galicia Hoxe.
O dia 20 María Lado e Kirmen Uribe no Poetas Di(n)versos da Coruña
Un paso máis do ciclo de recitais poéticos dirixido pola poeta Yolanda Castaño e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña coa participación o dia 20 de abril dos escritores Kirmen Uribe e María Lado. O acto comezará ás 20:30 na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, 10).
Kirmen Uribe “naceu nunha familia vencellada á pesca. Licenciouse en Filoloxía Vasca en Vitoria e cursou estudos de postgrao de Literatura Comparada en Trento (Italia). O seu primeiro premio literario importante recoglleuno en 1995 cando estaba a cumprir condena por ser insumiso e negarse a ir ao servizo militar obrigatorio. O 14 de outubro de 2009 concédenlle o Premio Nacional de Narrativa 2009 pola súa obra Bilbao-New York-Bilbao.” (Wikipedia)
«A maría lado parírona alá por 1979 nun coche da velvet underground nalgún lugar da nada que une a nada do cee que figura oficialmente como lugar de nacemento e santiago de compostela, a gran nada no centro da nada.
Pero ela non podía con ese baldeiro e medrou enchéndoo de pegadas. ten publicados tres libros con textos deses que non chegan ao final da liña: a primeira visión (letras de cal, 1997), casa atlántica casa cabaret (xerais, 2002) e berlín (concello de santiago-El correo gallego-aelg, 2005). […]» (AELG)
O escritor vasco Kirmen Uribe na Coruña
O escritor Kirmen Uribe, autor de Bilbao-New York-Bilbao e Premio Nacional de Narrativa 2009, viaxa a Galicia o vindeiro martes, 20 de abril. Uribe manterá un encontro coa prensa no Hotel NH Atlántico da Coruña coincidindo co lanzamento da súa novela Bilbao-New York-Bilbao, publicada por Xerais.
O escritor vasco participará no recital poético, xunto coa poeta galega María Lado, no ciclo “Poetas Di(n)versos” organizado pola concellaría de Cultura do Concello da Coruña.
PROGRAMA DA VISITA: Martes, 20 de abril. Encontro coa prensa: 18:00-19:30 horas no Hotel NH Atlántico (Xardíns de Méndez Núñez da Coruña).
Dirección de Promoción e Prensa de Edicións Xerais de Galicia
Kirmen Uribe, Premio Nacional de Narrativa
Kirmen Uribe (Bizkaia, 1970), coa obra Bilbao-New York-Bilbao, obtivo hoxe o Premio Nacional de Literatura 2009 na modalidade de Narrativa. O premio concédeo o Ministerio de Cultura para distinguir unha obra de autor español escrita en calquera das linguas oficiais e editada en España durante 2008. Está dotado con 20.000 euros.[Ler nota de prensa do Ministerio de Cultura]