Nuria Vil gaña o certame de poesía erótica Illas Sisargas

Desde La Voz de Galicia:
“De Santo André de Comesaña (Vigo) e activista polos dereitos LGBTQIA+, Nuria Vidal Prado —coñecida por Nuria Vil no eido artístico— é a gañadora da vixésima edición do certame de poesía erótica Illas Sisargas coa súa obra Desobediensia.
O xurado, integrado por Paco de Tano, María Lado e o gañador no 2024, Francisco Fernández Davila, recoñeceron «a súa visión novidosa do erotismo» e unhas imaxes fluídas que «evitan conceptos manidos». Así mesmo, cualificaron o poemario de «moderno, actual e irreverente», e recalcaron que, malia o seu carácter contemporáneo, «consegue emitir lirismo, mesmo cando introduce a AP-9 ou contidos de carácter social». A utilización do seseo e a gheada ou o elevado ritmo poético foron outras das características que valorou o xurado.
Nuria, que se confesou ilusionada en Malpica, salientou que levaba anos querendo «escribir e performar para nutrir o imaxinario do desexo máis aló da compracencia á ollada cisheteromasculina que define moitos dos estímulos que nos chegan».
Por parte de Caldeirón, entidade organizadora, Paco de Tano agradeceu a participación e explicou que este ano se recibiron 19 obras. A concelleira Noelia Freijeiro, pola súa banda, reflexionou sobre a traxectoria do certame, que acumula xa vinte edicións, e dixo que a poesía «é un lugar onde todos podemos arder un pouco sen queimarnos».”

Víctor Freixanes faise co premio Carlos Casares de xornalismo

Desde Cultura Galega:
“Víctor Fernández Freixanes, antigo presidente da Real Academia Galega, xornalista, editor e escritor, fíxose co Premio Carlos Casares de Xornalismo Literario, convocado polo concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares. O xurado premiou a Víctor F. Freixanes pola columna semanal en La Voz de Galicia chamada “Vento nas velas”, na que recoñece “a destreza do autor reflectida no estilo. Freixanes «mantén un ton sereno e unha visión positiva, achega claridade a episodios confusos e balancea con sabedoría o presente co pasado”. A decisión adoptouse por maioría. Freixanes publica a súa columna desde o ano 2001.”

Rianxo: presentación de Novo diálogo. Achegas á obra plástica de Castelao, de Xosé Carlos López Bernárdez

Xavier Alcalá: “A ficción entra nos espazos onde a historia oficial non chega”

Entrevista de María Viñas a Xavier Alcalá en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Comandantes e familiares abre o camiño cara a Tempo de fugas. Que papel xoga esta novela dentro da «Triloxía dos mayimbes»?
– Xavier Alcalá (XA): É o elo central, o que mergulla o lector directamente nas entrañas do poder revolucionario cubano. Se A capital do mundo nos levaba ata Nova York e mostraba a vida dun emigrante galego na metrópole capitalista, aquí a protagonista queda atrapada no mundo oposto: o socialismo tropical, con todas as súas contradicións. Comandantes e familiares amosa como a Revolución tamén se humaniza, ou se descompón, nas relacións de familia, de confianza, de conveniencia.
– LVG: É a protagonista a chave para comprender a trama?
– XA: Sen dúbida. Nieves é o fío que entretece as tres novelas. Non é unha heroína ao uso, senón unha muller que observa, que sofre e que actúa segundo as súas conviccións. Ten unha capacidade rara de adaptarse sen renunciar a si mesma. No fondo, é unha emigrante que non deixa de ser galega, e iso dálle un punto de vista diferente, libre, incómodo mesmo para os que a rodean. (…)”