Lois Diéguez: “Manuel María era: Primeiro home, logo galego e, despois, poeta”

EntrevistaLois Diéguez a Lois Diéguez en Sermos Galiza:
“(…) “Manuel María era: Primeiro home, logo galego e, despois, poeta”. Lois Diéguez cóntanos no libro-DVD, Peregrinaxes. Viaxando con Manuel María, a vida do poeta nestas tres facetas á que se lle suma a de viaxeiro. (…)
Diéguez explicou que a orixe deste documental parte dunha peza audiovisual que se lle adicou un ano despois da súa morte: “Considerabamos que podiamos melloralo, entón fixemos unha versión máis corta. Esta de 25 minutos, o anterior de era de 45. E nestes 25 fixemos un estudo das imaxes máis racionalizado, máis no seu contexto e seguindo a cronoloxía da súa vida. Inicio, desenvolvemento e morte.”
A cinta discorre partindo dende a súa casa natal en Outeiro, pasando pola súa estadía en Lugo, Monforte e A Coruña, onde acaba, despois de pasar por todo o mundo. Lois Diéguez aludiu ao valor sentimental das fotografías “Hai imaxes moi interesantes recollidas de viaxeiros que foron, e fomos, con Manuel María por Exipto, Israel, Palestina, tamén Grecia e Italia que eran o centro da cultura clásica que el coñecía tanto e despois regresamos a casa, a Outeiro que é onde morre.
Xoan Carlos Garrido, realizador do documental, incidiu en que “O concepto do DVD era ilustrar con imaxes a poesía de Manuel María, o seu xeito de pensar e de vivir”, ademais quixo destacar a perspectiva viaxeira desta peza: “Entendendo a vida como unha viaxe, dende as súas casas, até os lugares que visitou e dos que se interesou e rematando na súa tumba. Xa que en moitas persoas Manuel María segue vivo e é alí onde o visitan.”
O vídeo remata, precisamente, ofrecendo unha rosa en Outeiro: “Un acto que fixemos daquela en 2005 e eran miles de persoas depositando a rosa na sepultura, entón é un recordo histórico da xente que pasaba por alí”, segundo Diéguez, quen identificou o vídeo como unha peza moi nostálxica “tal como era a súa poesía: Moitas veces triste e, nos primeiros tempos, máis alegre.”
No libro explícase todo isto dun xeito máis xenérico: Introduce, primeiro, a figura de Manuel María. O que representou na nosa cultura e na nosa política, como nacionalista e como poeta. Logo hai unha parte de estudo de Manuel María como viaxeiro, dos libros que adica a elas e, finalmente, explica as características do DVD.”

Celia Armas: “En Lugo temos grandes figuras e clásicos das letras galegas”

DesdeCelia Armas Sermos Galiza:
“O semanario Sermos Galiza estrea serie esta quinta feira, na súa entrega 166, unha sección especial sobre escritores de Lugo que abrirá cun texto de Pilar García Negro sobre Manuel María. A súa coordinadora, Celia Armas, cóntanos desta iniciativa.
– Sermos Galiza (SG): En que consiste ‘Lugo é Letras’?
– Celia Armas (CA): Trátase dun proxecto que pretende lembrar a autores lugueses co obxectivo de atraer novos leitores a obras que pertencen xa aos nosos clásicos, así como relacionalos coa súa terra natal. Trátase de poñer en valor e facer atractivas estas obras e demostrar que están vixentes.
– SG: Que autores vai incluír?
– CA: Pois esta semana comezamos con Manuel María, dado que estes días celebramos o seu aniversario e será o próximo homenaxeado das Letras, e logo continuaremos con Marica Campo, Olga Novo, Lois Diéguez, Lois Pereiro, Uxío Novoneyra, Luz Pozo, Álvaro Cunqueiro e Darío Xohán Cabana.
– SG: Esta iniciativa terá continuidade e ampliarase a máis escritores?
– CA: Pois agardamos que si, porque loxicamente hai moitos máis e non están todos os que son. Esta é unha primeira serie e tamén nos gustaría que se ampliase ao resto do país. No caso dos autores vivos publicarase unha entrevista e no caso dos falecidos, poderá ser unha recensión ou mesmo unha entrevista imaxinaria. Iso dependerá dos autores que se fagan cargo dos textos: por exemplo, Xosé Manuel Pereiro falará de seu irmán Lois; de Novoneyra tocaralle ao seu fillo homónimo…
– SG: Lugo é un territorio ben vizoso no que a literatura se refire, non?
– CA: Pois a verdade é que tendo en conta o contexto do sistema literario galego e a proporción poboacional, en Lugo temos grandes figuras das letras galegas, tanto pola súa calidade como pola súa importancia.”