Arquivos da etiqueta: Luísa Villalta
A Coruña: inauguración da exposición Papagaio
Discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, no acto Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida
Santa Cruz, Oleiros: Xornada “Luísa Villalta, pensamento crítico e apaixonado”
Compostela: recital poético “Luísa Villalta. Entender para vivir”
70 minutos arredor de Luísa Villalta
A Coruña: Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida. Recital poético-musical, o 25 de setembro
Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida. Recital poético-musical é unha actividade da AELG, co apoio de CEDRO e o Concello da Coruña.
O 25 de setembro, ás 19:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra a vixencia da figura de Luísa Villalta cun recital poético-musical, vinte anos despois do seu pasamento, na secuencia das homenaxes que tiveron lugar en 2004 e 2014. A entrada será libre, até completar capacidade.
O acto, conducido por Cesáreo Sánchez Iglesias e Beatriz Maceda, contará coas interpretacións musicais de Florian Vlashi e César Morán.
Pola súa vez, intervirán lendo textos arredor de Luísa Villalta:
Ana Romaní
Antía Otero
Daniel Asorey
Estíbaliz Espinosa
Eva Veiga
Francisco X. Fernández Naval
Henrique Rabuñal
Marga do Val
Marica Campo
Marta Dacosta
Miro Villar
Pilar García Negro
Deste xeito, neste 2024, onde foi recoñecida como autora a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, reafirmámonos no indicado nas anteriores homenaxes levadas a cabo desde a AELG:
Luísa Villalta constitúe unha destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical coma no literario; a súa obra abarca todos os xéneros (poesía, teatro, novela e ensaio literario) sempre dende unha perspectiva renovadora e orixinal. Ademais, Luísa foi coñecida polo seu grande activismo cultural, que de xeito constante e desinteresado levou a cabo en colaboración con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos de diversa índole, entre as que destacamos a súa participación no Consello Directivo da AELG durante varios anos.
Foi unha das pezas chaves da renovación da dramaturxia galega nos anos oitenta, dende os Cadernos da Escola Dramática, destacando nela a importancia do elemento musical, que propicia unha querenza formalista que devén nun cultismo textual na procura da dignificación do xénero teatral e da lingua. Formada na Universidade de Santiago, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario; mais a súa inquedanza polo mundo das letras sempre estivo acompañada dun profundo amor pola música, que a levou a ser Titulada Superior de Violín e a participar en diferentes conxuntos de cámara, ademais de integrar a Xove Orquestra de Galicia, faceta que desenvolveu ademais como estudosa das relacións entre linguaxe musical e linguaxe poética como formas de coñecer poeticamente o mundo.
A poesía de Luísa Villalta estaba atenta ao eu, mais tamén a pensar o mundo contemporáneo, o que facía dela unha persoa interesada no devir da sociedade e en promover e participar vivamente en procesos de debate sobre ensino, emigración, marxinación, xénero…, involucrándose así nas mobilizacións que se convocaron desde o mundo da cultura contra a guerra do Iraq ou a catástrofe do Prestige, até o punto de que a súa última intervención pública foi a participación nun recital de poetas galegos e galegas en solidariedade con Palestina. O seu grande activismo cultural levouna a colaborar de xeito constante e desinteresado con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos.
Na lúcida ironía dos seus textos destaca tamén a reflexión sobre a cidade na posmodernidade, entendida como ágora, como territorio no que se formulan e resolven as tensións sociais, tomando a autora parte pola defensa dos dereitos das persoas desposuídas. Sensíbel e contundente, denunciou os valores e a apatía da sociedade capitalista.