Antía Yáñez gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2018

Desde Galaxia:
“O sábado 14 na Fundación Barrié de Vigo entregouse o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos. A gañadora desta segunda edición foi Antía Yáñez coa novela Senlleiras. A obra narrada dende diferentes tempos, aborda unha custión tan presente ao longo da historia como a violencia contra as mulleres. O xurado, composto por Anxos Sumai, Daniel Asorey, Montse Pena Presas, Xacobe Pato e Antía Monteagudo, valorou que esta novela “conta cun estilo literario moi coidado, que á vez mestura diferentes voces narrativas e fontes diversas, e é capaz de recrear con precisión e profundidade todo tipo de ambientes”. Ademais, subliñan que “as súas protagonistas, mulleres que teñen que contruír o propio camiño para atoparse a sí mesmas e, ás veces, para rebelarse, son das que non se esquecen”.
Vanesa Santiago, gañadora da pasada edición, fixo entrega a Antía Yáñez dos 3.000 euros cos que está dotado o premio e a escultura da novísima artista pontevedresa Basilisa Fiestras. A escultura, ao igual que o ano pasado, está inspirada na onda que debuxou Xaime Isla Couto para as portadas dos libros da colección Illa Nova, e que está presente tamén no logo do premio. A música púxoa A banda da Loba, un dos grupos con máis proxección da escea musical galega e que está integramente composto por mulleres.
Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira de camiños e na actualidade reside en Cecebre (Cambre), dende onde compaxina a escrita e a ensinanza en obradoiros literarios para rapaces e rapazas coa xestión dunha academia. Entre os premios dos que foi merecedora a súa obra atópanse o Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria en 2013, o Premio de Relatos Curtos Os Viadutos en 2014 e 2017, e o Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre en 2016. Previamente, publicara xa unha novela infantil con grande éxito entre o lectorado mozo O misterio de Portomarín (Galaxia, 2016), que acadou xa varias reimpresións. Agora a súa nova novela, Senlleiras, premiada por unanimidade do xurado, chegará ás librarías nas próximos semanas dentro da colección Literaria da Editorial Galaxia, a carón dos clásicos das nosas letras e tamén de moitos autores e autoras actuais de recoñecido prestixio, o que agardamos sexa un impulso definitivo na súa traxectoria. (…)
A mantedora do acto foi Malores Villanueva (Editora da Editorial Galaxia) e tiveron breves intervencións Francisco Castro (Director xeral da Editorial Galaxia) e Antón Vidal (Presidente da Editorial Galaxia), amais de Vanesa Santiago e a propia gañadora.”

Daniel Asorey gaña a II edición do Premio de Relato Breve Nélida Piñón

Desde Cultura de Galicia:
“O profesor e escritor Daniel Asorey é o gañador da II edición do Premio de Relato Breve Nélida Piñón, que convocan o Concello de Cerdedo-Cotabade, a Consellería de Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra. Este ano o certame introduciu a novidade de dous accésits, que lles corresponderon a Rosendo Cid e Xesús Fraga.
O xurado, composto polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar, a profesora de Lingua Galega e Literatura Malores Villanueva Gesteira e a xornalista e escritora Ana Cabaleiro López, destacou a calidade das obras presentadas e o bo nivel dos relatos que concorreron a esta convocatoria.
O primeiro premio foi para Daniel Asorey pola obra Anatema, da que salientan “a arquitectura da trama” e “unha elaborada estrutura que mantén a tensión ata o final”, así como o equilibrio que sostén o relato. Anatema está situada en Santiago de Compostela, un espazo coñecido ao que o escritor dota “dunha nova dimensión que transcende a realidade”. As paixóns humanas e o gran lirismo dalgunhas pasaxes conforman unha historia trazada con mestría. Profesor de ensino medio, Asorey ten publicados varios relatos e conta xa na súa traxectoria con diversos premios de narración curta, o último o de Narrativa Breve Repsol, co que se fixo no ano 2016.
Pola súa banda, 37 vidas breves deulle ao escultor Rosendo Cid Menor un dos accésits do galardón, por unha narración que recolle a historia dun grupo de persoas de xeito fragmentado, “escintileos de vidas contemporáneas que se cruzan e que dan como resultado achados profundos que obrigan ao lector a reflexionar”, segundo recolle a acta do xurado.
Con Roller Girl, o xornalista Xesús Fraga faise co outro accésit, por “un relato ben trabado a través dunha introspección psicolóxica que aborda temas sociais de interese”. Unha historia “aparentemente mundana”, segundo destaca o xurado, “dotada de intensidade e forza narrativa”. (…)”