O autor Manuel Lourenzo González gañou a XXIX edición do Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor, organizado este ano polo Concello de Santiago. Co lema ATL, Manuel Lourenzo creou unha trama ambientada no futuro. En verbas do xurado, “a intriga que desenvolve a trama está ben dosificada e consegue captar a atención do lector. O mundo futuro no que se desenvolve resulta sólido e sen estridencias. E, ao mesmo tempo, ATL ocúpase dos problemas da identidade e o sentido da vida que son manexados de maneira eficaz”. O premio será entregado ao gañador polo alcalde, Xerardo Conde Roa, nun acto que se celebra o 2 de decembro, ás 20:00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. O escritor xa ten obtido outros senlleiros galardóns da literatura galega, coma o Xerais, o Pedrón de Ouro ou o García Barros, entre outros. Vía Cultura Galega.
Arquivos da etiqueta: Manuel Lourenzo González
I Xornadas de Literatura e Ensino. A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo, o 18 e 19 de novembro
As I Xornadas de Literatura e Ensino. A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo, que terán lugar o venres 18 e sábado 19 de novembro no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás) de Santiago de Compostela, son un curso organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega e o patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia-Xunta de Galicia.
A asistencia é libre. Para o colectivo docente non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario está solicitada a homologación ante a Consellaría de Educación por 10 horas, e a matrícula é preferente para socios/as da AELG e da AS-PG (por orde de inscrición). Para as persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación resérvanse 25 prazas.
A matrícula, gratuíta, farase desde o 24 de outubro ao 15 de novembro de 2011 a través da web da AS-PG.
Os obxectivos previstos son:
– Reflexionar sobre a necesaria revisión e actualizar da transmisión didáctica da literatura no ensino obrigatorio e posobrigatorio.
– Valorar a literatura galega, a través da súa historia, como unha ferramenta clave para a adquisición da necesaria competencia lingüística adaptada a cada nivel/etapa educativa.
– Adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos.
– Achegarse aos contidos didácticos e interactivos que as TIC ofrecen para o profesorado.
– Coñecer o Espazo Didáctico que a AELG ofrece aos profesionais do ensino, en particular, e á sociedade, en xeral.
– Reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura.
– Concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na escrita, o alumnado.
– Coñecer e analizar as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil.
– Partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento literario para a infancia e mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega.
Pode descargarse aquí o programa, que está composto polas seguintes actividades:
VENRES 18 DE NOVEMBRO
– 16:30 h. Conferencia inaugural: Que vén sendo iso de ensinar literatura? Instrucións de uso para docentes nos biosbardos, por Xosé Miranda.
– 17:30 h. Mesa redonda: A literatura galega nas aulas do século XXI: estratexias de sedución. Participan: Antón Riveiro Coello, Xavier Seoane e Pilar Ponte Patiño. Coordina: Mercedes Queixas Zas.
– 19:00 h. Presentación do Espazo didáctico virtual da AELG, por Mercedes Queixas Zas.
SÁBADO 19 DE NOVEMBRO
– 10:30 h. Mesa redonda: A literatura infantil e xuvenil en Galicia: tópicos, prexuízos e puntos de fuga. Participan: Pilar Sampedro, Manuel Lourenzo González e Fran Alonso, coordinados por Armando Requeixo.
– 12:00-12:30 h.. Pausa-café.
– 12:30 h. Mesa redonda: Itinerarios lectores durante a adolescencia: criterios de selección. Participan: Ramón Nicolás, Marilar Aleixandre e Xabier P. DoCampo, coordinados por Marcos Sánchez Calveiro.
– 16:30 h. Mesa redonda: Os “irmáns pequenos” no universo da aula: a poesía, o teatro e a literatura de tradición oral. Participan: Antonio García Teijeiro (poesía); Teresa González Costa (teatro) e Antonio Reigosa (literatura oral). Coordina: Carlos Negro.
– 18:00 h. Mesa redonda: A escola e as outras literaturas: álbum ilustrado, novela gráfica e banda deseñada. Participan: Gracia Santorum, Ánxeles Abelleira e Jacobo Fernández Serrano baixo a coordinación de Francisco Castro.
Crónica posterior en Poesía galega e o blogue de Armando Requeixo, Criticalia.
Manuel Lourenzo González gaña o premio de literatura infantil O Barco de Vapor
“Manuel Lourenzo González obtivo o premio de literatura infantil O Barco de Vapor, no seu vixésimo sexta edición. Dotado con 6.000 euros e convocado pola Fundación SM, o premio pretende potenciar a creación de literatura infantil e xuvenil en galego que fomenten o gusto pola lectura e transmita valores humanos, sociais, culturais e relixiosos que axuden a construír un mundo máis digno. O xurado, formado por Manuel Figueiras, especialista en literatura infantil e xuvenil; Isabel Soto López, crítica literaria e tradutora; e Xavier Senín, catedrático de bacharelato, considera que a novela gañadora é “unha narración chea de imaxinación e fantasía, que destaca polo acertado deseño do mundo no que transcorre, co uso dunha linguaxe propia que dá conta de todas as súas peculiaridades”. Os organizadores informaron nun comunicado de que o premio se converte este ano en bienal, polo que a próxima edición se fallará en 2013.” Vía La Voz de Galicia. Tamén en Galicia Hoxe e La Opinión.