Marcos Abalde: “A min o que me interesa é alimentar a esperanza”

EntrevistaMarcos Abalde a Marcos Abalde en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vés de gañar o Lueiro Rey de poesía e o xurado salientou “o tempero dunha voz moi afinada, chea de resonancias e lecturas que soubo procesar para ofrecer unha aproximación ben persoal a temas e motivos entre os que a memoria dos desfavorecidos, represaliados e desherdados resulta decisiva”.
– Marcos Abalde (MA): Isto de Exhumación é unha metáfora para se referir á historia, hai que coller a historia a contrapelo para coller a versión dos vencidos, das vítimas, dos derrotados. É o que tento facer, falar desde a súa cosmovisión, pero non reducila na súa condición de vítimas, senón tentar recuperar o seu potencial emancipador. (…)
– SG: A nivel literario segues apostando por xéneros minoritarios, o teatro e a poesía.
– MA: Si, é o que me gusta. É como preguntarlle a un pintor por que fai pintura e non escultura. Eu escribo teatro porque se me pasan historias pola cabeza e penso que o teatro sería a maneira máis eficaz de contalas, é unha arte que me gusta a pesar das dificultades que haxa. (…)”

A Coruña: actividades destacadas do sábado 19 e domingo 20 en Abecedari@. I Salón do Libro e a Lectura

Do 4-DIPTICO-ABECEDARI@xoves 17 ao domingo 20 de decembro celébrase no Mercado de San Agustín da Coruña Abecedari@. I Salón do Libro e a Lectura, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 horas, e con entrada libre e gratuíta para o público interesado, evento organizado pola Asociación de Editores Coruñeses. Estas son as actividades destacadas para o sábado 19 e domingo 20 dentro do seu programa: Abecedari@ 2015:

Sábado 19
12:00 h. Carlos Callón e Paulo Filgueiras asinan exemplares das súas obras no espazo da Livraria Suévia.
18:00 h. Presentación do libro Parar o mundo, de María Canosa e Marcos Viso, publicado por Trifolium.
18:00 h. Rocío Leira asina exemplares das súas obras no espazo da Livraria Suévia.
19:00 h. Mesa redonda: Novas voces na poesía galega. Con Marcos Abalde, Charo Lopes, Eduard Velasco e Diana Varela (coordinadora).
19:00 h. Xosé Duncan asina exemplares das súas obras no espazo da Livraria Suévia.
21:00 h. Grupo Ouriol: Manuel María: de Lume e Arxila. Voz: Eva Veiga. Músicos: Fito Ares e Bernardo Martínez.

Domingo 20
12:00 h. Mesa redonda: Editar en Galicia. Asociación de Editores Coruñeses.
12:00 h. Eli Ríos asina exemplares da súa obra no espazo da Livraria Suévia.
13:00 h. Xosé Henrique Rivadulla Corcón asina exemplares da súa obra no espazo da Livraria Suévia.
18:30 h. Andrea Maceiras asina exemplares da súa obra no espazo da Livraria Suévia.
19:00 h. Mesa redonda: A poesía de mulleres en Galicia. Con Luz Campello García, Oriana Méndez, Dores Tembrás e Eva Veiga (coordinadora).

Propostas con premio: Oenach, de Marcos Abalde, por Ramón Nicolás

Entrevista de Ramón Nicolás a Marcos Abalde, no seu blogue Caderno da crítica:
“(…) Oenach, que resultou gañador da décimo cuarta convocatoria do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, cun xurado composto por Cristina Ferreiro, Xavier Rodríguez Baixeras e Miguel Mato Fondo, constituirá a súa próxima publicación. Velaquí un diálogo inspirado neste libro.
– Ramón Nicolás (RN): Até o de agora a súa presenza como autor adheríase ao mundo da dramaturxia. Oenach supón algo máis que un cambio de xénero?
– Marcos Abalde (MA): A mim interessa-me umha literatura dissidente no político e também no género. Que nom se saiba muito bem se foi escrita por umha mulher ou por um homem, se é poesia ou teatro. Como nos ensinam os e as trabalhadoras da outra beira do Mediterrâneo, o melhor que podemos fazer com as fronteiras é saltá-las. (…)
– RN: Daquela, cal é a poesía que máis lle interesa hoxe, como lector e como creador?
– MA: Eu tenho umha simpatia natural pola gente rabuda, por isso admiro umha literatura que seja capaz de se confrontar com o tabu, que questione umha língua danada polo fascismo. Umha literatura que se negue a emigrar, quer dizer, que a sua simples presença implique a revolta. Umha literatura ciente de sermos mais um elo dumha cadeia de geraçons emudecidas. Teresa Moure, Patrícia Janeiro, Olga Novo, Chus Pato, Vanesa Sotelo ou Eva Freixeira som alguns dos nomes que estám a expandir esta fraga indomável.”

Marcos Abalde gaña o XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, con Oenach

“En Sarria a 10 de maio de 2014.
Reuniuse o xuri do XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, composto por Cristina Ferreiro, Xavier Rodríguez Baixeras e Miguel Mato Fondo, actuando con voz e sen voto como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Francisco Pérez e como Secretaria a Presidenta de Ergueitos, María Casar.
Logo dunha intensa deliberación motivada pola cantidade e calidade dos poemarios presentados, o ditame final realizouse sobre dúas obras. A que acordamos por unanimidade é a gañadora desta edición do Fiz Vergara Vilariño, presentada baixo o lema Oenach e seudónimo Humus é a presentada baixo o lema Chegaron os xinetes das primeiras xeadas, da que aconsellamos a súa publicación.
Na obra gañadora, Oenach, destacamos a súa boa construción e alento poético, as recurrencias míticas e a denuncia da ignominia: Ceuta, Lampedusa, Tijuana, Guernika, San Simón… Hai neste libro unha feliz adaptación dun mito clásico á realidade histórica e social galega. Hai poesía e hai terra.
Aberta a plica en acto público ás 13:30 horas a obra presentada baixo o lema Oenach resultou ser da autoría de Marcos Abalde Covelo.”