Questionário fou(cinha): María N. Soutelo

EntrevistaNeves Soutelo a María N. Soutelo na Sega:
“(…) – A Sega (S): Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
– María N. Soutelo (MNS): Non teño fillxs. E, se teño tempo, adícoo máis á lectura que á escritura últimamente.
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– MNS: Escribo para quen queira ler(me). Pero si é certo que, ós poucos, voume centrando máis no público feminino. Non para tratar “temas de mulleres” entendido dende un punto de vista masculino (ese pequeno espazo rosa e cursi, cheo de beleza, sentimentos puros e sen reivindicacións que pretenden endilgarnos os escritoros…), pero si aquilo que nos preocupa, nos atinxe e nos move (ou debería movernos) como parte implicada nun sistema social e cultural claramente machista. (…)
– S: Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?
– MNS: Cada vez que mo pregunta(ro)n, contesto/ei con outra pregunta.
– S: Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?
– MNS: Unhas cantas. Pero dise poeta. Encárgome ben de recordarllo. (…)”

Cuestionario Proust: María N. Soutelo

DesdeNeves Soutelo o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a María N. Soutelo:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A incerteza, a insatisfacción.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A súa cordialidade e sinxeleza.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan calmadas, empáticas, sensibles, intelixentes e leais.
4.– A súa principal eiva?
– A indecisión, por veces.
5.– A súa ocupación favorita?
– Observar, observalo todo.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Conseguir un equilibrio entre o que se espera de min e o que eu mesma espero de todo isto.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Conformarme.
8.– Que lle gustaría ser?
– Feliz.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun no que o exercicio da política fose puramente vocacional, e a docencia, a escritura e as artes, profesións notablemente respectadas e recoñecidas.
10.– A súa cor favorita?
– A cor amarela dos cadros de Van Gogh.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O Iris Germanica.
12.– O paxaro que prefire?
– Aquel pequeno paporroibo que Tango e eu, no habitual paseo da tarde, rescatamos cunha á rota.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son unha devota demasiado fiel pero, se hei de nomear alguén, digo Proust, Murakami, Kawabata, Mishima, Woolf, Roy, Hui…
14.– E na poesía?
– Plath, Ribeiro, Pizarnik, Sexton, Torneiro, Knörr, Hughes, Lado, Penas,…
15.– Un libro?
– Só un?
16.– Un heroe de ficción?
– The Punisher, da Marvel.
17.– Unha heroína?
– Alicia, mil veces.
18.– A súa música favorita?
– A que me acompaña nas sesións de escritura, de lectura. A que me conmove.
19.– Na pintura?
– Andrey Remnev, Vilhelm Hammershoi, Frida Kahlo, os prerrafaelitas,…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– *s que (se) sobreviven.
21.– O seu nome favorito?
– O da primeira muller.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de non ser quen de limpar o que se enlixa.
23.– O que máis odia?
– A incapacidade (de moitos e moitas) de recoñecer e asumir os erros propios. A miña falta de fe.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Mal que ben e por moi detestable que resulte, toda figura histórica cumpriu unha función necesaria no seu momento, e para o conxunto da Historia.
25.– Un feito militar que admire?
– A batalla de Shiroyama, o 24 de Setembro de 1877.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A omnisciencia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– “Sería bello / ir por las calles con un cuchillo verde / y dando gritos hasta morir de frío”, como di Neruda. Así.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A emocionante montaña rusa da bipolaridade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles derivados da dor da perda.
30.– Un lema na súa vida?
– “Non existe o Ter, senón o Ser, un só Ser esixente ata o último alento, ata o afogo” (F. Kafka).”

María N. Soutelo: “Os obxectos non nos pertencen, nós pertencémoslles a eles, dunha forma fatal”

EntrevistaNeves Soutelo de Montse Dopico a María N. Soutelo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): “Realmente, pensa un, son todos estes obxectos/ os que me posúen e me atan. Pesan/ sobre min como pedras de decepción”. O poemario [Nestes Días] parte dunha mudanza de casa. Da consciencia da nosa relación cos obxectos. Por que?
– María N. Soutelo (MNS): Nestes Días comeza a escribirse no 2009, ó mesmo tempo que decido trasladarme de Compostela a Vigo. O trauma que supón o cambio, a dor do tránsito, a hostilidade dunha cidade nova e allea ao mapa emocional da memoria… Todo ese conxunto de situacións novas, malia que esperadas, son o xérmolo. En realidade, o importante non son os obxectos en si, senón aquilo e a aqueles e aquelas que representan e significan. Os obxectos non nos pertencen, nós pertencémoslles a eles, dunha forma fatal e tráxica, as máis das veces, atravesados por toda esa carga simbólica e emocional que lles dá forma. Que os imbúe dun poder inimaxinable sobre nós.
– MD: Mais, en realidade, o poemario fala de ausencia. Da “Dor esquecida/ de onde naces/ cando non te esperabamos?”. De que xeito?
– MNS: A ausencia pode experimentarse de moi diversas formas e por moi diversas razóns. Nestes Días fala desa ausencia que atormenta, dunha dor que non cesa, que sempre acompaña e sempre lacera. Dese calado depredador que nos asalta, as máis das veces, nos intres menos adecuados, cando non temos capacidade de defendernos.
– MD: Moi relacionado co anterior, Nestes Días enfróntase, tamén, á identidade: á busca do propio lugar, ante o espazo baleiro. En que sentido?
– MNS: Unha mudanza, o caos que xera (todo o noso pequeno Universo redúcese a unha manchea de caixas e bolsas esparexidas polos novos espazos), e as dúbidas ante o descoñecido levan, coido, necesariamente a unha reflexión sobre a propia identidade, sobre os nosos porqués e convicións. Lévannos a comezar case de cero. A reavaliar moitas das certezas que carrexamos dentro desas caixas. A necesidade de atopar un lugar de noso, de pertencer, é algo que levamos no ADN. Quen non precisa desa sensación de seguridade que unha presa de terra entre as mans nos outorga, para dar sentido ás nosas raíces? (…)”

Vigo: presentación de Espectros, de Rosa Enríquez

ORosa Enríquez por Eduardo Castro Bal sábado 28 de febreiro, ás 20:30 horas, na A. C. Bou Eva (Rúa Tercio de Fóra) de Vigo, Rosa Enríquez presenta o seu novo libro de poemas, Espectros, publicado pola editora O Figurante. No acto, xunto á autora, participan Elvira Riveiro, Rexina Vega e Neves Soutelo.