Cuestionario Proust: María N. Soutelo

DesdeNeves Soutelo o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a María N. Soutelo:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A incerteza, a insatisfacción.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A súa cordialidade e sinxeleza.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan calmadas, empáticas, sensibles, intelixentes e leais.
4.– A súa principal eiva?
– A indecisión, por veces.
5.– A súa ocupación favorita?
– Observar, observalo todo.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Conseguir un equilibrio entre o que se espera de min e o que eu mesma espero de todo isto.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Conformarme.
8.– Que lle gustaría ser?
– Feliz.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun no que o exercicio da política fose puramente vocacional, e a docencia, a escritura e as artes, profesións notablemente respectadas e recoñecidas.
10.– A súa cor favorita?
– A cor amarela dos cadros de Van Gogh.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O Iris Germanica.
12.– O paxaro que prefire?
– Aquel pequeno paporroibo que Tango e eu, no habitual paseo da tarde, rescatamos cunha á rota.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son unha devota demasiado fiel pero, se hei de nomear alguén, digo Proust, Murakami, Kawabata, Mishima, Woolf, Roy, Hui…
14.– E na poesía?
– Plath, Ribeiro, Pizarnik, Sexton, Torneiro, Knörr, Hughes, Lado, Penas,…
15.– Un libro?
– Só un?
16.– Un heroe de ficción?
– The Punisher, da Marvel.
17.– Unha heroína?
– Alicia, mil veces.
18.– A súa música favorita?
– A que me acompaña nas sesións de escritura, de lectura. A que me conmove.
19.– Na pintura?
– Andrey Remnev, Vilhelm Hammershoi, Frida Kahlo, os prerrafaelitas,…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– *s que (se) sobreviven.
21.– O seu nome favorito?
– O da primeira muller.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de non ser quen de limpar o que se enlixa.
23.– O que máis odia?
– A incapacidade (de moitos e moitas) de recoñecer e asumir os erros propios. A miña falta de fe.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Mal que ben e por moi detestable que resulte, toda figura histórica cumpriu unha función necesaria no seu momento, e para o conxunto da Historia.
25.– Un feito militar que admire?
– A batalla de Shiroyama, o 24 de Setembro de 1877.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A omnisciencia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– “Sería bello / ir por las calles con un cuchillo verde / y dando gritos hasta morir de frío”, como di Neruda. Así.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A emocionante montaña rusa da bipolaridade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles derivados da dor da perda.
30.– Un lema na súa vida?
– “Non existe o Ter, senón o Ser, un só Ser esixente ata o último alento, ata o afogo” (F. Kafka).”

María N. Soutelo: “Os obxectos non nos pertencen, nós pertencémoslles a eles, dunha forma fatal”

EntrevistaNeves Soutelo de Montse Dopico a María N. Soutelo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): “Realmente, pensa un, son todos estes obxectos/ os que me posúen e me atan. Pesan/ sobre min como pedras de decepción”. O poemario [Nestes Días] parte dunha mudanza de casa. Da consciencia da nosa relación cos obxectos. Por que?
– María N. Soutelo (MNS): Nestes Días comeza a escribirse no 2009, ó mesmo tempo que decido trasladarme de Compostela a Vigo. O trauma que supón o cambio, a dor do tránsito, a hostilidade dunha cidade nova e allea ao mapa emocional da memoria… Todo ese conxunto de situacións novas, malia que esperadas, son o xérmolo. En realidade, o importante non son os obxectos en si, senón aquilo e a aqueles e aquelas que representan e significan. Os obxectos non nos pertencen, nós pertencémoslles a eles, dunha forma fatal e tráxica, as máis das veces, atravesados por toda esa carga simbólica e emocional que lles dá forma. Que os imbúe dun poder inimaxinable sobre nós.
– MD: Mais, en realidade, o poemario fala de ausencia. Da “Dor esquecida/ de onde naces/ cando non te esperabamos?”. De que xeito?
– MNS: A ausencia pode experimentarse de moi diversas formas e por moi diversas razóns. Nestes Días fala desa ausencia que atormenta, dunha dor que non cesa, que sempre acompaña e sempre lacera. Dese calado depredador que nos asalta, as máis das veces, nos intres menos adecuados, cando non temos capacidade de defendernos.
– MD: Moi relacionado co anterior, Nestes Días enfróntase, tamén, á identidade: á busca do propio lugar, ante o espazo baleiro. En que sentido?
– MNS: Unha mudanza, o caos que xera (todo o noso pequeno Universo redúcese a unha manchea de caixas e bolsas esparexidas polos novos espazos), e as dúbidas ante o descoñecido levan, coido, necesariamente a unha reflexión sobre a propia identidade, sobre os nosos porqués e convicións. Lévannos a comezar case de cero. A reavaliar moitas das certezas que carrexamos dentro desas caixas. A necesidade de atopar un lugar de noso, de pertencer, é algo que levamos no ADN. Quen non precisa desa sensación de seguridade que unha presa de terra entre as mans nos outorga, para dar sentido ás nosas raíces? (…)”

Vigo: presentación de Espectros, de Rosa Enríquez

ORosa Enríquez por Eduardo Castro Bal sábado 28 de febreiro, ás 20:30 horas, na A. C. Bou Eva (Rúa Tercio de Fóra) de Vigo, Rosa Enríquez presenta o seu novo libro de poemas, Espectros, publicado pola editora O Figurante. No acto, xunto á autora, participan Elvira Riveiro, Rexina Vega e Neves Soutelo.

A Coruña: presentación de Nestes Días, de Neves Soutelo

O Neves Soutelosábado 22 de novembro, a partir das 11:00 horas, no estudio de fotografía de Andi Irrazábal (Rúa Poeta Trillo Figueroa, 9) da Coruña, preséntase Nestes Días, de Neves Soutelo, publicado pola Porta Verde do Sétimo Andar. No acto terá lugar un obradoiro de Escrita Creativa e un recital poético. O aforo máximo é de 15 persoas.