Xavier Senín: “María Victoria Moreno serve de exemplo para todas as persoas que somos galegas de nacemento”

Entrevista a Xavier Senín na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Foi tamén sementadora de futuro para a lingua, tanto coas súas obras como nas aulas que impartía a adolescentes. Pero tamén lles aprendeu lingua e literatura galega a outros docentes nos cursos en cuxa organización vostede participaba a comezos dos anos 80. Como foi ese primeiro contacto? Como deu con ela?
– Xavier Senín (XS): Foi nunha reunión na que estabamos a programar os cursos de formación do profesorado. Buscabamos xente para impartilos e foi Rosario Álvarez, hoxe académica, quen a mencionou. “Foi profesora miña e é moi boa”, dixo. A min non se me ocorrera, pero quedei encantado coa proposta, e despois tamén quedou encantado con ela o seu alumnado. (…)
– RAG: A primeira novela de María Victoria Moreno é un libro para adultos, escrito aínda en castelán e publicado en galego por vostede baixo o título Onde o aire non era brisa. Pero ela deixou dito que decidiu dedicarse como escritora á literatura infantil e xuvenil (LIX). Tivo ocasión de falar con ela sobre esta escolla? Pensa que se vivise máis tería regresado á narrativa para adultos?
– XS: O que é evidente é que ela sabía escribir. Eu sosteño que se escribes para adultos non tes condicionante ningún, pero se escribes para rapazas e rapaces si que os tes. Recordo ver na súa casa o orixinal de Onde o aire non era brisa, titulado Alcores de Donalvar, que quedara finalista no Premio Café Gijón en 1969. Díxenlle: “Victoria, poderías mirar…”. “Non, é de hai moito tempo e agora estou dedicada á literatura infantil e xuvenil, non quero saber nada disto”, respondeu. Foi despois, xa casada con Pedro [Ferriol], cando el a convenceu de que enviase esta obra ao premio do Concello de Monleón de 2005, que acabou gañando. Pero ela foi absolutamente consciente de que o que se necesitaba en Galicia era escribir literatura para os nenos e nenas, porque había pouca, e polo tanto ela centrouse niso.
– RAG: Foi daquela unha decisión premeditada desde a responsabilidade?
– XS: Si, efectivamente, a responsabilidade está claro que a tiña. Podería falar e escribir en castelán pero decidiu facer toda a súa vida en galego. Foi unha determinación como escritora, mais tamén como tradutora, porque hai que dicir que practicamente todo o que traduciu é literatura infantil e xuvenil. (…)
– RAG: Pero foi suficientemente valorada pola crítica ou aínda é unha autora por descubir nese eido?
– XS: Chama a atención que nalgún momento algunhas das súas obras pasasen desapercibidas, pero a continuación hai que dicir que non só lle pasou a ela, senón a moita xente que escribía literatura infantil e xuvenil. Pero non só por parte da crítica, senón tamén por parte dos compañeiros. Os escritores e escritoras de literatura imos dicir para adultos, ou sen marcar, a literatura infantil e xuvenil tíñana como unha literatura de segunda. Era así e era inxusto, e ao final, que pasou? Que toda esta xente tivo recoñecementos fóra. No ano 1989, María Victoria e Paco Martín participaron nunha exposición do libro infantil e xuvenil en galego que se celebrou no lugar máis importante en España naquel momento para a LIX, a Fundación Germán Sánchez Ruipérez (Salamanca); fíxose unha exposición que se titulou Galicia no país das marabillas, que era Galicia nos seus libros para nenos e nenas. Alí tamén estiveron Antonio García Teijeiro, Agustín Fernández Paz, Xabier DoCampo… (…)”

Arteixo: entrega de premios do Certame literario Manuel Murguía

Desde O levantador de minas:
“Reunido o xurado, a organización do Certame anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 11 de maio, venres, ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo.
Reunido o xurado, composto por Begoña Paz (escritora representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Mario Regueira (crítico representante da Asociación Galega da Crítica), Teresa Moure (gañadora da 26ª edición) e Alfredo Ferreiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (agora por orde alfabética de autora):
Bochorno, de Charo Pita.
Unha praia na Polinesia, de Mercedes Leobalde García.
A Porta do Reconhecimento, de Tiago Alves Costa.
De todos os relatos recibidos, 63 foron admitidos a concurso por cumpriren estritamente as bases. Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000 € para o primeiro, 500 € para o segundo e 300 € para o terceiro.
A coordinación agradece un ano máis a presenza no xurado dun membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como outro da Asociación Galega da Crítica, feito que contribúe a alicerzar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego.
O acto de entrega ofrecerá ademais outros alicientes para todos os asistentes: a actuación musical de Aida Saco, compositora que interpretará a piano pezas do seu disco Atmosferas; ao mesmo tempo, o humorista gráfico Luís Davila nos deleitará cos seus deseños proxectados en directo. Rematado o acto, ofrecerase un viño de honra como fin de festa.
O evento incluirá unha lembranza da figura de María Victoria Moreno, escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.”

Isabel Soto e Xavier Senín publican María Victoria Moreno. Sementadora de futuro

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“‘Ela apostou polo xénero conscientemente en galego e fíxoo cunhas obras que no seu contexto son totalmente innovadoras’. Isabel Soto e Xavier Senín publican en Xerais a obra María Victoria Moreno. Sementadora de futuro. A entrevista pode escoitarse aquí.”

“Renacer á descuberta das palabras”

Artigo de María Obelleiro en Sermos Galiza:
“De Nós. Monografías con perspectiva galega, a nova cabeceira que lanzou Sermos Galiza S.A. neste 2018, edita un novo número, dedicado á figura de María Victoria Moreno, a quen a Real Academia Galega decidiu homenaxear o Día das Letras Galegas do presente ano. Afondamos nunha publicación que, dado o seu valor literario e divulgativo, ficará na memoria.
Coordinado por Mercedes Queixas e Cesáreo Sánchez, secretaria e presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), sae do prelo o segundo número de De Nós. Monografías con perspectiva galega, a nova cabeceira editada por Sermos Galiza, S.A. con motivo do inicio de 2018. A través de oito textos, preténdese achegar unha idea de conxunto de quen foi María Victoria Moreno, explica Mercedes Queixas, quen sinala que o monográfico “recompila un breve argumentario expositivo dun perfil humano e literario moi amplo, moi diverso e moi vizoso que pode axudar a entender a calquera persoa cales foron as razóns que levaron a Academia a decidir que o Día das Letras Galegas de 2018 se centrase no coñecemento e na recuperación da figura de Mª Victoria Moreno, a cuarta muller en 55 anos de historia do Día das Letras Galegas”.
A coordinadora deste volume pon de manifesto que esta é unha “oportunidade histórica” para “recuperar unha voz da literatura galega que marcou moito o propio sistema literario” e advirte de que “quen a descobre por vez primeira percibe unha voz absolutamente en tempo presente, co cal se conclúe o seu carácter pioneiro, vangardista, adiantado do seu momento vital e de creación literaria”. “Unha muller culta que era coñecedora dos procesos de escritas e das inquedanzas culturais doutros países e que ela sempre intentaba importar para reactualizar conforme o noso propio criterio para a literatura galega”, engade.
Os textos
“O lectorado vai atopar oito colaboracións en que participan persoas moi achegadas a Mª Victoria e que conviviron con ela, mesmo nalgún caso sendo alumna –como é Fina Casalderrey– ou compartindo con ela proxectos comúns, como Antonio García Teijeiro, quen, xunto David Otero e a homenaxeada, foron responsábeis da posta en andamento da colección Árbore da editorial Galaxia, que era moi punteira á hora de difundir a literatura infantil e xuvenil en galego”, explica. “Vai atopar tamén colaboracións de persoas estudosas e biógrafas como Eli Ríos, quen fixera a primeira biografía adaptada a todos os públicos da editorial Urco, e agora tamén Montse Pena Presas, que presentou biografía de Mª Victoria Moreno en Galaxia este mesmo ano. Tamén vai atopar colaboracións de estudosas da obra ás que lles pedimos que fixesen un proceso de relectura e interpretación”, engade. Refírese a Susana Sánchez Arins, que se mergulla en Guedellas de seda e liño; a Marta Dacosta, que interpreta o conxunto da poesía ou a Carme Vidal, cunha análise do diario de enfermidade de Mª Victoria Moreno, Diario da luz e a sombra, un dos poucos exemplos dunha escrita biográfica destas características. Ademais, Mercedes Queixas asina unha peza en que analiza algunhas personaxes femininas poderosas na obra da escritora, “máxime se temos en conta as datas en que foron escritas”. Refírese ás claves feministas, de igualdade e de xustiza social de Onde o aire non era brisa e de Anagnórise.
Con esta monografía, salienta Queixas, que fai un especial énfase en agradecerlle á familia da homenaxeada a súa colaboración, “tratamos de convencer o noso lectorado para que unha vez remate o volume se incorpore á lectura da obra directa e viva de Mª Victoria Moreno”. (…)”

Doce cartas a María Victoria, de Ánxela Gracián

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Seguimos falando de María Victoria Moreno, e de como achegar a súa figura aos mais novos. Estamos xa con Ánxela Gracián, autora de Doce cartas a María Victoria. A entrevista pode verse aquí.”

Feira do Libro de Santiago: actividades destacadas do 5 e 6 de maio

O domingo 6 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado e domingo:

Sábado 5
13:00 h. Cata poética. Duelo de viños: Rioja e Ribeira Sacra por Agranola, con poemas de Ramón Blanco Fernández.
19:00 h. Ánxela Gracián e Antonio Seijas asinan exemplares de Doce cartas a María Victoria Moreno, publicado por Hércules de Edicións, na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. José Luis Casteleiro, Miguel García Seoane e Carlos Sardiña asinan exemplares de Galicia inmaterial, Galicia máxica, na caseta da Libraría Ler A Pobra.
20:00 h. Presentación de Amor por catro, de Helena Villar Janeiro, publicado por Galaxia. No acto, xunto á autora, participa Francisco Castro.

Domingo 6
12:00 h. Obradoiro express de escrita creativa, con Andrea Barreira. A partir de 11 anos.
18:00 h. Actuación infantil Cantares das Letras, de Rosalía a María Victoria Moreno, de Luís Vallecillo.
19:30 h. Palabras Vivas con Poesía en feminino. 20 poemas, de Ana Romaní, Esther Carrodeguas, Fátima Núñez, María do Cebreiro e Marilar Aleixandre.