Mario Regueira: “É meritorio que en momentos adversos a literatura galega destaque máis aló das nosas fronteiras”

Entrevista a Mario Regueira en Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Vén de gañar o premio Lueiro Rey de xornalismo e, hai un ano, o Illas Sisargas de poesía erótica. Está no seu mellor momento creativo?
– Mario Regueira (MR): Gañar premios sempre é unha satisfacción, pero hai que recoñecer que non sempre son un indicativo moi fiábel do nivel creativo dun autor. Pode ser tamén porque moitas veces pensamos na posibilidade de ter grandes momentos de inspiración e esquecemos todas as cousas cotiás nas que a creatividade está inserida. Neste caso concreto, máis que dun estado de graza, estes premios son a consecuencia do meu retorno á actividade da escrita creativa, despois duns anos afastado dela pola enfermidade dun familiar e pola intensidade que requiriu acabar os meus estudos de doutoramento. Diría máis ben que os textos destes anos son os produtos dun goce recobrado, se cadra encarado dunha forma moito máis lúdica e atrevida que antes e nos que non me sorprendería que se note esa alegría mesturada co alivio que supón o reencontro cunha paixón.
– DF: Desde hai anos compatibiliza a creación coa crítica. É doado de levar o de estar nas dúas beiras?
– MR: Doado ou non, sempre defendín que é inevitábel, para os autores, estar nas dúas beiras. Porque non toda a crítica se dedica a escribir, pero non hai dúbida de que toda a xente que escribe se dedica, en certa medida, á crítica. De forma pública ou privada, ou de xeito máis ou menos consciente, pero todos os escritores escollen as súas influencias, len os coetáneos, opinan sobre outras formas de escrita e toman posición nese campo de xogo. É algo inherente ao feito de escribir aínda que por suposto non é imprescindíbel facelo cunha dimensión profesional. De feito, son moitas as figuras autoriais que, ao longo da historia, asinaron tamén traballos de crítica que hoxe case ninguén lembra. No meu caso, si está relacionado coa tentativa de facer da literatura a miña actividade principal. A crítica é unha consecuencia dos meus estudos en teoría literaria e, nese sentido, sempre tratei de exercela cun gran sentido da responsabilidade e da obxectividade. Recoñezo tamén que durante moito tempo foi unha escusa para poder ler e obrigarme a analizar as cousas que lía.
– DF: Nas últimas semanas déronse a coñecer os gañadores dos premios estatais nos diferentes xéneros, e hai nomes galegos. Cre que a literatura galega está no seu mellor momento?
– MR: A situación da literatura escrita en galego é enormemente desigual, xa non coa do castelán, senón mesmo coa das outras linguas do Estado. Non sabería dicir se vivimos un momento moito mellor que outros anteriores, pois tampouco é a primeira vez que autores e autoras son premiadas a nivel estatal e internacional. O que si teño claro é que é moi meritorio que mesmo nos momentos máis adversos, o proxecto común ao que chamamos literatura galega conseguise destacar moitas veces máis aló das nosas fronteiras, influíndo e mesmo abríndolles camiños innovadores ás outras literaturas peninsulares. É meritorio porque é enormemente inesperado e demostra unha vitalidade e unha vontade de permanencia que son o mellor valor que temos. Naturalmente, isto non debe facernos perder a perspectiva de que son logros feitos con moitas cousas en contra, con escaso ou nulo apoio institucional e baseados moitas veces en entusiasmos e complicidades dun pequeno número de persoas. (…)”

Tabela dos libros. Novembro de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns do mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Mario Regueira, gañador do III Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

Desde Sermos Galiza:
“O escritor, crítico literario Mario Regueira, é o gañador da terceira edición do Premio de Xornalismo Lueiro Rey, convocado polo Concello de Fornelo de Montes. O artigo “Matar o recadeiro” foi o elixido polo xurado, que destaca como se aborda “con espíritu crítico unha realidade contemporánea laboral como é a das persoas que teñen que empregarse como ‘recadeiros’ – tamén chamados ‘riders’- baixo condicións absolutamente escravistas e vinculado coa aparición de novas formas de capitalismo”.
Eis o artigo:

Matar o recadeiro
Sería fermoso poder dicir que apareceron como unha bandada de paxaros amarelos. Pero non hai imaxe que os acolla con facilidade. Tampouco teñen un nome claro: algúns chámanlles riders, aínda que sempre lembro con ironía que a primeira que atopei na miña cidade non cabalgaba moto nin bicicleta nin cabalo. Subía pesadamente unha costa empinada cunha enorme mochila ás costas. Nela, estampado, o nome dun servizo de delivery, outro estranxeirismo que evidencia como a aparición desta nova forma de traballo colleunos, aparentemente, co pé cambiado, que nin nomes propios temos. Seguramente un acaido sexa recadeiros. No fondo, o que fan estes novos servizos é iso mesmo, facer recados que non teñen que limitarse, nin polo contido nin polo medio, a levar comida.
Os recadeiros están para calquera cousa, prestan un servizo que hai anos pensaríamos que é prohibitivo pero que agora mesmo parece ao alcance de calquera. Teño visto con moita sorpresa como, mesmo nunha pequena cidade galega, é cada vez máis frecuente cruzarse con eles e os seus logotipos. Ter unha hamburguesa do teu restaurante favorito, cervexa fría se chegan visitas, xeo para un combinado… é tan doado como chamar ou empregar a app e unha desas persoas con grandes mochilas aparecerá na nosa porta. E poderíamos pensar, como se repite moitas veces, que é a tecnoloxía a que permite isto, que antes de estar interconectados e ter aplicacións no móbil para todo isto non sería posíbel. Teño visto algún destes recadeiros sentado na rúa, tomando algo de comida rápida mentres mira ansiosamente o teléfono por se entra unha nova encomenda. Ser recadeiro implica tamén estar atento á demanda, sexa a hora que sexa e aínda que a túa propia hamburguesa quede a medio comer.
Hai anos unha amiga economista falábame dos indicios indirectos da situación económica. Seica en épocas de bonanza a xente é máis indulxente á hora de mercar doces e a moral admite prendas máis curtas que durante as crises. Os vellos economistas crían poder percibir a marcha das cousas cunha simple ollada superficial aos carros da compra ou ás saias das rapazas. Pregúntome que papel ten a irrupción dos recadeiros nas nosas vidas, que indicio económico espertan, e se son, como moita xente di, unha bandada de paxaros, un signo de bonanza económica.
A comezos da primavera deste ano, un deses riders (este si que levaba moto) morreu nun accidente de tráfico na cidade de Barcelona. Este feito trouxo á primeira plana varias cousas que sospeitabamos. Os recadeiros non son empregados de ningunha empresa, nin sequera a dese logotipo enorme que cargan ás costas, e que, en certo sentido, tamén os despersonaliza. A maior parte traballan baixo a figura de falso autónomo e a súa relación laboral coas plataformas de delivery segue a discutirse nos tribunais, con sentencias contraditorias. De ser recoñecida, aínda habería que repasar en que condicións desenvolven o seu traballo e se vulnera, por razón de salario ou horario, outros aspectos da lexislación laboral.
Pero non podemos enganarnos, non é a tecnoloxía e o mundo interconectado o que produce esa bandada polas rúas das nosas cidades. O que sostén o negocio dos recadeiros é a falta de regulación e a tolerancia a formas de negocio que hai anos entenderíamos que rozan o escravismo. Que algo sexa posíbel non quere dicir que sexa xusto, como non é xusto que a comodidade duns poucos e as miraxes de bonanza dos outros se baseen en matar o recadeiro.”

“Que facer coa literatura”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A reentrada ao curso literario adoita ser tempo de promoción editorial, anuncio de bos propósitos, reactivación de ciclo após os meses de verán. Pero tamén pode servir para facer mínimo balanzo e trazar vías cara ao futuro inmediato. A esta última vontade responden as persoas consultadas ao respecto por Sermos Galiza, quen trazan un conciso estado da cuestión no inicio do outono.
“Estamos nun momento creativo de grande calidade creativa”, afirma, sen dubidar, Cesáreo Sánchez Iglesias (O Irixo, 1951), “cualitativa e cuantitativamente. Moi por riba das posibilidades estruturais, sexan estas empresariais ou institucionais”. Poeta e presidente da Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega (AELG), detecta os problemas principais nas condicións de produción: o adelgazamento editorial, os baixos índices de lectura, as políticas públicas. Pero, desde unha perspectiva sistémica, esas non impiden que a escrita literaria sexa, ao seu ver, “un territorio gañado para a normalidade”.
A ollada de Sánchez Iglesias, literatura en perfecto estado de forma pero deficiencias de contexto, é dominante no sector, pero non única. A escritora Eva Moreda (A Veiga, 1981), residente en Glasgow onde é profesora de musicoloxía na universidade, disinte. Opina como crítica –publica as súas recensións no portal Biosbardia– e sobre narrativa. “Vexo unha especie de tirar para adiante que desconcerta”, di nun correo electrónico, “cada mes saen novelas, son promocionadas dentro das posibilidades de cada editora, recensionadas en catro medios con grandes loanzas raramente xustificadas desde a análise da técnica literaria, logo para o mes chega outra tanda de novelas e volve comezar o círculo”.
Moreda, autora de A Veiga é como un tempo distinto (2011), percibe ademais repertorios comúns hexemónicos: son libros “doados de ler”, con pegadas de literatura popular e “con mensaxe encadrada en certos temas candentes e coordenadas ideolóxicas en que se supón se sitúa o lector medio”. É a procura do mainstream, sintetiza, “nun panorama de precariedade empresarial”.
Esa certa homoxeinización estética tamén a nota o escritor Mario Regueira (Ferrol, 1979), ademais crítico de libros neste semanario. E enlázaa coa paisaxe editorial, ao seu ver atrapada no “bipartidismo” que marca “liñas moi determinadas” ás veces sorteábeis grazas aos premios literarios que implican publicación da obra. Refírese en concreto ás dúas editoras máis grandes, Xerais e Galaxia, que, esténdese, “teñen cousas moi boas pero tamén dinámicas que acaban por pexar o campo de xogo”. A cuestión normativa é a que lle vén á cabeza en primeiro lugar. (…)”

Tabela dos libros. Setembro de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis, comeza a andaina da Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Tabela dos libros. Xuño de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a derradeira Tabela dos Libros deste curso, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Vaia para eles catro o meu máis fondo agradecemento por, un ano máis, ter prestado a súa axuda xenerosamente e facer posible esta sección.
Boas vacacións e felices lecturas!”

Compostela: Diálogo con Pilar Pallarés e Antón Lopo, Premios da Crítica 2018

O 28 de maio, ás 20:00 horas, na Rúa do Vilar, 19, terá lugar o acto de entrega dos Premios da Crítica 2018, en lingua galega, na modalidade de narrativa e poesía, organizado pola Asociación Galega da Crítica (AGC) coa colaboración do Ateneo de Santiago.
Estes premios concédeos a Asociación Española de Críticos Literarios dende 1956 e outórganse aos mellores libros de narrativa e poesía publicados no ano anterior, tanto en castelán como en galego, euskera e catalán. A decisión do xurado dos Premios da Crítica deuse a coñecer en Vilafranca do Bierzo o pasado día 6 de abril. A proposta da Asociación Galega da Crítica, este ano o fallo recaeu no poemario Tempo fósil de Pilar Pallarés e na novela Extraordinario de Antón Lopo.
O acto consistirá no seguinte:
– Intervención de apertura do acto por Salvador García-Bodaño, Presidente do Ateneo de Santiago, e Mario Regueira, Presidente da Asociación Galega da Crítica.
-Presentación da obra Tempo fósil por Carme Fernández-Pérez Sanjulián.
-Intervención de Pilar Pallarés.
-Presentación da obra Extraordinario por Ana Romaní.
-Intervención de Antón Lopo.
-Entrega dos premios.
-Intervención de clausura do acto.