O feminismo como motor da obra literaria de Begoña Caamaño

Entrevista de Manuel Xestoso a Marta Dacosta e Marga do Val en Nós Diario:
“(…) “En moitas ocasións denígrase a vocación política como motor da literatura, nunha contradición manifesta coa vontade das autoras. Sucedeu por exemplo, con Luísa Villalta, sobre a que se elaboraron moitos discursos que puñan o foco naqueles aspectos menos controvertidos da súa obra. Non queremos que suceda isto con Begoña Caamaño, quen declarou por activa e por pasiva que a súa militancia feminista e a prol da lingua galega facía parte indisolúbel da súa obra literaria”.
A escritora Marta Dacosta falaba así con Nós Diario sobre a autora de Morgana en Esmelle pouco antes da súa intervención na palestra Feminismo e literatura. O compromiso na escrita feminina. O exemplo de Begoña Caamaño, que tivo lugar onte no Centro Sociocultural das Fontiñas, en Compostela e na que interviron Marga Do Val e a propia Dacosta. O acto, segundo esta última, tiña vontade divulgativa, “queremos dar a coñecer a figura de Caamaño en todas as súas moitas facetas. Ela sempre se declarou feminista e aplicou esa definición tanto ao seu traballo de activista como a toda a súa obra literaria”.
Caamaño foi unha das promotoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación (MUGACOM), e militou en Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) e na Marcha Mundial das Mulleres -organizadora do acto de onte-, polo que salientar esta faceta da súa figura resulta fundamental para comprender a globalidade do seu traballo creativo.
As dúas novelas polas que é máis coñecida Caamaño inciden nesa necesidade de ter presente o seu compromiso á hora de avaliar a súa obra. Marga Do Val explica que “Circe ou o pracer do azul revisa a mitoloxía grega desde un punto de vista feminista; Morgana en Esmelle enlaza a materia de Bretaña co mundo de Cunqueiro, desde unha mirada feminina que opón os roles de Morgana e de Viviana aos propósitos e intencións de Merlín”.
Do Val inscribe ese proxecto de “reescribir” os mitos desde a óptica feminina nunha corrente que remonta á novela de Christine Brückner Se tiveses falado, Desdémona, ou a algunhas obras de María Xosé Queizán ou de Xohana Torres, en cuxos versos se apoia Caamaño. (…)”

Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2026 en Vigo

Estas son algunhas das fotografías do acto en Vigo do Día de Rosalía de Castro 2026, que tivo lugar o 23 de febreiro, ás 17:30 horas, na Imprenta de Juan Compañel e Centro Social A Revolta, coorganizado entre a AELG e a Asociación Cultural O Castro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.