“O VI Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, xa ten obras gañadoras.
O pasado mércores, 22 de novembro, o xurado formado por Armando Requeixo, Xosé Otero Canto e Maurizio Polsinelli acordou por maioría de votos o seguinte fallo:
1º PREMIO para Xurxo Alonso García, pola obra Non deixedes na mesa nin leite nin pan, da cal o xurado destacou que é un poemario onde a palabra xorde como unha fervenza que escorrega polo regueiro da ausencia.
2º PREMIO para Paulino Peña Álvarez, pola obra Vaira e Cristal, da que dixo o xurado que se trataba dun poemario en verso breve que destaca pola capacidade de entregar ao lector unha memoria aínda intacta de vivencias pasadas, grazas tamén á eficacia dunha linguaxe culta e refinada.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro 2 de decembro, a partir das 12 h., no local social de Pino.”
Arquivos da etiqueta: Maurizio Polsinelli
A Coruña: actividades do 3 de agosto na Feira do Libro 2023
Ourense: actividades do 9 de xuño da Feira do Libro 2023
Maurizio Polsinelli: “Díaz Castro colocou Galiza no meu mapa conceptual inoculando a necesidade da beleza”
Entrevista de Laura Veiga a Maurizio Polsinelli en Nós Diario:
“Maurizio Polsinelli, músico de orixe italiana, vén de dar un empuxón á súa vocación poética coa publicación de O deber do lume (Medulia). Polsinelli repasa as lembranzas que compoñen esta obra e a inspiración que atopou entre algúns poetas en lingua galega: “Podo dicir con seguridade que Díaz Castro colocou Galiza no meu mapa conceptual porque é quen de inocularte na forte necesidade de beleza”, salienta.
– Nós Diario (ND): Como comezou a escribir O deber do lume?
Naceu desde unha memoria allea. Carmen Penim, a miña compañeira, ten moita paixón á hora de contar as cousas e de revivir o seu pasado. Isto, co tempo, lévache a experimentar a súa propia nenez como se fose a túa. Cheguei a un punto no que as mesmas lembranzas do seu pasado acababan mesturadas e entretecidas co meu, no que xa non podía distinguir con total seguridade o que vin e o que vivín eu dos feitos que me contou ela. Esta confusión dalgún modo levoume a procurar unha orde, unha claridade. Puntualizar o que é seu e o que é meu.
O bo da poesía é que despois de escribir xa non es o mesmo que se non o escribiras. Ese pasado que me contou Carmiña, que me é alleo, co proceso de escrita pasa a facer parte da miña vida. Xa non é importante distinguir a miña infancia totalmente distinta en Roma, da que viviu ela en Meaus. Non é preciso colocar cancelas na memoria que distingan a fontiña de Meaus das fontes monumentais de Roma. A escrita o que ten que facer é buscar o universal e é nese punto onde nace este poemario.
Dalgún modo tiven que liberarme e pór por escrito relatos de Carmiña, na súa infancia e no Couto Mixto. O deber do lume é unha especie de biografía lírica que está claramente contaminada polo eu poético, pola miña infancia na Roma máis urbana e pola miña memoria e experiencia persoal dos lugares onde ela se criou. (…)
Baiona: presentación de O deber do lume, de Maurizio Polsinelli
Fallo do V Certame de Poesía Torre de Caldaloba
Desde CulturaliaGZ:
“O pasado venres, 11 de novembro, celebrouse a xuntanza do xurado do V Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ e a Xunta de Galicia, e acordou conceder por maioría de votos o seguinte fallo:
1º Premio: Cartografía dos tránsitos, de Maurizio Polsinelli.
2º Premio: Caeiro, de María Mercedes Rodríguez Bolaño.
Da obra gañadora, Cartografía dos tránsitos, o xurado salientou que se trata dun traballo artesanal da palabra poética, dentro dunha proposta desenvolvida con técnica e elegancia. Ademais de destacar a súa riqueza en recursos expresivos e referencias cultas e evocadoras, acaídas con moi acertada habilidade. Estruturalmente equilibrado e cunha excelente musicalidade.
De Caeiro citou a súa plasticidade e emprego de imaxes poderosas. En ocasións presenta un ritmo sincopado, e unha contención que evita a saturación ornamental, cunha forza metafórica suxestiva.
O xurado estivo integrado por Adolfina Mesa, artista multidisciplinar; Andrea Fernández Maneiro, escritora e gañadora da pasada edición do certame; Armando Requeixo, escritor, profesor e crítico literario; Beatriz Dourado, escritora e profesora, e Xosé Otero Canto, escritor e profesor.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado, 19 de novembro, ás 18:00 h. no local social de Pino, onde previamente, ás 17:00 h., se realizará a inauguración da Biblioteca Rural de San Martiño de Pino.”