Alberto González-Garcés: “Os meus relatos teñen optimismo e esperanza”

Entrevista de Jorge Lamas a Alberto González-Garcés en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Por que este libro [Somos o que imaxinamos]?
– Alberto González Garcés (AG): Coa pandemia e coa miña xubilación decateime do valor do tempo. A partir de aí, tiven tempo para pensar, reflexionar, divertirme e escribir. Comecei por un libro de poemas, Alta mar, mar aberta (Medulia Editorial, 2023). Despois, seguín dándolle voltas a unhas notas de cousas que non sei moi ben se me pasaron ou se as imaxinei, e decidín escribilas.
– LVG: De aí o título?
– AG: Si, partín desa reflexión que fala do pasado coma dun país estraño. Cando estás pensando nel, no sabes moi ben se o que lembras do pasado foi así ou doutra maneira porque lle metes uns chiscos de imaxinación. Sen o coñecemento do pasado non hai cultura, pero, como dicía Nélida Piñón, sen a imaxinación non hai grandeza. Despois, lendo a numerosos escritores, cheguei á reflexión de que o mundo é enorme e acontecen moitas cousas nel, pero todas as cousas que suceden, pásanme a min agora. Por outra banda, a xente que eu coñezo pasa a vida predicindo o futuro, imaxinando que vai ser o futuro. Somos e queremos ser o que imaxinamos. De aí o título. Son cousas que todo o mundo pensa. O que fixen neste libro é darlle forma, baseándome en experiencias que vou transformando coa miña imaxinación.
– LVG: Son relatos moi variados, pero teñen un elemento optimista en común. Concorda?
– AG: Si, teñen optimismo e esperanza, con elas da gusto vivir, aínda que tamén son realistas. Nestes relatos hai unha dose alta de realismo, pero, en ocasións, transformado pola imaxinación. (…)”

“O presidente da RAG salienta que o galego non é unha lingua local e defende a irmandade co portugués para gañar proxección exterior”

Desde a Real Academia Galega (foto da entidade):
“O galego é “unha marca de modernidade que nos sitúa no mundo e nos dá algo fundamental: identidade de noso”. Pero a esta utilidade interior súmaselle en plena globalización a “utilidade na dimensión exterior, na capacidade de relacionarse con outros espazos e culturas”, salientou o presidente da Real Academia Galega desde o Brasil, no relatorio que pronunciou na Universidade Federal Fluminense (Niterói). Víctor F. Freixanes defendeu así que o galego “non é un idioma local” e reivindicou, sen renunciar á lingua propia, a irmandade co portugués para potenciar a proxección exterior de Galicia e da súa cultura. O presidente participou con esta mensaxe na xornada inaugural do “I Seminário Internacional para Estudos Lingüísticos. Galego e Português: o passado presente”, dentro da axenda da viaxe institucional a Brasil que continuou cun encontro cos membros da Academia Brasileira de Letras.
O seminario, organizado polo Núcleo de Estudos Galegos da Universidade Federal Fluminense, xuntou expertos en lingua galega e portuguesa de institucións ás dúas beiras do Atlántico. Víctor F. Freixanes interveu no acto inaugural -ao que lle puxeron música Uxía e Sérgio Tannus- e pronunciou unha conferencia na que, tras unha breve presentación da RAG e a súas funcións, analizou a situación do galego ante o espazo da comunicación en lingua portuguesa, nun contexto marcado polos desafíos da globalización.
A cultura galega, cun mercado interior pequeno, non debe apoiar a súa estratexia no cuantitativo, senón na excelencia e na “creatividade e a capacidade de comunicación” para incrementar a súa proxección exterior. Neste reto conta co apoio da proximidade do galego ao portugués, que debe ser aproveitada, defendeu o presidente da Academia. “A lingua dános un sitio no mundo. Dende a lingua galega, con ben pouco esforzo, eses rapaces e rapazas do novo século, os novos creadores, póñense en comunicación con centos de millóns de persoas en diversos continentes da man da gran familia galego-portuguesa. Neste punto é onde temos a obriga de profundar para non perder as oportunidades, mesmo facendo pedagoxía social entre nós, porque non todos os galegos e galegas son conscientes desta riqueza”, valorou.
Cómpre tamén unha maior colaboración desde o ámbito educativo e unha “estratexia ambiciosa” por parte dos responsables da realidade política, cultural e institucional, engadiu Víctor F. Freixanes. “Temos que reivindicar o portugués nas escolas como lingua irmá. Non para substituír o galego, senón para apoiarnos nel cara á proxección exterior á que fago referencia”, detallou o responsable da RAG, que lamentou a escasa implantación do portugués nas escolas e institutos, malia a aprobación por unanimidade no Parlamento de Galicia, en 2014, da denominada Lei Paz Andrade.
Víctor F. Freixanes defendeu igualmente a necesidade de desenvolver “maiores e mellores comunicacións de todo tipo” cos territorios de fala portuguesa, desde Portugal ou Angola ata o Brasil. Este último foi o país que acolleu a finais do século XIX e comezos do XX a tantos galegos que construíron as súas vidas á outra beira do Atlántico “sen deixar de falar nunca galego”. Foi o caso, lembrou, dos pais da escritora galego-portuguesa Nélida Piñon ou do proxenitor do protagonista do Día das Letras Galegas 2019, todos eles naturais de Cotobade.
O pai de Antonio Fraguas traballou como canteiro precisamente en Niterói, sede do foro sobre o pasado, o presente e o futuro da relación entre o galego e o portugués no que tamén participaron os académicos e catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela Henrique Monteagudo e Rosario Álvarez. O coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG impartiu onte unha conferencia sobre o proceso de individuación do galego e compartiu coa coordinadora da Sección de Lingua un seminario sobe dialectoloxía histórica do galego.
A axenda de actos dos membros da Academia arrincou cun coloquio sobre a lingua e a cultura galegas na Universidade Federal do Rio de Janeiro. Víctor F. Freixanes, Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo foron presentados polo presidente da Academia Brasileira de Letras (ABL), Marco Lucchesi, quen os recibirá no tradicional “chá dos académicos” que esta institución celebra todos os xoves. A xuntanza tivo lugar cinco meses despois de que a RAG e a ABL asinasen na Coruña un acordo de amizade e colaboración para estreitaren a relación entre a área cultural e lingüística galega e a brasileira.”

Nexos convida a… Nélida Piñón

Nexos convida… Nélida Piñonvolve neste 2016 para conversar con figuras de recoñecido prestixio das letras, as artes e o pensamento. O martes 4 de outubro, a partir das 18:30 horas, na Cidade da Cultura de Compostela, terá lugar un diálogo íntimo e directo con Nélida Piñón, Premio Príncipe de Asturias 2005. Da man da profesora de Literatura Galega, Dolores Vilavedra, Nélida Piñón fará na Sala Eisenman un repaso pola súa traxectoria literaria e vital. A entrada é de balde previa inscrición aquí.

Ourense: actividades destacadas do 82 Congreso PEN Erguendo pontes literarias do mércores 28

Dentrocongreso-pen-ourense-2016 do programa do 82 Congreso do PEN Clube, Erguendo pontes literarias, terá lugar en Ourense a seguinte actividade destacada o mércores 28, dentro do seu programa: Programa-Congreso-PEN-2016.

20:00 h. Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5). Mesa redonda Galicia, ponte literaria, con Nélida Piñón, Claudia Piñeiro e Xosé Luís Méndez Ferrín. Presenta: Luís González Tosar.