Cuestionario Proust: Clara Vidal, desde Lecturafilia

Entrevista a Clara Vidal en Lecturafilia:
“1. O principal trazo do teu carácter? Son repugnantiña.
2. Que calidade aprecias máis nun home? Así a primeira vista, o que máis avulte. Despois, a sinceridade.
3. E nunha muller? O mesmo que a anterior pregunta.
4. Que agardas das túas amizades? Que entendan sen precisar palabras.
5. O teu principal defecto? A esixencia.
6. A túa ocupación favorita? A poesía.
7. O teu ideal de felicidade? Non ter que pensar se a experimento.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Cumprir a lei natural e sobrevivir mortes das que non soporto a idea.
9. Que che gustaría ser? Poeta rica.
10. En que país desexarías vivir? Galiza está moi ben, aínda que pasar uns meses en Costa Rica nunha casa na praia pagada pola pregunta 9 e volver á Coruña morena para intentar ir á praia en verán estaría moi ben tamén.
11. A túa cor favorita? O laranxa non.
12. A flor que máis che gusta? As lilas dos pratos.
13. Que paxaro prefires? Calquera amoroso.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Os vellos que inventan historias para falar de algo e sosteñen así a literatura oral son, sen dúbida, os que máis me enganchan.
15. E poetas? José Ángel Valente, Alejandra Pizarnik, Pilar Pallarés, Olga Novo… Eu que sei?, infinitas.
16. Un heroe de ficción? Estounos coñecendo.
17. Unha heroína? Yasuko Kusakabe.
18. O teu músico ou música favorito/a? O jazz.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Non che sei. Dalí para días coma hoxe.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? A miña nai.
21. O teu nome favorito? Manuel.
22. Que hábito alleo non soportas? Só un?
23. Que é o que máis detestas? Que a xente non lave as mans ou non comprenda que a auga sen xabón é só mollalas, non limpalas.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Franco.
25. Un feito histórico que admires? Calquera recoñecemento que destape a nosa historia, por pequeno que sexa.
26. Que virtude desexarías posuír? Saúde, cartos, beleza, amor, intelixencia e pouco máis nunha palabra que abranguese todo para que non me chamasen avariciosa.
27. Como che gustaría morrer? Durmida.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Deprimida.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? A ignorancia recoñecida.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Continuar.”

Palabra falada

Palabra falada é unha actividade feita en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.
O 21 de marzo, ás 17:30 horas, diante do Teatro Rosalía de Castro, festéxase o Día da Poesía dun xeito moi especial: a través da selección musical de Saya Mohamed e o recitado de Nuria Vil, mergullándoses nas paisaxes sonoras de Rosalía de Castro, Luz PozoLuísa VillaltaPilar Pallarés e Nuria Vil. Música e palabra falada para celebrar a poesía a pé de rúa. Non é necesaria inscrición previa.

Saya Mohamed
Autodefínese como artista multipotencial, investigadora musical e activista antirracista. Sempre envolta en iniciativas audiovisuais, sitúase no eido musical actual como DJ multixénero, influenciada pola súa orixe palestina e os diversos mundos culturais e artísticos que a arrodean.

Nuria Vil
O seu traballo artístico envolve a palabra falada e o diálogo entre distintas artes para levar a poesía máis aló da escrita. Canda Vanessa Glemsel, forma parte do espectáculo de poesía escénica Dúas gamberras e un micro e da plataforma literaria A Sega. Comparte un proxecto de música experimental e poesía oral a carón de Olga Martínez, imparte obradoiros de creación poética e palabra falada, e xestiona un perfil na plataforma de mecenado Patreon.

Casa de Rosalía, Padrón: “Homenaxe a Xela Arias. Daquelas que cantan”

Dadas as limitacións por causa da Covid, é necesario facer reserva previa neste enderezo electrónico: proxectos@rosalia.gal

Estíbaliz Espinosa: “Algún día veremos esta sobredose de publicacións como un esforzo anti-sostible”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Estíbaliz Espinosa en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Escribirá as súas memorias?
– Estíbaliz Espinosa (EE): Ditareinas. Será un audiolibro e musical, algo que polo que devezo hai anos [pero non coas miñas memorias, nin que estivese empoleiradamente tola].
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– EE: Virginia Woolf vén por aí con pinta de sospeitosa.
Borges faise o sueco. Cortázar asubía unha de Ella Fitzgerald.
Walt Whitman fai que corta un tronco de costas a nós.
O que nos fai burla é Shakespeare. Protagonizara Domando a furia no cole aos 9 anos e deixoume cicatriz na lingua.
Na infancia, Gloria Fuertes e Joan Manuel Gisbert. Logo veu Carmen Martín Gaite.
E de que escriba en galego, Cunqueiro e Pilar Pallarés.
Hai esa cousa tan cunqueirá de traer os clásicos -Hamlets, Ofelias, Merlíns, Wagners- e poñelos a pasear por rías e carballeiras, mais tamén é inspiradora a idea do galego na Lúa. Da galega, en concreto. (…)”

A Coruña: “Simposio Ricardo Carballo Calero 2020”, na Real Academia Galega