Desde a AGTPI:
“Por unanimidade, outorgamos o Premio Xela Arias nesta VI edición á Asociación Galega de Editoras polo seu labor e dedicación na promoción dos libros en galego, un dos sectores que dá unha maior visibilidade á profesión da tradución, e no que o diálogo entre profesionais e empresas é máis aberto e directo.
O xurado analizou, nos últimos anos, o aumento do xurdimento de editoras que teñen a tradución como unha das súas principais áreas de traballo; polo que este premio é, tamén, a nosa forma de agradecer ese vínculo coa nosa profesión, cada vez máis profesionalizado.
As gañadoras das pasadas edicións foron a tradutora María Alonso Seisdedos (2018), a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (2019), o proxecto cooperativo NUMAX (2020) e a revista científica Viceversa e A Mesa pola Normalización Lingüística (2022). (…)”
Arquivos da etiqueta: Premio Xela Arias
Alberto Álvarez: “Recibir o premio Xela Arias foi un recoñecemento á revista e ao seu labor como tradutora”
Desde Nós Diario:
“A revista Viceversa. Revista galega de tradución vén de recibir o Premio Xela Arias 2021, outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación. A publicación é editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e coordinada polos docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución Alberto Álvarez Lugrís e Ana Luna Alonso. Polo seu consello de redacción pasaron persoeiros tan importantes das letras galegas como a propia Xela Arias ou o seu pai, Valentín Arias.
– Nós Diario (ND): Cal foi o punto de inicio da revista?
– Alberto Álvarez Lugrís (AA): Viceversa fundouse no ano 1995. Nese proceso participaron un grupo de persoas que estaban vencelladas ao Departamento de Filoloxía da Universidade de Vigo e á asociación de tradutores galegos. Naceu porque xurdira a necesidade de ofrecer textos académicos para a formación do alumnado en galego, e dar saída á produción científica que se comezaba a elaborar sobre a tradución na Galiza e vista desde o país… A revista preocupouse desde o principio de que todos os textos, tanto os de aquí como os de fóra da Galiza, fosen en galego. A normalización da lingua no ámbito académico era un dos obxectivos dos seus fundadores. Nese primeiro equipo estaban, entre outras, María Camiño Noia Campos, que foi a súa primeira directora, e Valentín Arias.
– ND: Como evolucionou a revista desde o primeiro número?
– AA: A estrutura básica da revista e as seccións son as mesmas. Porén, ampliouse a variedade dos traballos que se publican. A revista ten unha sección sobre ferramentas para facilitar o traballo de tradución e interpretación de textos, e ultimamente démoslle unha volta para incluír máis contidos relacionados coa didáctica. Nos vinte e cinco anos de vida que ten a revista, o número de profesionais que viven do sector da tradución en galego non fixo máis que aumentar. Dáselle cabida á mirada destes profesionais sobre a propia profesión e sobre a situación actual do sector. Ademais, intentamos ampliar a nómina de profesores do resto do Estado español e doutros países.
– ND: Como se fai a escolla de persoas colaboradoras para cada número da revista?
– AA: Temos a convocatoria de recepción de artigos aberta todo o ano, pero o número de cada ano féchase en setembro do ano anterior, para que se poidan levar a cabo os labores de edición e maquetación. Máis que escoller colaboradoras, recibimos propostas de textos que despois pasan por un comité de avaliación. Se hai algún tema de relevancia que consideremos que se debe tratar, o consello de redacción contacta coa profesional que máis coñecemento para que escriba sobre el. Temos outro apartado, chamado Traducións Xustificadas, no que as propias tradutoras fan unha reflexión sobre como traduciron unha determinada obra.
– ND: Que supón para Viceversa recibir o Premio Xela Arias da Asociación Galega de Tradutoras?
– AA: É o recoñecemento a toda unha traxectoria de vinte e cinco dedicados ao sector da tradución. Para a revista e para as persoas que entregaron o seu esforzo para sacar adiante o proxecto. Ademais, supón unha gran ledicia, xa que Xela participou do consello da revista desde a fundación de Viceversa até o seu pasamento. Para nós é un duplo recoñecemento. Tamén é unha oportunidade para dar a coñecer todo o traballo que hai detrás do sector da tradución.
– ND: As institucións galegas coidan e apoian o suficiente o sector da tradución?
– AA: En absoluto. Estivemos moitísimo mellor hai anos. O sector literario en galego ten un público potencial reducido, polo que necesita axudas e financiamento que, coas contías actuais, fan imposíbel acadar o obxectivo de cultivar a lingua e a literatura en galego. No caso da tradución, vivimos unha situación semellante. Necesitamos financiamento, non tanto para as tradutoras senón para enriquecer a cantidade de textos que a sociedade ten á súa disposición. Nestes últimos anos, as axudas descenderon drasticamente, e as que se outorgan fanse dunha maneira que, como mínimo, poderíamos considerar como opaca e carente de total criterio. A tradución é o último interese da Administración.”
Culturgal 2019: actividades literarias destacadas do 29 de novembro
Do 29 de novembro ao 1 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2019.
As actividades literarias destacadas do programa para o 29 de novembro son:
– 12:00 h. Espazo Foro. Encontro con Ledicia Costas con escolares arredor do libro Conexión Macarrón. Xerais. Actividade concertada con centros escolares.
– 18:15 h. Espazo Libro. Mapa ecosocial de Galicia. Un retrato social e ecolóxico de Galicia. Catro Ventos Editora. Coa xornalista Rebeca Hermo e o biólogo Xosé Veiras, autores do libro, e Miguel Braña, editor.
– 18:30 h. Stand Xerais. Sinatura ilustrada de Kiko da Silva.
– 18:45 h. Espazo Libro. Presentación da colección «Avis rara», por Marcus Daniel Cabada (editor da colección). Urutau.
– 19:15 h. Espazo Libro. Conversa de Kiko da Silva, autor de Aprende banda deseñada con Fiz, con Fran Alonso sobre “A importancia da banda deseñada na lectura infantil”. Xerais.
– 19:45 h. Espazo Libro. Presentación e debate dos dous últimos títulos da colección Feminismos. Galaxia. Papá, por que non pintas as unllas de cores? Educando (construíndo) masculinidades disidentes, de Jorge García Marín e Mulleres que (nos) dan que pensar de África López Souto. Presentado por Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
– 20:15 h. Espazo Libro. “Se quen traduce falase…”. Conversa sobre tradución literaria. Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación(AGPTI). Como xorden os proxectos? Que relacións se establecen con editoras e correctoras? Que hai detrás da escolla dun termo ou dunha fala? Conversa co tradutor Carlos Valdés, coas tradutoras María Alonso Seisdedos, María Reimóndez e Patricia Buxán como moderadora. Ademais, entrega do Premio Xela Arias á Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
Convocatoria do II Premio Xela Arias
“A AGPTI abre a recepción de candidaturas para a II edición do Premio Xela Arias. Este premio recoñece o labor de empresas, entidades ou persoas que contribúan á promoción do uso do galego no mercado da tradución e da interpretación en todos os sectores económicos.
O período de recepción de candidaturas comeza o 2 de setembro e rematará o día 15 de setembro. Para enviar unha candidatura só é preciso enviar un correo electrónico a info@agpti.org. O gañador ou gañadora será anunciado o día 30 de setembro co gallo do DIT, o Día Internacional da Tradución. Este ano hai unha novidade: a gañadora do ano anterior, María Alonso Seisdedos, incorporarase ao xurado.
A entrega do premio será, como o ano anterior, durante a Culturgal, a principios de decembro.”
Culturgal 2018, Pontevedra: actividades literarias destacadas do sábado 1 de decembro
Do 30 de novembro ao 2 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2018.
As actividades literarias destacadas do programa para o sábado 1 de decembro son:
– 11:00 h. Espazo Libro. Presentación do XXXVIII Caderno Ramón Piñeiro. María Victoria Moreno: homenaxe. Secretaría Xeral de Política Lingüística. Con Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Pedro Ferriol Suárez, viúvo de María Victoria Moreno, e Blanca-Ana Roig Rechou, cordinadora do volume.
– 11:30 h. Espazo Libro. As pedras que facían viño. Viaxe polos milenarios lagares rupestres de Galicia. Axencia Turismo de Galicia – Xunta de Galicia. Co coautor e editor Luís Padín.
– 12:00 h. Espazo Foro. Presentación dos novos libros de Bieito Iglesias e Ursula Heinze. Aira Editorial. Cos autores, César Lorenzo Gil (editor) e Xulio Gayoso, ilustrador.
– 12:00 h. Espazo Libro. Presentación dos Premios Torrente Ballester e Raíña Lupa. Deputación da Coruña. Con Goretti Sanmartín, Francisco Castro, Antonio Piñeiro e Marilar Aleixandre.
– 12:30 h. Espazo Foro. Entrega do Premio Xela Arias. AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación). Gañadora: María Alonso Seisdedos.
– 12:30 h. Espazo Libro. Presentación do novo volume da colección Mulleres Bravas da nosa historia. Pepa, a loba. Urco Editora. Con Ledicia Costas, autora, Eva Agra, ilustradora, e Andrea Jamardo Seijo, editora.
– 13:00 h. Espazo Libro. Presentación de Didáctica da lingua e da literatura galegas. Edicións Fervenza. Con Xulio Pardo de Neyra, Marica Campo e Xosé Manuel Baamonde.
– 13:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de The Making of, de Xavier Alcalá.
– 13:30 h. Espazo Libro. Presentación da Colección 10×15. Poesía. Tulipa Editorial. Con Isabel Patiño, directora da editorial e os poetas Juan Bello, Vicente Sebastián, Sara de Sousa e Man Li.
– 13:30 h. Espazo Arte Contemporánea. Lugares de Vari Caramés. Fabulatorio. Con Vari Caramés, fotógrafo e autor, e os editores e deseñadores Suso Vázquez e Cibrán Rico.
– 16:30 h. Espazo Foro. Recital de Celia Parra ao redor de Pantallas. Editorial Galaxia. Coa autora e Francisco Castro, editor.
– 16:30 h. Espazo Carpa. Pablo Díaz en concerto: Coas miñas mans. Editorial Galaxia.
– 17:00 h. Espazo Foro. Presentación do I Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil: O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio Manuel Fraga, Urco Editora. Con entrega do premio.
– 17:00 h.. Espazo Libro. Presentación da colección de pensamento Alicerces. Através Editora. Cos autores Natalia Poncela e Jorge G. Marín; presenta Teresa Crisanta V. Pilhado, codirectora.
– 17:00 h. Espazo Infantil Deleite. Presentación de 20.000 leguas baixo dos mares, de Jules Verne. Con Valentín García Gómez, María Carmen Puga, Diego Chapela e Francisco Castro.
– 17:30 h. Stand Kalandraka. Francisco X. Fernández Naval presenta Os contos da Avoa Pepa, publicado por Kalandraka.
– 17:30 h. Espazo Foro. Presentación da revista de BD A Viñeta
de Schrödinger. A Mesa pola Normalización Lingüística.
– 17:30 h. Espazo Libro. Comerei as miñas propias palabras. Apiario. Acción poética de Lucía Aldao a partir do poemario Todo isto antes era noite.
– 17:30 h. Espazo Carpa. Charo Pita en concerto: No país do vento. Editorial Galaxia.
– 17:30 h. Espazo Infantil Deleite. A voar. Presentación do libro disco de Cé Orquestra Pantasma. Miudiño S. Coop. Galega.
– 18:00 h. Espazo Libro. Presentación do primeiro poemario en galego de Luis García Montero: Cincuenta poemas. Tulipa Editorial.
– 18:00 h. Espazo Arte Contemporánea. Presentación das exposicións do Museo Centro Gaiás. Cidade da Cultura de Galicia. Con Ana Isabel Vázquez Reboredo, Verónica Santos Farto e Miguel Anxo Seixas Seoane, comisario da exposición Castelao Maxistral. A boa obra ao mestre honra.
– 18:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Ledicia Costas, Víctor Rivas e Andrés Meixide dos libros Escarlatina, a cociñeira defunta; Esmeraldina, a pequena defunta; Os arquivos secretos de Escarlatina e A señorita Bubble.
– 18:30 h. Espazo Libro. “O meu nome é Vigo, unha cidade sen piedade”. Conversa entre Pedro Feijoo, autor de Sen piedade e Manuel Esteban, autor de O meu nome é Ninguén. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
– 19:00 h. Espazo Libro. Conversa de Susana Pedreira con Yolanda Castaño e Kiko da Silva sobre O puño e a letra. Antoloxía en cómic poético. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
– 19:00 h. Espazo Infantil. Obradoiro literario de cociña de Diana Fernández e David Díaz, autores do libro Cociñando con bolboretas no bandullo. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
– 19:30 h. Espazo Foro. Lectura de Vivir sen permiso e outras historias de Oeste e Contra todo isto, de Manuel Rivas. Presenta Fran Alonso. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
– 19:30 h. Presentación de Man. Kalandraka Editora. Con Carmen Hermo, artista e autora do libro, e Manuela Rodríguez, directora editorial.
– 19:30 h. Stand de Galaxia. Sinatura de libros de Palabra de bruxa, de Andrea Barreira.
– 19:45 h. Presentación de Don Ferretín Ferretón e o seu cadelo lambón. Barafunda. Coa autora, Cristina Corral Soilán, e a ilustradora Aurora Cascudo Román.
– 19:45 h. Espazo Arte Contemporánea. Presentación do libro Anónimas, retratos de musas cotiás. Con Gemma Marqués, ilustradora, e Dolores Costas, escritora.
– 20:00 h. Espazo Libro. Conversa de Susana Pedreira con Ledicia Costas, autora de A balada dos unicornios, Premio Lazarillo 2017. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
– 20:00 h. Dúbidas reais de adolescentes sobre sexo. Catro Ventos Editora. Con Sabela Iglesias, autora, e Isidro Dozo, editor.
– 20:00 h. Stand de Kalandraka. Carmen Hermo asina exemplares de Man de Camelle.
– 20:30 h. Premio Literario Nortear. Conversa de escritores novos. Dirección Xeral de Políticas Culturais. Con Cecilia Fernández Santomé, gañadora do Premio en 2017 e Lara Dopazo Ruibal, gañadora da primeira edición do Premio.
– 20:30 h. Espazo Libro. Susana Pedreira conversa con Ana Cabaleiro sobre a novela As Ramonas (Premio Manuel García Barros 2018). Editorial Galaxia.
– 20:30 h. Espazo Infantil Deleite. Conta forte, conta piano. Contacontos con música en tempo real con Silvia Penas, voz, e Susana Otero, piano.
María Alonso Seisdedos, premio Xela Arias da Asociación da Tradución
Desde AGPTI:
“No pasado 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, a AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación) anunciou a creación dun novo galardón co nome Premio Xela Arias. Este premio, de carácter simbólico, vai dirixido a empresas, entidades ou persoas que destaquen pola promoción da tradución ou interpretación cara ou desde o galego, e os seus obxectivos son dar a coñecer a profesión, pór en valor o galego como lingua de traballo e reivindicar a figura da poeta e tradutora galega Xela Arias (1962-2003).
Neste 30 de outubro, a AGPTI ten o pracer de anunciar que, entre as dez candidaturas presentadas, decidiu outorgar o primeiro premio Xela Arias a María Alonso Seisdedos, tradutora literaria e audiovisual.
María Alonso, que é socia da AGPTI, é responsábel dun gran número de traducións que teñen sido moi significativas para a normalización e dignificación da lingua galega, tanto pola importancia dos traballos como pola súa gran calidade. Entre outros autores e autoras, verteu ao galego obras de Orhan Pamuk, Herman Koch, Kazuo Ishiguro, Cornelia Funke ou Andrea Camilleri e traduce desde linguas como o inglés, o italiano, o francés, o alemán, o portugués, o catalán ou o castelán. Ademais, foi membro do equipo de tradutoras e tradutores que verteu ao galego o Ulises de Joyce e que gañou o Premio Nacional á Mellor Tradución en 2014.
Alonso tamén ten traballado desde 1986 como tradutora audiovisual para a TVG en innumerables series, documentais e filmes. Un dos seus proxectos máis coñecidos é o da serie Shin Chan, que deixou unha gran pegada para toda unha xeración e que é recoñecido pola súa calidade e pola súa importancia para a lingua galega.
O compromiso de María Alonso tanto coa súa profesión como coa lingua galega e a súa vitalidade son un dos motivos principais polos que a xunta directiva da AGPTI decidiu que debería ser a premiada nesta primeira edición.
O premio será entregado nun acto simbólico que se celebrará na feira das industrias culturais galegas Culturgal, o sábado 1 de decembro ás 12:30.”
Novo premio Xela Arias, da AGPTI
Desde a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación:
“Como se aprobou na última asemblea xeral da asociación, a AGPTI outorgará neste mes de outubro o novo premio Xela Arias, cuxa creación serve para celebrarmos o Día Internacional da Tradución (30 de setembro).
Este premio concédese a unha empresa, entidade ou persoa que destaque pola promoción da tradución ou interpretación cara ou desde o galego e os seus obxectivos son: pór en valor a nosa profesión e o galego como lingua de traballo e dar a coñecer o nome de Xela Arias (1962-2003), figura destacada na tradución ao galego e responsábel das versións na nosa lingua de obras de James Joyce, Gianni Rodari, Jorge Amado ou Roald Dahl, entre moitas outras.
O premio ten carácter simbólico e as candidaturas poderán enviarse á asociación polo correo electrónico info@agpti.org até o día 18 de outubro. Calquera persoa pode propor unha empresa, entidade ou persoa candidata por este medio. O fallo será público o día 30 deste mes e o xurado estará conformado pola Xunta Directiva da AGPTI, aínda que a asociación pode convidar outras persoas ou entidades a formaren parte.”