Nome: Bonita, gañadora do Premio Mondoñedo10 na modalidade de Teatro

“Ao entender do xurado, Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo, revela unha voz dramática moi sólida caracterizada por un lirismo que entronca coa dramaturxia do mindoniense Álvaro Cunqueiro. O xurado destaca que a obra manifesta o valor testemuñal ao respecto das mulleres represaliadas ao longo da historia. Nun entrecruzamento de linguas e culturas, a partir da figura da cangaçeira brasileira, a autora crea un arquetipo universal da muller loitadora. A acción dramática está atravesada polos conceptos da identidade, a memoria e a ecoloxía como metáfora.
A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo convocaron esta terceira edición do galardón co obxectivo de establecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego nos últimos dez anos.
O prestixio decantado ao longo dos séculos por institucións e persoeiros de ascendencia
ou residencia mindoniense, así como a recoñecida achega destes á cultura galega en xeral, xustifican a creación destes galardóns que se entregarán anualmente co fin de contribuír a salvagardar para a memoria do presente e do futuro da lingua e da cultura galegas aquelas obras que a xuízo do xurado merezan este recoñecemento.

Xurado
A composición do xurado nesta terceira edición do Premio Mondoñedo10, que distingue á mellor obra dramática publicada en Galicia e en galego entre os anos 2008 e 2017 estivo formado por Antonio Reigosa Carreiras, Cronista oficial de Mondoñedo, que actuou como Presidente. Os vocais foron Olivia Rodríguez González, en representación da Real Academia Galega (RAG); Dolores Vilavedra Fernández, en representación do Consello da Cultura Galega; Afonso Becerra Arrojo, en representación da sección de literatura dramática da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG); Antonio Salgado Rodríguez, en representación da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG); Tareixa Campo Domínguez, en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE); Diego Vázquez Meizoso, en representación da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega e Francisco Piñeiro González, en representación do concello de Mondoñedo. Exerceu a secretaría do xurado por designación da organización o mindoniense Fran Bouso.

Acto de entrega
O auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo acollerá o vindeiro domingo, 21 de outubro ás doce e media do mediodía o acto de entrega do Premio Mondoñedo10 2018 Teatro no transcurso dun acto no que o grupo de teatro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda representará dúas breves pezas teatrais, unha de Rafael Dieste e outra de Álvaro Cunqueiro baixo a dirección de Lino Braxe.”

O grupo Airiños de Rianxo celebra 85 anos de existencia

Desde Erregueté:
“O grupo de teatro Airiños de Asados celebra o seu 85 aniversario cunha gala, Esta noite, velada no Auditorio de Rianxo. Serán tres funcións: o venres 21 de setembro, ás 21:00; o sábado 22 de setembro, ás 21:00; e o domingo 23 de setembro, ás 19:00. O espectáculo está ideado como unha festa de aniversario e, en contra do que sucede con outras obras da compañía, só se poderá ver nestas funcións en Rianxo.
A gala contará coas colaboracións de Barahúnda, José Luís Do Pico Orjais e Río de Anxo. Ademais, o Auditorio acollerá unha exposición de cartaces do grupo que se inaugurará este mesmo venres 21 de setembro ás 20:00.
O Grupo de Teatro Airiños naceu no ano 33 en Asados (Rianxo) da man dos curmáns de Castelao e arredor do Centro Galeguista do lugar A súa primeira posta en escena foi a de A retirada de Napoleón, de Xavier Prado Lameiro. Isto converte á compañía na máis antiga de Galiza.
A Guerra Civil pararía inevitablemente a actividade creativa do grupo, que se retomaría nada máis comezar a ditadura grazas ao seu espírito loitador, malia as dificultades que o réxime impuña a toda actividade cultural, e, no concreto, a un grupo de teatro cuxa máxima principal era representar as súas veladas en lingua galega, algo ao que xamais renunciarían. Desta etapa, cómpre salientar, por exemplo, que Airiños representou por vez primeira, no ano 61, A fiestra valdeira, do rianxeiro Rafael Dieste, con este aínda no exilio.
Coa chegada da democracia, e a compañía, cumpriu un grande soño: a representación de Os vellos non deben de namorarse, de Castelao. Nestes anos, a fundación en Asados do “Centro Cultural Simón Varela” achegoulle ao grupo un enclave fundamental que acolleu a compañía ata o momento actual.
No 2008, co gallo do seu 75 aniversario, a Asociación Alexandre Bóveda da Coruña homenaxeu á compañía entregándolles un premio «pola súa defensa do idioma e a cultura galega durante máis de tres cuartos de século». Xa no 2009, o grupo recibiu o seu segundo premio, o Sireno de Bronce de Barbantia na sección de iniciativa cultural no Barbanza. No 2012 Airiños recibe o premio “Ángel Velasco Montoya” da Asociación Amigos del Teatro de Valladolid, pola súa fértil traxectoria ao longo de 79 anos de difusión do teatro afeccionado en galego. Ese mesmo ano, recibe o premio da Cultura Galega das Artes Escénicas polo traballo desenvolvido desde a súa creación. No 2013, súmase a estes premios o recoñecidísimo Pedrón de Ouro e o premio Aurosán do Ano na categoría de cultura.
No ano 2010 o grupo de teatro comeza unha nova etapa da man de Esther F. Carrodeguas, que asume a Dirección Creativa da Compañía. E dende entón, ademais de continuar a traxectoria habitual, o grupo ábrese a novos proxectos cheos de vida teatral, como o teatro-expres, unha iniciativa do Concello de Rianxo para achegar o teatro de pequeno formato aos nenos rianxeiros, levando os bártulos teatrais de parroquia en parroquia. Coa dirección de Esther. F Carrodeguas levan subido ao escenario obras como Ata que a morte nos separe, Nin rico nin pobre, O cabaré dos 80 anos de Airiños, Celtas sen filtro, Nosa señora das nubes e Hoxe non se paga.”

“Manuel Antonio, psicólogo do Alén”

Artigo de Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“Non é casual que a biografía de Manuel Antonio que vén de publicar Xosé Ricardo Losada (Rianxo, 1961) leve por título Vida e misterio dun poeta galego (Galaxia). «Eu quería que a palabra misterio aparecese no título», anticipa Losada, profesor de Filosofía no instituto Félix Muriel no seu concello natal. Unha palabra, misterio, deliberada e razoada: «Toda a vida e a obra de Manuel Antonio é un intento de superar o principio de realidade e acceder a ese ámbito metafísico que está máis alá da lóxica e do sentido común. Manuel Antonio é, como di el mesmo, un psicólogo do Alén». Pescudar nese misterio, trazar un perfil psicolóxico do escritor, foi o obxectivo de Losada, quen tiña claro que «quería facer unha biografía de lector, non de especialista». «Quería ler a súa vida e a súa obra, máis que estudala, intentando centrarme naquilo -De catro a catro, fundamentalmente- polo que merece ser recordado. Nada de biografías definitivas ou canónicas. Simplemente, o meu Manuel Antonio».
Nesa pescuda, a aparición do epistolario, ao coidado de Xosé Luís Axeitos -autor tamén da recente biografía Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía-, foi clave para o propósito de Losada. «Sempre me sorprendeu o pouco que se usou ata agora o epistolario para definir o seu perfil psicolóxico, supoño que debido a que non confirma o perfil que se lle ten atribuído», explica o biógrafo. As cartas entre o autor e a súa moza, Mercedes, son «o único lugar onde vemos como é realmente Manuel Antonio», subliña Losada, que dedica un capítulo á cuestión na que, malia os escasos datos que se conservan, resulta evidente que o poeta «non viviu o amor e a sexualidade en termos convencionais». «A dúbida cruel»
Pero se hai unha clave para tratar de entender ese enigma, esa é a perda de fe. «A renuncia ao catolicismo da súa infancia suponlle unha durísima escisión interior», expón Losada. «A dúbida cruel, di el, arrebatoulle esa firme convicción que a súa amada nai gravara no seu peito. Pero nunca o conseguiu. Renunciar ao catolicismo sería renunciar á nai devota e ao pai morto e aos seus queridos tíos cregos e a unha explicación da súa propia enfermidade. De aí moitas das contradicións coas que vive», amplía.
Esa contradición, xa que logo, preside a vida de Manuel Antonio e xera outras novas: «Non querer ser católico e selo, contradición que se traduce en querer ser apóstata da familia e non querer selo, querer ser revolucionario e non ser máis que un burgués… Ningún dos substitutos ideolóxicos do catolicismo (nacionalismo, anarquismo, panteísmo) consegue darlle ese alto sentido ao ordinario que el busca, tal e como llo dera o catolicismo». Esta fe debe entenderse ligada «a unha infancia feliz e protexida» e, xa que logo, ligada á nai.
Marcaron Manuel Antonio tanto a forte presenza da nai como a ausencia do pai, morto por enfermidade cando o futuro poeta tiña catro anos. Unha sombra que o habería de axexar e que máis tarde se confirmaría e, ao cabo, como a causa da súa propia morte: «A súa relación coa enfermidade é dun gran valor moral, moi en consonancia co que dicía o seu admirado Nietzsche: o que non mata, faite máis forte. Podería dicirse que ten unha relación pouco romántica coa enfermidade, xa que a leva practicamente en segredo, pero non é así. Eu creo que, como o grande individualista que era, gabábase da enfermidade só ante si mesmo, para sentirse ese heroe romántico que sempre quixo ser».
Loxicamente, a biografía tamén incide nos aspectos da vida de Manuel Antonio máis relacionados coa literatura. Por exemplo, a súa relación contraditoria -outra volta- con Rafael Dieste. «É o seu modelo na adolescencia. Representa todo o que el quixera ser a nivel intelectual e familiar. E, por riba, ten éxito, mentres el fracasa en todo. Dispáralle todos os complexos e inseguridades -describe Losada-. Acaban sendo antitéticos en todo (ideoloxía, estilo, talante), iso que comezaran tendo o mesmo proxecto vital: a civilización atlántica. Non creo que fose casual». O libro tamén examina outra fe, aquela coa que Manuel Antonio se entrega ás vangardas, «unha das grandes decisións da súa vida», malia ir á contra do consello que lle dá Vicente Risco, «o seu pai intelectual». «Eu creo que busca as vangardas por razóns non poéticas: ir máis alá de Dieste, evitar certos complexos, xustificar un posible fracaso, buscar un estilo propio inimitable, criticar poeticamente o mundo burgués… O máis lóxico sería que fracasase. Se non fracasou foi porque era realmente un poeta de raza». Outro fracaso é a recepción negativa entre os seus coetáneos do manifesto Máis alá, asinado con Álvaro Cebreiro: «Se non escribe unha obra que escureza ese pasado que tanto critica, ese manifesto é unha simple boutade. A grandeza é que acaba escribindo un dos mellores libros da poesía universal, demostrando que era un poeta de raza, e non un falabarato como moitos pensaban». Luces e sombras dun escritor singular. «Mentres non teñamos biografías que mostren, ao lado dos seus acertos e virtudes, as debilidades, mesquindades e defectos dos nosos grandes escritores, seremos unha literatura insegura», conclúe Losada.”

A Coruña: representación de Exilio

O martes 20 de marzo, ás 20:30 horas, no Centro Ágora da Coruña, o Grupo de Teatro da A. C. Alexandre Bóveda representará a obra de Castelao, Dieste e Seoane con adaptación e dirección de Lino Braxe.

A Coruña: XXI Memorial de Teatro Ibán Toxeiro (XX Aniversario do Grupo de Teatro da ACAB)

Cuestionario Proust: Ramón Vilar Landeira

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ramón Vilar Landeira:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Certa tendencia a transitar os camiños longos e mal asfaltados e evitar as autoestradas.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade, a empatía e o humor (empezando por ser quen de rir de si mesmas).
3.– Que agarda das súas amizades?
– Un pouquiño de todo o anterior (despois cada un que faga como poida).
4.– A súa principal eiva?
– Cústame dicir NON todas as veces que debera (aínda así, progreso adecuadamente).
5.– A súa ocupación favorita?
– Amar (en horizontal, vertical e oblicuo), conversar, viaxar, ler e escribir. Nesta orde, estrita e innegociable.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha casa dende a que se poidan ver as estrelas e na que se sinta cómoda a xente que me aprecia.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A desgraza dos que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Dianteiro centro do Deportivo, escritor de viaxes, cantante de baladas italianas, mestre reloxeiro ou inspector de homicidios.
9.– En que país desexaría vivir?
– Un algo en moitos, aínda que retornando sempre a Ítaca.
10.– A súa cor favorita?
– De neno era a vermella (agora gústanme todas).
11.– A flor que máis lle gusta?
– Os bilitroques (polas tardes dos 23 de xuño) e as magnolias (pola exuberancia do propio nome).
12.– O paxaro que prefire?
– A lavandeira, o merlo e as andoriñas que aniñan no noso pallote.
13.– A súa devoción na prosa?
Ferrín, Dieste, García Márquez, Rulfo, Urbano Tavares Rodrigues, Coetzee, Clarice Lispector, Donald Ray Pollock, Bolaño, Carver… E algúns moito máis novos que non cito para que non saiban canto os envexo.
14.– E na poesía?
– Aquí non vou mirar ao pasado, o agora está moi ben regado: Miro Villar, Olga Novo, Cordal, Chus Pato… Ah, e tamén daría parte das miñas accións en bolsa e fondos de investimento por asinar unha morea de cancións. Parte da mellor poesía galega da última década está en cds e bandcamps.
15.– Un libro?
– O que inaugurou a miña biblioteca hai trinta e algo anos. Comproumo meu pai no máis parecido que había na parroquia a unha libraría. Entre sacos de abono, colonias e tebeos de Mortadelo e Filemón, emerxeu o Robinson Crusoe de Daniel Defoe. Aínda o conservo.
16.– Un heroe de ficción?
– Non son moito de heroicidades.
17.– Unha heroína?
– Fíxolle as beiras a xente que coñecía e souben de antemán que entre ela e máis eu era imposible o amor.
18.– A súa música favorita?
– As músicas todas (menos a fúnebre e a das comecartos, son tristes e molestas).
19.– Na pintura?
– Van Gogh, Gauguin, Luís Seoane e os debuxos que me regalan os meus fillos.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Atópoos con frecuencia e sei que non lle gustaría que dese os seus nomes.
21.– O seu nome favorito?
– Os nomes son todos bonitos (a xente que os leva depende).
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O durmir en roupa interior e o dogmatismo (teño comprobado que hai unha relación causa-efecto).
23.– O que máis odia?
– A soberbia, a mesquindade e a peituga de pavo nos estantes do supermercado.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A historia está repleta de cabróns esféricos (deses que foron cabróns a tempo completo, mires por onde os mires). Aínda así, cústame botarlle a un soa persoa todas as culpas de como é ou foi o mundo. As responsabilidades históricas, por acción ou omisión, son colectivas.
25.– Un feito militar que admire?
– Aqueles que evitaron unha inxustiza aínda maior (tampouco se me ocorren moitos, pero seguro que algún hai).
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Conformaríame con quince centímetros máis e un algo de talento para a música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De vello, (repito) nunha casa dende a que se poidan ver as estrelas.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Voluble, aínda que predomina o optimismo sobre o ‘repunancia’.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que veñen de fábrica.
30.– Un lema na súa vida?
– Dálle que libras (son un tipo moi apreciado polos chapistas).”

A casa-museo de Dieste abrirá ao público en 2018

Desde Sermos Galiza:
“A Deputación da Coruña vén de asinar un convenio de colaboración co Concello de Rianxo que suporá o comezo das obras de reconstrución do inmóbel do escritor nesta vila. Prevese que estará lista en 10 meses.
En 10 meses xa poderemos entrar na futura casa-museo de Rafael Dieste, a vivenda que o autor recreou na súa obra A fiestra valdeira e que se encontra na Rúa de Abaixo de Rianxo, seguramente a rúa máis literaria do país, que tamén acolle as casas de Castelao e Manuel Antonio, esta última xa habilitada como museo.
Todo isto será posible grazas a unha achega da Deputación da Coruña de 189.456,66 euros, o 80% do orzamento total de 236.820,82 euros. “Con este proxecto, queremos impulsar a condición de Rianxo como vila literaria, en que a cultura é tamén motor de dinamización turística e económica, á maneira doutras casas de referencia no país como a de Rosalía de Castro en Padrón que son espazos moi visitados, non só pola propia veciñanza que lle dará uso, senón tamén por estudantado e persoas que queren renderlle homenaxe aos tres autores que viviron nesta rúa”, sinalou Goretti Sanmartín Rei no acto de sinatura de convenio que se desenvolveu na propia casa de Rafael Dieste.
“Para nós é unha obriga contribuír a difundir o seu legado nun concello que aposta pola cultura que forma parte da súa identidade cun tesouro para a veciñanza mais tamén que se proxecta para o mundo, á maneira da propia figura de Rafael Dieste”, engadiu Goretti Sanmartín que destacou a potencialidade das casas literarias como atractivo turístico, cultural e económico. “Coa apertura da casa de Rafael Dieste, a poucos metros do museo de Manuel Antonio e tamén da casa de Castelao, Rianxo consolídase como un lugar emblemático do noso país e a súa cultura”, concluíu na súa intervención a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña.
Pola súa parte, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, agradeceu que desde a Deputación da Coruña, co voto favorábel de toda a corporación, se considerase a iniciativa como un “proxecto singular, de país, en clave galega”. Anunciou que, de inmediato, desde o Concello comezarán as xestións para a contratación da obra coa idea de que nun prazo de dez meses se poda xa abrir a casa ao público. “Coa apertura da casa de Rafael Dieste, a poucos metros da de Manuel Antonio e a de Castelao, a Rúa de Abaixo é un referente para a visita turística e cultural non só para Rianxo senón para todo o país e para o mundo, en especial nos países e nas amplas relacións en que a familia Dieste deixou pegada”, explicou Adolfo Muíños que se congratulou por un novo “espazo gañado para a cidadanía e a cultura galega, ademais de facer xustiza coa memoria do escritor”.”

A Coruña: Roteiro polos lugares de Memoria de Monelos

O sábado 18 de marzo haberá un Roteiro polos lugares de Memoria do barrio coruñés de Monelos, organizado por un grupo de veciñas e veciños do barrio, en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
– Este Roteiro comezará contra as 13:00 h. e sairá da Praza Rafael Dieste (homenaxe ao escritor nacido en Rianxo e figura senlleira do Exilio Republicano), coas seguintes paradas:
– No comezo do Parque de Oza (detras do palco do Liceo Monelos), homenaxe ao guerrilleiro “Foucellas”, que estivo nunha casa alí curándose dunhas feridas de combate. Sobre Rafael Dieste falarános Henrique Rabuñal, poeta, dramaturgo e ensaista, autor do traballo Rafael Dieste: a franqueza e o misterio (1995).
– Avenida Salvador de Madariaga (diplomático e escritor coruñés, Republicano Exiliado, que ocupara o cargo de Ministro de Instrucción Pública na 2ª República, en 1934). Para ilustrarnos sobre a vida e obra de Salvador de Madariaga, intervirá Tino Fraga, director do Instituto José Cornide de Estudios coruñeses, Instituto que é albacea de dous legados fundamentais: os fondos manuscritos e bibliográficos de Salvador de Madariaga.
– Fronte ao Bar Trotamundos, onde estivera a antiga Escola Nacional nos anos 30 do século pasado, homenaxe a Mercedes Romero Abellá, mestra salvaxemente asasinada polos franquistas. Tomará a palabra nesta parada a profesora, historiadora e arqueóloga galega Ana Romero Masiá, especialista nos estudos da represión polo franquismo ás mulleres socialistas coruñesas.
– Praza de Luís Seoane. Homenaxe a este escritor, debuxante e pintor, morto na Coruña en 1979, e á súa obra no Exilio Republicano en Buenos Aires. Sobre Luís Seoane basará a súa intervención o membro da Real Academia Galega de Belas Artes, Xosé Díaz.
– Praza de Casares Quiroga, para lembrar a figura do único presidente da República nacido na Coruña. Como remate do Roteiro, será o historiador e profesor de Historia Contemporánea na Universidade da Coruña, Carlos Velasco, quen nos conte algo sobre este Presidente republicano coruñés.
Todo o traxecto estará amenizado pola música do gaiteiro Moncho do Orzán.
Na praza de Casares Quiroga serán os artistas Xosé Taboada e César Morán quen pechen o acto coa interpretación de algunhas pezas musicais.”

Xosé Luís Axeitos: “De Catro a Catro é unha homenaxe ao mundo do traballo, un poemario social”

EntrevistaXosé Luís Axeitos a Xosé Luís Axeitos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste, rianxeiros os tres. Era esa a súa única coincidencia? Cal era a súa relación?
– Xosé Luís Axeitos (XLA): O título da palestra (‘Relacións entre os irmandiños Manuel Antonio, Dieste e Castelao‘) non o puxen eu (rí), para comezar, Dieste nin sequer militou nas Irmandades da Fala. Agora ben, o título serve para ver como nunha vila se establecen as relacións coas Irmandades da Fala, cales son as dinámicas, que son diferentes ás das cidades ou vilas grandes. Como son nunha vila como Rianxo, onde a xeración de Manuel Antonio e Rafael Dieste o contacto que ten é con Santiago. Castelao é outra cousa, era xa un home consolidado, comezaba ter unha proxección pública a través dos seus debuxos, onde xa comezaba a perfilar algo no que sería un mestre: é un dos que mellor manexa a ferramenta política comunicativa co pobo galego.
– SG: Hai unha relación, unhas ideas comúns mais tamén unhas diferenzas…
– XLA: Os tres desde as súas respectivas perspectivas entenden de forma diferente o concepto de pobo, iso é algo que os diferenza. Castelao ten unha visión máis tradicional, ve o pobo como depositario das esencias, dos valores da nación. Manuel Antonio discrepa, para el o pobo non é o depositario último da vontade da nación, non lle dá esa fe que si lle dan os da Xeración Nós. E despois está Dieste, para quen o pobo é unha mitificación, unha idealización constante. Na década dos 20 para Rafael Dieste o pobo era o pobo galego mais na década dos 30 pasa ser o pobo castelán. É un paso que deu, el cría en facer compatíbel o galeguismo co sentimento de España, algo que Manoel Antonio sempre lle reprochou. Podemos ver como nunha vila pequena se daban interpretacións diferentes, mesmo diverxentes a respecto destas cuestións. (…)
– SG: Vas publicar en breve a biografía de Manuel Antonio, que vén por o ramo á Obra Completa (Prosa, Poesía, Epistolario) que saiu nestes anos. Aínda non está todo dito sobre o rianxeiro?
– XLA: De Manuel Antonio hai moitas cousas que non sabiamos. Nesta biografía hai moitos datos, eu non tento dicir “isto é así” senón que expoño os datos para que o lector faga a súa propia interpretación. Hai elementos, como as axendas ou os seus diarios de navegación, que ao telos en conta axudan a ver Manoel Antonio desde outra dimensión. Nos diarios de navegación el anota o seu día a día a bordo e vemos que De Catro a Catro cobra unha nova dimensión, como unha homenaxe ao mundo do traballo, un poemario social. Se a Machado e os seus poemas sobre o campo castelán se inclúen na poesía social, por que non pode ser poesía social Manoel Antonio? Outra dimensión é o tempo verbal dominante nos 19 poemas dese libro, que é o tempo verbal futuro, e o futuro é o tempo do nacionalismo, o nacionalismo que non acata o presente.”