Compostela: Congreso “Saber de nós. Cen anos do Seminario de Estudos Galegos”, os 10 e 11 de outubro

Viveiro: actividades do 13 de agosto na Feira do Libro 2023

Ramón Villares: “A irmandade cultural con Portugal pode conducir a máis colaboración”

Entrevista a Ramón Villares en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): É aí, coa creación do reino de Portugal, cando se esgaza a Gallaecia e esa historia común sigue camiños distintos.
– Ramón Villares (RV): A tese principal do libro é que estas cousas non é que se decidiran para sempre, pero que o do século XII foi fundamental. Niso apóiome máis na percepción diso de Murguía, que tiña unha percepción bastante clara do que fora Xelmírez e do que era unha monarquía, un reino, como institucións substantivas. No século XII tómanse dúas rutas diferentes, unha ruta máis cultural, máis baseada no poder eclesiástico, máis conectada coa Europa dos francos, que representaría Xelmírez, e unha ruta máis política, máis baseada na idea dun reino e dun rei, que foi Afonso Henriques. Na súa propia vida case chegou aos Algarves e construíu non só a monarquía, senón o territorio portugués case como o coñecemos hoxe. O resultado foi que a Gallaecia Magna, a dos suevos e posterior, quedou escindida. Para a Gallaecia do norte foi, a longo prazo, bastante brutal, porque quedou excéntrica, incrustada nun reino que estaba lonxe, non tivo ocasión de facer a guerra, non tivo un imperio, como tiveron os portugueses, en fin, todas estas cousas que decidiron o pasado. (…)
– LVG: Antes falou de desafíos. Cales son, na súa opinión?
– RV: Creo que hai dous. Un é amortecer na medida do posible o peso que teñen os estados nación sobre calquera idea que supoña un cambio do poder territorial, porque tanto Madrid como Lisboa están moi atentos ao que pode pasar en calquera destes supostos. O segundo é ter unha estrutura institucional que no caso do galego é a autonomía e no caso do portugués a rexión norte pero non é equiparable ao que é a autonomía galega. Estanse dando pasos nesta dirección. Non podemos soñar aínda que teñamos un reino suevo redivivo, unha Gallaecia Magna, que todo o que hoxe adiantamos no sentido de crear esta irmandade cultural, estas relacións constantes, poida conducir a unha parcería, a transformarse nunha cooperación cada vez máis intensa. E logo a vida fará o resto. Non é necesario facer un decreto. As sociedades van ir acompañando isto. Hai profesores galegos nas universidades portuguesas, hai moitos médicos que están alí, empresarios que teñen parte das súas fábricas en Portugal e á inversa, e así é como se fai, se crea un territorio. Un territorio necesita un certo respaldo institucional, porque se non está desvalido, e ese respaldo a propia, as relacións que hai entre a Xunta de Galicia e a rexión norte son bastante boas, xa o foron dende o principio, e é un bo punto de partida.
Para Villares, a desfronteirización propiciada polo ingreso na UE está dando como resultado a creación de facto dunha unha «eurorrexión un pouco informal, sen ter un tratamento institucional propio, nin sei se o terá algún día. Eu avogo porque si, pero iso xa é outra cousa. Isto nos axuda a entender mellor as relacións con Portugal, que sempre están un pouco conturbadas, hai suspicacias, problemas, que se linguas, que se ortografías, modos de ser, se nos entendemos ou non. E creo que esa desfronteirización axudou a superar isto». (…)”

Lourenzá: Curso de verán “Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX”