Laura Tato: “Carvalho Calero comezou a escribir teatro durante a República por militancia”

Entrevista a Laura Tato na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Carvalho Calero debutou como dramaturgo durante a II República. Nesa época escribiu O fillo e Isabel, aínda que naquela altura comezaba a darse a coñecer sobre todo como poeta, o rol literario no que sempre se reivindicou. Por que decidiu daquela escribir teatro?
– Laura Tato (LT): Carvalho Calero é nesa época sobre todo un activista político e poeta. Escribe teatro por militancia, como facían case todos os intelectuais. Isto non é algo exclusivo da literatura galega, en todas as culturas non normalizadas comprométense coa creación dun sistema literario. Na galega, o da poesía xa estaba creado desde Rosalía de Castro e o da narrativa fora iniciado polo grupo Nós. Faltaba o teatro e nese escenario é onde aparecen as primeiras obras de Carvalho Calero. Son un exemplo magnífico do proceso de construción dun teatro nacional galego.
– RAG: En que contexto? As súas achegas son dos anos 30 e as Irmandades da Fala xa traballaran arreo na construción dese teatro nacional galego desde a súa fundación en 1916.
– LT: O teatro galego experimentara un impulso tremendo entre 1915 e 1923, pero a ditadura de Primo de Rivera acabou con el. Cando esta remata, os membros das Irmandades da Fala están inmersos na actividade política, preparando a formación do Partido Galeguista, o único que retoma o teatro é Castelao no seu tempo libre. As alarmas saltan cando a prensa recolle que as Mocedades Galeguistas están a representar obras de teatro en español en Lourenzá, na propia localidade natal do seu presidente, Francisco Fernández del Riego. Isto sucede porque pensaban que non existía teatro en galego, descoñecían o que se fixera antes da ditadura. Por iso, na asemblea que celebra o PG en xaneiro do ano 1934, se lles encarga ás Mocedades unha comunicación sobre o teatro que fixe as instrucións que permitan retomar ese labor dirixido a completar o sistema literario. (…)
– RAG: Farsa das zocas levouna el mesmo a escena co seu alumnado na etapa en que foi director do Colexio Fingoi. Que papel desempeñou Carvalho Calero na historia do teatro escolar en galego?
– LT: Foi un pioneiro. O teatro é unha ferramenta didáctica magnífica, algo marabilloso para os rapaces. De acordo que o que facía Carvalho Calero era para as festas, pero facíao en galego, era o único espazo que lle permitía introducir algunha nota da cultura nacional en plena ditadura.
– RAG: Como foi a recepción das súas obras no teatro galego que emerxe a comezos dos anos 70?
– LT: Coido que non tivo a máis mínima recepción. Os rapaces que estaban a facer teatro neses anos pensaban que nunca antes houbera teatro galego máis alá d’Os vellos non deben de namorarse e tampouco lles ía servir para o que eles facían o de Carvalho Calero. O movemento do teatro independente de furgoneta non tiña nada que ver coa visión do mundo dun catedrático de universidade coma el. Eduardo Blanco Amor si que se incorporou ao movemento do teatro galego desa época e estivo nas Mostras de Ribadavia; opinaba, polemizaba, pero Carvalho Calero sempre se debeu de manter moi á marxe do mundo e da xente do teatro. (…)”

O III Concurso de microrrelatos premia nove pequenas grandes historias entre as máis de 750 presentadas

Desde a Real Academia Galega:
“O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e académico de número, Manuel González; a académica de número Ana Romaní; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista Cláudia Morán, membro do comité de redacción de Luzes, conformaron o xurado que resolveu a terceira convocatoria dunha iniciativa que cada ano gaña popularidade entre os amantes da escrita de todas as idades.
A ourensá Cristina María Fernández Mangana, de 27 anos, fíxose co primeiro premio na modalidade de adultos entre os máis de 400 textos presentados por persoas maiores de 18 anos. Acadouno con “A tía Ramona”, unha emotiva historia sobre o paso do tempo e a ausencia en 192 palabras. A coruñesa Laura Rey Pasandín, de 40 anos, mereceu o segundo galardón na mesma categoría por “Litofanía”, un conto de 78 palabras inspirado nunha persoa especial para ela que coleccionaba porcelana; e o terceiro é para Ana María Gil Rey, veciña de Caión (A Laracha) de 22 anos e autora de “Sombras”, 36 palabras cheas de intensidade narrativa.
Nee Barros, estudante de 2º de bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, acadou o primeiro premio da categoría xuvenil con “Entre a vida e a morte”, un relato de só 85 palabras cun gran dominio do humor. Este é o seu segundo galardón neste certame da RAG e PuntoGal. Na primeira edición, sen categorías por idades, xa demostrara o seu talento ao facerse cun dos terceiros premios. Andrea Estévez Correa, alumna de 1º de bacharelato do IES Ribeiro do Louro de Porriño, é a gañadora do segundo premio para autores e autoras entre os 12 e os 17 anos con “Sorrisos de guerra”, unha historia de esperanza en medio da dor expresada en 158 palabras; e Ana Martínez García, estudante de 4º da ESO do IES de Cacheiras (Teo), mereceu o terceiro por “Amor por correspondencia”, de só 32 palabras.
A Christian Cabaleiro Otero, estudante de 6º de primaria do CEP Santa Mariña de Redondela, bastáronlle 80 palabras para transmitir o pracer da escrita en “Un mundo máxico”, o relato gañador do primeiro premio na categoría infantil. Héctor Otero Pérez, alumno do mesmo curso no CEIP Rosalía de Castro de Vigo, foi recoñecido co segundo galardón nesta modalidade con “A roupa da Terra”, un conto de 164 palabras no que a fantasía habita o Universo; e Triana Liste Conde, alumna de 5º de primaria do CPI de Bembibre (Val do Dubra), gañou o terceiro con “O neno princesa”, un relato de 200 palabras sobre o respecto á diversidade.
As persoas premiadas recibirán diferentes premios tecnolóxicos, libros e, no caso dos primeiros e segundos premios das categorías de adultos e xuvenil, un dominio .gal gratuíto durante un ano. A Real Academia e PuntoGal publicarán proximamente os textos seleccionados nas súas páxinas web. Luzes tamén os reproducirá e agasallará as persoas gañadoras na modalidade de adultos cun lote de publicacións da revista.”